Celebráronse as Pascuillas na honra da Nosa Señora da Franqueira (A Cañiza)

O pasado luns de Pascua do Espírito Santo, día 1 de xuño, celebrouse no románico santuario da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira (concello da Cañiza) a tradicional “Festa das Pascuillas”. Moi de mañanciña, dende as parroquias da bisbarra do Condado-Paradanta e aínda doutras freguesías, saen os fieis en procesión coas imaxes máis devotas da parroquia camiño da Franqueira. Segundo os nosos datos este tipo de romaría vense celebrando xa dende o século XVIII. As devotos das parroquias máis próximas a este santuario, levantado no século XIII polos monxes do Císter, van chegando en procesión, uns a pé e outros en tractor, fermosamente adornados, facendo lembrar á célebre romaría andaluza da Nosa Señora do Rocío. As procesións coas cruces parroquiais, as imaxes e pendóns, fan unhas paradas de ritual, realizando curiosas e ancestrais cerimonias (brincos, saúdos, apertas…) entre elas. Ao chegar á Franqueira, a imaxe de Nosa Señora, anfitrioa, sae a recibir e ao final vai despedindo –dende o interior da monacal igrexa- ante a pétrea imaxe, a cada procesión, sempre con ese tradicional saúdo, mentres o párroco, mediante a megafonía comenta no vistoso desfile de que imaxe se trata e a que parroquia pertence. Este ano, coa visita de máis de 60 imaxes, a ofrenda na misa solemne correspondeu a Santa Mariña de Covelo, sendo o abade párroco de Santa María a Maior de Pontevedra o oficiante da Eucaristía. Miles de romeiros devotos da Virxe, descansaron e comeron de campo, baixo as abundantes e acolledoras sombras daqueles agrestes montes de altura (A Paradanta) ao tempo que tamén cumpriron as súas promesas. Un ano máis fomos testemuña desta tradicional e mariana romaría cuxos orixes se atopan entre a lenda e a historia.