O FALAR DAS CAMPÁS. ÚLTIMO LIBRO DO ESCRITOR ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ
06:47
Xoán Martínez Tamuxe
O pasado día 25 de outubro tivo lugar na Sala Multiusos
do Auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas) a presentación dun novo libro do
prolífero escritor Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez.
Esta publicación, amena no seu estilo e novidosa pola
temática, leva por título O falar das
campás.
Trátase dun orixinal estudo sobre as campás da vila de
Ponteareas e as súas parroquias.
Entre unha sala repleta de público, interesada en coñecer
este novo libro, atopábanse o alcalde Sr. González Solla e concelleiros, así
como os escritores señores Pérez Labaca, Fernández Sendín e Gulías Lamas.
Fixo a presentación do autor, preclaro investigador,
etnógrafo, naturalista e historiador, Sr. Fernández de la Cigoña, o concelleiro
de Cultura do concello da vila de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández,
escritor e investigador.
Na súa intervención, o autor falou do novidoso do tema,
para boa parte do público. Non é doado pensar, comprender, como cada campá
equivale a un documento. Pois nela figuran e se recollen cantidade de noticias
escritas. Nelas, atópanse a data de fundición, a dedicación da campá (por
exemplo a un santo) quen foi o doador, onde se fundiu, etc.
Lembrou o autor como as campás, antes máis que agora,
tiñan a función de anunciar en cada parroquia, os principais acontecementos.
O libro conta con máis dun cento de páxinas e atópase ben
ilustrado. Está editado pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía
(AGCE) Remata cun apartado de agradecementos.