Somos
grandes devotos da Nosa Señora da Franqueira (ou Nosa Señora da Fonte),
concello da Cañiza.
Temos
asistido no santuario monacal do século XIII ás solemnes celebracións das
Pascuíllas (Luns de Pascua) coa peregrinación de preto de 70 imaxes que chegan
en procesión, dende as súas parroquias, e tamén á Festa do 8 de setembro (Nosa
Señora).
Pero nunca
estivemos na do luns, festa de setembro, o día 9. Día solemne este, pero de
menor afluencia de romeiros e de certa tranquilidade, recollemento e
manifestación relixiosa, quizais máis ordenada e íntima.
Na
celebración do 8, domingo, como na do luns, 9, é tradicional, despois da Misa
Solemne, contemplar a saída da Virxe (réplica da antiga imaxe do século VII)
sobre o carro de bois (agora, carro de vacas), así como asistir aos bailes
tradicionais (de arcos e cintas) e tamén á loita de espadas entre o mouro e o
cristián, que vencido o mouro, segue encadeado na procesión e se ofrece á
Virxe...
Rematada a
procesión, comida de campo. Desta xornada velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica.