Novo Boletín Informativo do Rosal (2021)

 


O Concello e Vila do Rosal edita un Boletín Informativo: BOLETÍN RSL. Publicación municipal que chega aos veciños este mes de marzo do presente ano 2021.

Como non mostra data algunha de saída, coidamos se trate do nº 0, e polo tanto que seguirá publicándose.

Consta de 16 páxinas e máis dunha vintena de ilustracións a toda cor. O texto do Boletín iníciase coa presentación do mesmo pola propia alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen desexa e agradece a colaboración prestada polos rosaleiros dende o primeiro momento.

A imaxe da páxina editorial, primeira plana da ampla e nova “Explanada do Horizonte”. Sen dúbida que se trata dun verdadeiro parque e miradoiro, o máis cómodo da Costa Atlántica. Atópase “xa dispoñible para desfrute da veciñanza” e tamén de cantos turistas visiten esta singular paraxe, tan fermosa como tranquila de Portecelo (Sanxián) no concello do Rosal.

Recóllese na revista-boletín entrevistas, comentarios e ilustracións sobre as distintas melloras e proxectos en todo o municipio. Se anotan restauracións de fontes, obras de melloras nas estradas, recuperacións de hábitats naturais, etc. Así mesmo, fomento da xestión de residuos sostibles, plan de prevencións de incendios, medidas contra o cambio climático, defensa da sanidade pública, mellora dos servizos de atención primaria, traballando en pro da igualdade e loita contra a desigualdade de xénero, achegando a cultura aos barrios do concello, ideario para o desenvolvemento local, etc.

Grazas pola información. Que os rosaleiros e rosaleiras colaboremos co concello polo progreso e benestar de todos.