ROMARÍA DAS PASCUÍLLAS NA FRANQUEIRA, 2013




Como cada ano, asistimos á tradicional Romaría das Pascuíllas, no monacal santuario da Franqueira, concello da Cañiza. Este 2013 acompañamos á imaxe do Carme, de San Andrés de Huma, do concello de Salvaterra.



Foi o segundo ano que o recibimento das imaxes se leva a cabo na acolledora carpa sita no Outeiro, alí próximo.



As procesións das imaxes, algunha en "engalanados chimpíns", acompañadas cada unha delas polos seus parroquianos e da correspondente charanga, foron chegando á Franqueira.



Ordinariamente, e nun principio, hai varios centos de anos, foron os fieis das comarcas da Paradanta e Condado. Hoxe, chegan ata de Vigo. 



Este ano coa asistencia de 72 imaxes, boa parte delas de fermoso estilo barroco.



A imaxe titular da Franqueira, Nosa Señora da Fonte, foi recibindo as que ata alí chegaban, co cerimonial de costume, a base de xenuflexións, reverencias e saúdos, tanto coas imaxes, como coas cruces e pendóns.



A Santa Misa solemne oficiouna o bispo de Tui-Vigo, monseñor Quinteiro, cocelebrando con el os cregos das diferentes parroquias.



A ofrenda de ritual correu a cargo da parroquia de San Pedro de Batalláns, do concello das Neves.



Rematada a Eucaristía, organizouse a solemne, devota, longa e vistosa procesión, viva expresión de relixiosidade, como tamén de riqueza artístico-etnográfica.



Despois, recollida a procesión, comida campestre. Alá para as catro da tarde, previa despedida co ritual das imaxes como na chegada, o reitor do Santuario, desexoulle a cada parroquia unha boa viaxe e ata o ano. O cerimonial das imaxes celebrouse como é tradicional no torreiro e por último na igrexa parroquial, como sempre.


Reportaxe fotográfica completa da Romaría das Pascuíllas 2013.