FESTAS NA HONRA DO SANTO CRISTO DA SAÚDE DE UMA



O pasado domingo 5 de agosto, a parroquia de San Andrés de Uma (Huma) celebrou solemnes festas relixiosas en loubanza do Santo Cristo da Saúde. Así mesmo, festas profanas por todo o alto.


Esta parroquia, a máis pequena e alonxada da súa capitalidade, Salvaterra de Miño, aparece xa citada na Historia no século XIII.


Huma foi filial da monacal parroquia de Nosa Señora da Fonte (ou da Franqueira). E aínda, no século XVIII, atende dos cultos Fr. Xerome do Castillo, pai provisor e predicador do Mosteiro do Císter, da Franqueira.


Tivo tamén especial relación tanto co Mosteiro de Melón, como cos Condes de Salvaterra.


En canto á devoción ao Santo Cristo da Saúde, que é avogado de doenzas de cabeza, atopamos xa referencias a esta artística imaxe en 1756 no libro da Confraría de Ánimas. De entre outras cousas fálase do carpinteiro que compuxo o altar e retablo, así como de pintar este (o altar) e máis “pintar (policromar) el Santo Cristo” que custou, naquel entón, 395 reais de vellón.


Os actos litúrxicos desta celebración, seguindo a tradición, son-foron- dobres. O domingo, na honra do Santo Cristo, e no luns, na da Virxe Nosa Señora do Carme.


En ambas celebracións oficiou a Eucaristía o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes e foi cantada pola Coral “Ars Cantorum” de Guillade. O luns cocelebrou co oficiante, o Rvdo. D. Javier Alonso Docampo, párroco da Franqueira e a misa solemne foi cantada polo “Coro Sentimento”, de Paraños (Covelo).


As procesións dos dous días, coas dúas imaxes, fixeron o itinerario de costume, isto é, ata o cruceiro do antigo torreiro de festas de Santrandrel. Artístico cruceiro, que data de 1877 e foi levantado polo párroco Rvdo. D. Rafael Durán y Mera.


Deixo con esta pequena crónica cumprida a promesa e palabra dada a un amigo de Uma. Que o noso Patrón e Apóstolo San Andrés nos bendiga.