Eitor Martins publica "Un novo amanhecer"


Fai pouco e con certa demora recibín mediante o noso común parente Benito, esta por agora, última publicación realizada o pasado 2015 polo noso estimado e culto amigo brasileiro Eitor Martins.

E este é o presente e seu máis recente libro: Um novo amanhecer. Aínda que tamén se trata do seu libro máis pequeno (en tamaño, pois ten 140 páxinas) non é tal en interese nin en importancia no seu contido.

Publicación, para nós, a número cinco, na que o amigo Eitor, xurista, empresario e escritor, é o seu autor e tamén editor. El fai unha breve e sincera presentación. Aquí nos conta que o texto do libro Um novo amanhecer, "pode ser leído e interpretado conforme a visión do lector". 


Leva igualmente, unha amistosa dedicatoria a un amigo, que reza: "Fernando García Camacho, dedico a vocé este pequeno libro: obrigado polo seu apoio, incentivo e consideraçao. Súa amizade significa muito para min".

Así mesmo, o prefacio ou prólogo é da súa autoría. É curto e tamén expresivo: "¿Medo? ¡Para que te-lo! O importante é vivir a vida".

Cada un dos seus capítulos son doses de optimismo, de ilusión, de alegría, de esperanza que nos anima a atoparnos coa felicidade, coa paz, con Deus, como Pai e Amigo...

O escritor e autor, remata o seu libro, con impresionantes e metafóricos versos libres, como si se tratase dunha desexada e ideal conclusión agardada: Um novo amanhecer.