Achádego dunha asa de ánfora romana en O Rosal


Cruceiro de Lamas e poste onde apareceu a asa

Fai poucos días -antes do confinamento- saín como de costume a pasear pola vila, partindo do Calvario, en dirección ao barrio das Medas, xuradía de Novás.

Cando pasaba polo lugar de Lamas, acordei observar a cantidade de auga que da Fonte de Tiarxo, levaba agora o novo regato de cemento... Ía, en verdade, cheo.

Dito rego pasa pola cabeceira das fincas á esquerda da estrada que leva á ermida de San Sebastián, nas inmediacións e a poucos metros do cruceiro de Lamas.

O que en primeiro lugar me sorprendeu foi observar -nun chanzo dos novos postes de formigón da luz, que se levanta entre o citado rego e a leira- un trozo de cerámica.

Cando me acheguei a dito poste da luz, puiden recoñecer con grande sorpresa e admiración, que se trataba dunha "asa de ánfora romana, parte moi definida da mesma".


Nada raro, pois, o atopar este fragmento arqueolóxico nesta zona, xa que, a menos de 300 metros cara ao Norte, se emprazan os populares "Castros de Francia".

Estes xacementos foron estudados en 1939 polo historiador e cóengo guardés, D. Juan Domínguez Fontela; e a menos de 200 metros cara ao Leste, atópase tamén a Praza do Calvario (casa do Concello e igrexa), considerada igualmente xacemento arqueolóxico.


O que máis si me chamou a atención, foi tanto o lugar onde foi colocado, intencionadamente, ese cacho de ánfora, como o que fora recollido e retirado do lugar en que se atopaba.

Coidamos sería localizada nas inmediacións ou na propia finca, que os donos traballan. Ben seguro que dita peza puido chegar ata aquí por "arrastre". Por aquel ocorrente rosaleiro situalo nese curioso lugar, puido salvarse do seguro esquecemento. 

Pola contra, grazas a esa novidosa exposición no poste, salvouse dita peza, todo un auténtico documento arqueolóxico, que axuda a un maior coñecemento da romanización no noso concello do Rosal.

Longo máximo, 12 cm; longo mínimo, 9 cm; ancho, 5 cm; grosor: 3 cm

Para unha maior información sobre esa peza da "ánfora romana", diremos que é moi simbólica e típica da alfarería da época e se considera herdanza e modelo dos envases gregos. Vasilla de formas e partes ben definidas: con boca, pescozo con asa a cada lado, panza e pé, remate non plano, senón de forma de pivote.

A ordinaria altura da ánfora era sobre 1 metro; a súa capacidade, de 45 a 56 litros. Ditas vasillas, eran por suposto, de barro cocido con certo barnizado interior de resina. Se pechaban con tapas, xa de cortiza, xa de madeira, suxeita con pez.

As ánforas eran apropiadas para o trasporte naval, tanto de viño (vinarias) como de aceite (oleáreas). En menos cantidades, mel, aceitunas, salazón de peixe, salsas aromáticas, cereais...

Ánfora no Museo de Santa Trega (A Guarda)

Soían levar a correspondente garantía e signo externo de significación comercial. Dita mercancía, cando se transportaba en naves, era protexida con palla, esparto ou material semellante. A súa carga e descarga, ordinariamente, se facía mediante esclavos ou tamén con persoal profesional.

Se o transporte era a lugar próximo, se realizaba en carros. Aínda, tamén neste caso, o transporte consistía en pasar unha corda entre as ás, ou unha tira de coiro de modo que se puidera introducir por ela un pau de forza suficiente para resistir o peso e que colocaban ao ombreiro dos porteadores.


Por exemplo, unha nave de máis de 2000 ánforas, era considerada, sen dúbida, como unha das maiores.

A maioría das cerámicas (industrias) atopábanse no posible en lugares máis cercanos aos embarques. Moitos dos desembarques, posiblemente, se realizarían en praias, facendo de portos.

Esta asa, singular peza arqueolóxica, é todo un verdadeiro documento que nos informa como tan significativo material romano chegaba embarcado aos nosos poboados galaico-romanos.

Este noso documento arqueolóxico, será depositado no Museo Municipal-Centro Etnográfico da Vila do Rosal.

BIBLIOGRAFÍA

-Domínguez Fontela, Juan. "El castro de El Rosal (La Guardia)". Faro de Vigo, 1939.
-Beltrán Lloris, Miguel. Las ánforas romanas en España. (Zaragoza, 1970).