LUNS DA ROMARÍA DA FRANQUEIRA 2013 (A CAÑIZA)
07:28
Xoán Martínez Tamuxe
Somos
grandes devotos da Nosa Señora da Franqueira (ou Nosa Señora da Fonte),
concello da Cañiza.
Temos
asistido no santuario monacal do século XIII ás solemnes celebracións das
Pascuíllas (Luns de Pascua) coa peregrinación de preto de 70 imaxes que chegan
en procesión, dende as súas parroquias, e tamén á Festa do 8 de setembro (Nosa
Señora).
Pero nunca
estivemos na do luns, festa de setembro, o día 9. Día solemne este, pero de
menor afluencia de romeiros e de certa tranquilidade, recollemento e
manifestación relixiosa, quizais máis ordenada e íntima.
Na
celebración do 8, domingo, como na do luns, 9, é tradicional, despois da Misa
Solemne, contemplar a saída da Virxe (réplica da antiga imaxe do século VII)
sobre o carro de bois (agora, carro de vacas), así como asistir aos bailes
tradicionais (de arcos e cintas) e tamén á loita de espadas entre o mouro e o
cristián, que vencido o mouro, segue encadeado na procesión e se ofrece á
Virxe...
Rematada a
procesión, comida de campo. Desta xornada velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica.
VISITA Á HISTÓRICA PONTE DE CERNADELA (MONDARIZ)
06:45
Xoán Martínez Tamuxe
De volta da
Xestosa, camiño da casa, quixemos contemplar novamente ese monumento do
concello de Mondariz, pobo.
A estrutura
actual, reforma do século XV, tanto pola súa situación clave na zona, como
polos vestixios que se atoparon nas proximidades, cabe pensar ocupa o lugar
doutra ponte máis antiga, sen dúbida, romana.
Cren varios
historiadores, pola propia ponte e achádego de estelas anepígrafes e distinta
cerámica romana, que pode tratarse de restos histórico-arqueolóxicos da posible
vía romana, que cruzaba este concello, quizais fora a XVIII do itinerario de
Antonio Pío, de Brácara a Astúrica.
Como
patrimonio que é, atópase nunha fermosa paraxe fluvial, adecuada e
perfectamente coidada. Ponte que une Mondariz e a parroquia de Riofrío.
A nosa
sincera noraboa aos responsables do patrimonio histórico-monumental do concello
de Mondariz.
A ROMARÍA DA XESTOSA NO CONCELLO DE COVELO
06:39
Xoán Martínez Tamuxe
Hai poucas
semanas, un ano máis, asistimos á multitudinaria, devota e popular romaría na
súa antiga ermida, no límite dos Montes Faro de Avión.
Conta a
tradición que nese lugar existiu un ermitorio nos primeiros séculos do
Cristianismo. Un testemuño -cóntase- é o sepulcro antropomorfo que alí existe á
beira do dito santuario.
Dise que nel
foi sepultada a abadesa dese primitivo mosteiro. Hoxe en día, multitude de
romeiros devotos, collen auga nesa tumba e lávanse onde teñen as doenzas.
Rematada a
Santa Misa e a procesión, os asistentes espállanse polos arredores e disfrutan
de comida campestre.
Desta
celebración do 8 de setembro na honra de Nosa Señora ofrecemos esta pequena
reportaxe fotográfica.