O FALAR DAS CAMPÁS. ÚLTIMO LIBRO DO ESCRITOR ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ


O pasado día 25 de outubro tivo lugar na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas) a presentación dun novo libro do prolífero escritor Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez.
Esta publicación, amena no seu estilo e novidosa pola temática, leva por título O falar das campás.


Trátase dun orixinal estudo sobre as campás da vila de Ponteareas e as súas parroquias.


Entre unha sala repleta de público, interesada en coñecer este novo libro, atopábanse o alcalde Sr. González Solla e concelleiros, así como os escritores señores Pérez Labaca, Fernández Sendín e Gulías Lamas.


Fixo a presentación do autor, preclaro investigador, etnógrafo, naturalista e historiador, Sr. Fernández de la Cigoña, o concelleiro de Cultura do concello da vila de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, escritor e investigador.


Na súa intervención, o autor falou do novidoso do tema, para boa parte do público. Non é doado pensar, comprender, como cada campá equivale a un documento. Pois nela figuran e se recollen cantidade de noticias escritas. Nelas, atópanse a data de fundición, a dedicación da campá (por exemplo a un santo) quen foi o doador, onde se fundiu, etc.


Lembrou o autor como as campás, antes máis que agora, tiñan a función de anunciar en cada parroquia, os principais acontecementos.



O libro conta con máis dun cento de páxinas e atópase ben ilustrado. Está editado pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE) Remata cun apartado de agradecementos.