Romaría de Doce Nome de Xesús (Mavia-Loureza)




O sábado 27 do pasado mes de maio o pintoresco barrio de Mavia (Loureza-Oia) honrou ao seu titular da capela, o Doce Nome.

Xa de mañanciña, unha salva de 12 bombas anunciaba as festas. Tampouco faltaron os pasarrúas do grupo de gaitas de danza Virxen do Alivio.


O torreiro da capela e tamén recinto das festas, onde non faltaban nin a cantina nin o posto de venda de rosquillas, atopábanse iluminados, o mesmo que a ermida. Esta, no seu interior, achábase fermosamente adornada con flores e repetidas ofrendas de velóns, simbolizando acción de grazas e tamén quizais novas peticións ao Bon Xesús.


No interior da capela presidía a artística imaxe do titular, o Neno Xesús (coido, imaxe barroca) e tamén a nova imaxe da Nosa Señora de Fátima.

Ás 12:30 horas daría comezo a Santa Misa cantada e oficiada polo cóengo e párroco de Figueiró, Estás e Forcadela, José Luis Portela Trigo. O celebrante da Eucaristía estivo auxiliado polo párroco de Loureza e de Burgueira, Antonio Estévez Fernández. Antes do inicio da misa, este dirixiuse aos fieis presentes manifestándolles que tiña unha mensaxe da señora alcaldesa, Cristina. Non era outro que se lle disculpase por non poder estar presente nesta solemne romaría dos veciños de Mavia, debido a un inesperado compromiso.


Ao final do acto litúrxico, na procesión desfilou en primeiro lugar a imaxe de Nosa Señora de Fátima, levada por mozas do pobo; en segundo, presidindo a mesma, a imaxe do Neno Xesús, o Doce Nome de Mavia, levado tamén por mozos do lugar.


Seguíanlle ás imaxes, o clero, o grupo de gaitas Virxen do Alivio e, por último, os fieis. O itinerario seguido foi o de costume: arredor da capela, ata a chegada ao Cruceiro (unha cruz), voltando para o recinto do santuario.


Chegada aquí a procesión, o sacerdote celebrante, José Luis, sube ao púlpito de de pedra, situado á beira da capela, e pronuncia a correspondente homilía referente ao titular da ermida. Na súa intervención falou do poder espiritual, da súa intercesión divina, como Deus, máxime neste momento tan crítico da Humanidade, máxime cara ao futuro, para a xuventude.A seguir recolleuse na capela a procesión.


De tarde e para amenizar o ambiente cívico-festeiro da verbena, a Comisión de Festas ofreceu os seguintes grupos: Trío Azar e Trío la Clave, que resultaron do agrado de todos.