Biografía de Xoán Martínez Tamuxe



Seudónimo de Juan Bautista Martínez González. (O Rosal, 29-XI-1930). Historiador, arqueólogo e investigador. Cursou estudios eclesiásticos nos Seminarios Menor de Tui (Filosofía) e Maior de Vigo (Teoloxía) que rematou en 1960.


En 1974 matricúlase na Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Historia. Secularizouse en 1975-76. En 1977 traballa como secretario da Cámara Agraria Local da vila do Rosal. Por concurso de méritos a Delegación Provincial de Cultura, nomeouno en 1979 Garda-Encargado do Conxunto Histórico de Santa Trega e Conservador do Museo Arqueolóxico.


Premio Literario I Certame Xornalístico da Cidade de Tui (1973). Foi correspondente e colaborador dos xornais El Pueblo Gallego, La Hoja del Lunes, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, A Peneira, etc., así como correspondente de Radio Popular de Vigo en Baiona.

Colaborador así mesmo das revistas do Museo de Pontevedra, Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui, Pontevedra Arqueolóxica, Pregón e Soberosum de Ponteareas, etc. Dende 1987 é o director do Boletín Informativo Municipal do Rosal, así como da colección Memoria da Festa do Cabaqueiro.


En 1996 a Agrupación Cultural Guardesa dedicoulle o Día das Letras Galegas en homenaxe a súa traxectoria histórico-literaria no Baixo Miño.


Exerceu como profesor en colexios e academias de Ponteareas, A Guarda e Baiona. Cofundador do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño (1968), do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui (1974), da Biblioteca, Museo Etnográfico e Boletín Histórico Cultural do Concello do Rosal, así como do Instituto de Estudios de A Paradanta y Condado do Tea (2003).


É membro do Instituto Padre Sarmiento (Sección de Arqueoloxía) de Santiago de Compostela (1979), da Asociación Colegial de Escritores de España (1982), Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra (1983), membro colaborador do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (1984).


Dende o ano 2007 é o presidente do Instituto de Estudios Tudenses.