Amosando publicacións coa etiqueta Diócesis Tui-Vigo b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diócesis Tui-Vigo b>. Amosar todas as publicacións
Cameselle Bastos, gran estudoso de Tui e Baiona
09:27
Xoán Martínez Tamuxe
Facemos esta particular e ben merecida lembranza do noso vello amigo Cameselle, singularmente, por dúas razóns.
A primeira, pola relación de amizade a propósito do seu nomeamento como ecónomo da parroquia de Santa María de Baredo, relevándome no cargo, en 1975.
A segunda razón da miña sincera gratitude é por ser coautor da guía turística que os dous acordamos facer en 1976 sobre Baiona.
Por todo iso lembramos brevemente a súa ampla biografía. Nace Domingo Cameselle Bastos na cidade de Vigo o 13 de xuño de 1931. Ordénase sacerdote na tamén cidade de Tui o 21 de setembro de 1957.
En 1972, segundo o Nomenclátor Diocesano desa data, foi nomeado capelán do Apostolado do Mar. Pois, certamente, Cameselle, foi un namorado de Baiona, excepcionalmente, da xente do mar. Xa no 1975-76, tal como dixemos, atopámolo como ecónomo de Baredo e capelán das RR. Carmelitas de Sabarís (Ramallosa-Baiona).
No Nomenclátor ou Guía da Iglesia Diocesana de Tui-Vigo, o Sr. Cameselle figura como párroco de Morgadáns e de Peitieiros; subdirector do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, así como membro da Comisión Diocesana de Patrimonio Cultural.
En 1990, o bispo monseñor José Cerviño nomeou a Cameselle capelán do convento da Milagrosa de Tui e responsable do culto na Catedral en coordinación coa parroquia e cabildo. Neste mesmo ano, Domingo Cameselle creou o boletín "Pórtico"; así mesmo, foi clave na fundación da Asociación Amigos da Catedral, dándolle así un notable impulso á vida litúrxica do templo.
En 1995 o noso finado amigo, foi nomeado polo bispo monseñor Cerviño, director do Museo e Arquivo Histórico Diocesano en substitución do M.I. Cóengo D. Antonio Hernández Matías.
En 1996, Cameselle Bastos, por razón da súa próxima xubilación, e na Asemblea Xeral da Asociación, deixa as súas funcións na xunta directiva, así como a responsabilidade do culto da catedral de Tui. E aínda, provisionalmente, de 2001-2002, estivo de ecónomo de Baíña e Baredo.
Domingo Cameselle deixa interesantes colaboracións na revista do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, en Soberosum de Ponteareas, así como en folletos, tanto sobre a Catedral como en programas de música sacra, exposicións, etc.
Da súa obra de investigación histórico-literaria, cabe destacar:
-Bayona La Real. Historia, Arte, Turismo (en colaboración, 1976).
-Parroquia de Santa María de Baredo (1997).
-A capela de Santa Liberata-Bayona La Real. (Separata da revista do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui, 1980).
-La Catedral de Tui. Historia y Arte (1993, nº 14). Autores: Cameselle Bastos-Iglesias Almeida. Fotos: Pío García.
Segundo información recollida no blog da Amigos da Catedral de Tui "o 1 de novembro de 2008, Domingo Cameselle Bastos e, logo de varios anos de preparación, profesaba como monxe no mosteiro de Santa María de Sobrado da Orde do Císter, recuperando unha primixenia vocación e onde desempeñou diversas responsabilidades monásticas".
Na visita que lle fixemos o primeiro de xullo de 2012, tal como lle prometera, o noso amigo Domingo, desviviuse no recibimento que nos ofreceu, ensinándonos o histórico e artístico monumento como é o mosteiro de Santa María de Sobrado, dos máis antigos de Galicia, pois a súa fundación data do ano 952.
O reverendo Pai Domingo Cameselle Bastos, finou o pasado día 22 de maio, no mosteiro de Sobrado da orde císter (A Coruña). Se celebraron honores fúnebres polo seu eterno descanso, cando menos, no citado mosteiro e na Santa Igrexa Catedral de Santa María de Tui.
¡Que o noso amigo Domingo viva na paz de Cristo!
Bibliografía consultada:
Diferentes Nomenclátor da Diócese e boletíns soltos.
Faro de Vigo (23-V-2019).
As Festas do Cristo de Uma dende o século XVIII
06:45
Xoán Martínez Tamuxe
Outro ano máis, San Andrés de Uma celebra o vindeiro domingo día 6 de agosto e con toda solemnidade, a súa “festa maior”: O Cristo da Saúde.
Pero antes de abordar o programa da festa, faremos unha breve sembranza da parroquia a fin de enriquecer o coñecemento histórico sobre o noso pobo.
A primeira mención escrita, histórica, da que temos constancia da nosa freguesía do apóstolo San Andrés, remóntase ao século XIII, concretamente ao ano 1289. Alusión que se fai á parroquia de “Huma”, a propósito da relación dos milagres de San Pedro G. Telmo, patrono da diócese de Tui.
Anos despois, pero tamén en pleno século XIII, cando a fundación do Mosteiro da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, Payo Sorrodea i Sotomaior, Señor de Salvaterra, donou aos monxes cistercienses, entre outros lugares, Uma con toda a súa xurisdición civil e criminal. Doazón que foi confirmada por Juan I, rei de Aragón i Enrique III, rei de Castela.
E porque o Mosteiro da Franqueira estivo durante algún tempo vinculado ao de Melón, a nosa parroquia de Uma, tamén o estivo. Pero desta circunstancia histórica xa falaremos en mellor ocasión.
San Andrés foi sempre rexentada na orde pastoral, polos monxes da Franqueira; e máis tarde por cregos seculares, delegados por aquel mosteiro.
E por último, máxime, despois da nefasta Desamortización de 1835, por cregos designados polo bispo da Diócese.
A nosa parroquia, como filial da de Santa María da Franqueira, e cando menos dende o século XVIII, vén peregrinando á Franqueira nas dúas grandes romarías.
Queremos agora lembrar que Uma celebra o vindeiro domingo 6 de agosto as súas “festas maiores” na honra do Santo Cristo da Saúde, avogado, en especial das doenzas da cabeza. Festa que xa se vén conmemorando anualmente dende o século XVIII, concretamente, segundo documentación histórica, ano 1756.
Nesta data fálase da composición do altar-retablo, de pintar-policromar a imaxe do Santo Cristo, etc. D. Caietano Fernández Barreiro, nomeado polo abade da Franqueira.
Así, pois, como cada ano, ás 12 horas, o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, oficiará a Santa Misa solemne-cantada ao Santo Cristo polo “Grupo Insieme”.
Rematada a Eucaristía, o Santo Cristo sairá en solemne e devota procesión, facendo o itinerario de costume dando a volta ao artístico cruceiro do torreiro, obra costeada polo párroco naquel entón, 1877, o Rvdo. D. Rafael Durán i Mera.
Rematada a procesión, toda ela con repique de campá, no “Torreiro” Banda de Música Xuvenil de Xinzo, interpretará algunha composición a fin de que o público escoite, baile e aplauda.
O luns, é de ritual a misa solemne, que está dedicada á Nosa Señora. A imaxe que sae na procesión é a talla da Nosa Señora do Carme, de singular devoción na parroquia.
Segunda parte da biografía de Manuel Seijo
06:41
Xoán Martínez Tamuxe
Esta é a segunda parte da biografía de Manuel Seijo Rodríguez, que iniciamos na anterior entrada do blog.
Debido a unha grave enfermidade no 2012, Manuel Seijo foi relevado polo bispo de todos os seus cargos pastorais.
E na Guía Diocesana do 2015, o noso amigo Seijo, figura por suposto, xa como subilado, e por razón de gratitude da freguesía, tamén como Párroco Honorario.
O noso biografiado vivía ultimamente cun familiar ata o intre do seu pasamento.
Ao caro amigo Seijo fantoulle tempo e circunstancias que non foron propicias, para abordar, como el quería, algúns temas históricos da súa cidade, Vigo. Para elo, con todo interés foi enriquecendo a súa formidable biblioteca cunha notable bibliografía sobre Vigo.
Descoñecemos, dende hai varios anos, se el chegou a escribir, publicar algún traballo ou se deixou algo inédito.
Só temos noticia de dous traballos (colaboracións de prensa). O primeiro, foi a presentación do libro: Bayona La Real ya tiene su Guía Turística, da autoría de Domingo Cameselle Bastos e de Juan Martínez do Tamuxe. (El Pueblo Gallego, enero 1976). Foi asinado así: S.
O segundo artigo foi sobre outro libro: La Vía romana "per loca marítima" por el Bajo Miño y Costa Atlántica. (El Pueblo Gallego, 4 de enero de 1976), que el titulou: "J.M. Tamuje, para los amantes de la Arqueología", que asina: Lic. M. Seixo.
En canto ao xénero literario, periodístico ou poético, coñecemos pequenas mostras, pero que nos ilustran suficientemente para pensar na capacidade do caro amigo Seijo, neste caso para a poesía.
Deste xénero, como exemplo, damos a coñecer unha peza, que despois dunha visita ao monte de Santa Trega, entre o Oceáno e o Miño, que dende Comillas nos remitiu nunha carta.
Nesta foto que amosamos por detrás, o noso amigo, co seu puño e letra, con certa melancoía e fermosa caligrafía, baixo o título Evocación, escribiu:
O Rvdo. D. Manuel Seijo Rodríguez, segundo información da Diócese de Tui-Vigo, finou á idade de 82 anos, o 22 do pasado outubro do pasado ano 2016.
O bispo monseñor Luis Quinteiro Fiúza, cunha asistenza dunha trintena de cregos e varios centos de fieis, presidiu en Santiago de Vigo a solemne misa polo eterno descanso de D. Manuel Seijo R., Párroco Honorario, celebrada o 24 do citado mes de outubro.
Que o carísimo amigo ¡Vivat cum Christo in aeternum!
Rematamos esta amizosa crónica biográfica con frases de Alberto Cuevas, sacerdote e periodista (na súa mencionada reseña), que di: "Se nos fue así, qué pena, rotas las defensas del vivir y anémico de afectos y cariño, pero ahora el Señor es su Pastor, nada le falta".
Adeus a un condiscípulo e leal amigo: Manuel Seijo
14:45
Xoán Martínez Tamuxe
Manuel Seijo. (Foto: Faro de Vigo)
Intencionadamente deixamos transcorrer un tempo, para que, se cabe, con maior serenidade e documentación, abordar esta sinxela biografía do noso exemplar estudante, condiscípulo en boa parte dos estudos eclesiásticos e, sempre leal amigo.
O Rvdo. D. Manuel Seijo Rodríguez naceu na parroquia de San Esteban de Beade (municipio de Vigo) o 31 de outubro de 1933.
Estudou Latín e Humanidades no Seminario Conciliar de Tui. Despois pasou á Universidade Pontificia de Comillas (Santander) onde cursou Filosofía e Teoloxía, ordenándose de sacerdote o 17 de abril de 1960. Aquí licenciouse en Teoloxía.
Como condiscípulo e amigo nesa data foi convidado á miña primeira misa na parroquia de Santa Mariña, na vila do Rosal, tomando parte activa nesa, tan solemne como inesquecible cerimonia.
Queremos lembrar aquí que Manuel Seijo, en unión dos antigos condiscípulos e a propósito do final de estudos en 1960, formou parte da expedición organizada polo seu curso para visitar Roma e asistir á concertada audiencia co romano Pontífice S.S. Juan XXIII, hoxe Santo.
Rematado, pois, os estudos e á volta de Roma, Seijo foi nomeado coadxutor polo bispo Ilmo. Fr. D. José López Ortiz, pasando a colaborar, como tal, co recordado Monseñor Jesús Espinosa, naquel entón párroco de Santiago O Maior.
Foi, precisamente, nesta "céntrica e única parroquia", onde Seijo, o crego amigo, de excepcional capacidade de traballo, exerceu seu longo apostolado.
Acertadamente, da súa múltiple actividade pastoral, o Rvdo. Alberto Cuevas, no seu breve comentario biográfico, referente ao finado amigo e a súa intensa dedicación, escribe: "Desde allí (parroquia de Santiago de Vigo) fue capellán y consiliario de diversas instituciones viguesas: la Cruz Roja, la Adoración Nocturna, la Cofradía de Jesús del Silencio, las Comunidades neocatecumenales, la Hermandad de la Pasión, la Cofradía del Apóstol Santiago, los cursillos pre-matrimoniales...". (In memoriam. D. Manuel Seijo Rodríguez: "Artesano del culto sagrado". Faro de Vigo, 24-10-2016).
Á volta de Roma, como deixamos referido, e como primeiro cargo e destino, foi de coadxutor. Segundo o Nomenclator do bispado en 1972, anotamos os seguintes cargos: Rexente de Santiago O Maior de Vigo e o de Arcipreste de Vigo-Centro. (Nomenclator-Estadística. Diócesis de Tuy-Vigo, 1972).
No correspondente ao ano 1977, Manuel Seijo, aparece como Cura-Ecónomo da mesma parroquia. (Nomenclator-Estadística... 1977). Anos máis tarde, 1988, atopámolo como párroco. (Guía de la Iglesia Diocesana de Tui-Vigo).
No ano 2008, Seijo figura como co-párroco moderador (Guía Diocesana de Tui-Vigo, 2008 e na dita reseña, biografía de Alberto Cuevas).
Na Guía Diocesana de Tui-Vigo 2011, voltamos a atopar a Manuel Seijo como párroco de Santiago de Vigo.
Esta é a praca que se atopa na entrada da igrexa:
HOMENAJE AL RVDO.
MANUEL SEIJO RODRÍGUEZ
EN SU 50 ANIVERSARIO
SACERDOTAL. CON CARIÑO
Y GRATITUD DE SUS FELIGRESES.
AÑO DE 1960-2010.
Fin da primeira parte desta biografía. Continuará...















