Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal


No ano 1999 Xoán Martínez Tamuxe publicou Cruceiros, Cruces e Almiñas do Baixo Miño. I Concello do Rosal. Este libro consta de 288 páxinas e máis de 150 fotografías a cor e en branco e negro. O prólogo é de D. José Luís Portela Trigo e foi editado polo Servicio de Publicacións do Concello do Rosal. A obra é unha catalogación-inventario deste patrimonio relixioso-cultural no municipio rosalés. Trátase do primeiro volume da colección Cruceiros, Cruces e Almiñas de todo o Baixo Miño. O libro vai dedicado "A cantos santeiros fixeron estes monumentos con devoción, esforzo, traballo e inspiración; a cantos devotos os erixiron pola súa promesa; ós veciños que tiveron a honra de telos no lugar; ós cristiáns que algunha vez lles botaron unha doce ollada; a cantos diante deles tiveron un bo pensamento ou lles rezaron unha oración; a cantos rosaleiros emigrantes na distancia se lembraron deles...; a quen, por ignorancia ou mala fe, ó velos blasfemou... ou algunha vez fixo de "tumba cruceiros"; a cantos, aínda que indiferentes, contemplaron e admiraron neles a súa arte... así como a tódolos que aínda hoxe loitan pola defensa ou conservación deste patrimonio".