PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Panorámicas e restos arqueolóxicos no Picón


Coñecemos as fermosas panorámicas e paisaxes da nosa Moi Leal Vila do Rosal, dende os puntos estratéxicos dos montes da xeografía, que conforman o Val do Rosal, que non ten igual.



Pero, o que aínda non coñecíamos era, precisamente, as vistas dende o pequeno miradoiro do "pico", alto do Picón de Arriba, na xuradía de Fornelos.


Alá fomos, pois, a miña dona e máis eu. Só sabíamos del a distancia, por exemplo, dende as Mondañedas ou dende a Pedra Furada. Monte alto, que non hai moito foi pasto do lume, que se atopa ao sur do "Castro do Picón", distante uns 300 metros.



Pasada a "Fonte de San Martiño", collemos o primeiro camiño á dereita e monte arriba, ata chegar ao lugar da "Chan", interesante esplanada.



Subimos aos puntos máis elevados para contemplar aquela paisaxe especial: As Cruces, Fornelos, Caselas, Martín, a vila, o val do Rosal, o Miño, Portugal, o Trega, o Torroso...



Rematamos a nosa visita, aquí nos montes do Picón, non sen antes facer unha breve e obrigada prospección arqueolóxica, aproveitando a circunstancial visita.



Atopamos naquelas afloracións graníticas pequenos grupos de coviñas, case todos froito da erosión, debido en parte ao tipo de granito de grao groso. Pero, o máis especial foi a localización fóra da "Bouza da Chan", enriba dun coto, dun grupo de laxes. 



Estas formaban certo abrigo e nunha desas rochas sobresaían varias coviñas, concretamente tres. Delas non ofrecían dúbida, tanto a máis pequena, seu diámetro medía 7 cm; e a maior e máis interesante, seu diámetro é de 16 cm e outro tanto mide o suco que sae desta coviña.



Pola súa elevación, forma e orientación do conxunto podería tratarse dun lugar adicado á realización de ritos pagáns.




Supomos isto pola analoxía con outros casos, gravados similares, máxime, pola típica orientación ao levante por onde nace o Sol, a Luz, a Vida. Outro tanto fixeron os primeiros cristiáns, por exemplo, tomándoos como símbolos de Cristo, Salvación. 



Non esquezamos, que, por idéntica razón, a Igrexa, dende antigo, orienta os seus santuarios (seu altar maior) cara ao nacente.



A este outeiro do Picón voltaremos a referirnos en breve.

Reiterando a miña gratitude á nosa vila, O Rosal


A pesares de que xa din o meu agradecemento in situ, e o propio día en que se tributou a homenaxe, quero tamén deixar aquí na miña páxina, as verbas que pronunciei publicamente naquel sinxelo pero cordial acto do 12 de outubro na XXVIII Festa do Cabaqueiro.



Foime imposta polo alcalde, a insignia do Concello do Rosal e, entregada pola edil de Cultura, unha figura de Castelao, cuxa praca rezaba: CONCELLO DO ROSAL. A D. XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE EN RECOÑECEMENTO POLA SÚA LABOR HISTÓRICA E DE INVESTIGACIÓN DA CULTURA ROSALEIRA. 12 DE OUTUBRO DE 2015.



"A todos, moi boas tardes.

Sen lugar a dúbidas que teño e quero dar as miñas máis expresivas grazas, tanto á Corporación Municipal, que como alcalde preside Jesús María Fernández Portela, como á concelleira de Cultura, Charo Tabales, por este recoñecemento e homenaxe, que hoxe se me ofrece.

Só quero lembrar que os maiores logros destas 28 celebracións na memoria dos nosos cabaqueiros de todos os tempos, son todo un honra para os rosaleiros así como para os de Salcidos (A Guarda). Son, pois, logros histórico-culturais:

-O levantar na praza maior do noso concello, en xusta homenaxe, o Monumento ao "Daorde de Lurio", isto é, o "Cabaqueiro de Pedra" que nos lembra aquel seu vello oficio: A Telleira.

-A celebración anual da festa dos cabaqueiros na Pilarica, ocasión para velos lasquear en directo, facendo a tradicional demostración cabaqueira, compartir recordos e vivencias en amizade. 



-A memoria ou publicación monográfica de cada ano cos pregóns, biografías dos cabaqueiros, traballos de investigación, etc. Xa colección de 28 revistas.

-E, por último, o Museo, Centro Etnográfico, coa rica "sección da Cabaqueira" é a testemuña viva da súa vida, da súa obra e da súa cultura.

Tales logros se deben á exemplar colaboración entre o Concello, os cabaqueiros, así como a de todos os rosaleiros amantes da súa cultura, a cultura do noso pobo, O Rosal.

Unha vez máis amigos todos, moitísimas grazas".

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE


Este 2015 fai 40 anos da miña primeira publicación


Volvo a escribir no meu blog para lembrar un libro que leva por título LA VÍA ROMANA "PER LOCA MARÍTIMA" POR EL BAJO MIÑO Y COSTA ATLÁNTICA.

Este libro, que data de 1975, foi a miña primeira publicación. Disto fai neste 2015, nada máis e nada menos que 40 anos. Tamén foi a primeira vez que empreguei o seudónimo TAMUJE (TAMUXE).

O libro consta, entre texto e ilustracións (debuxos, fotos e mapas), de 73 páxinas. Publicación que eu mesmo e pola miña conta editei.


A tirada foi de 1200 exemplares e preto da metade, distribuíao o Museo de Pontevedra. Unha boa parte deles tamén foron para terras lusas.

Edición -por suposto, esgotada- que foi impresa na desaparecida Imprenta Guardesa, propiedade de Antonio Martínez Vicente.

Proximamente falarei de diferentes obras de escritores rosaleiros. 

O bispo de Tui, Rosendo Salvado, oriundo do Rosal


O pasado 1 de marzo do ano que vén de rematar, Tui celebrou solemnemente o bicentenario do nacemento (1814-2014) de Frei Rosendo Salvado*, bispo de Nova Nursia (Australia).

O bispo Lucas José Rosendo Salvado Rotea, naceu en Tui na rúa Riomolinos no 1814. Certamente natural da cidade tudense, pero tamén, queremos lembrar, oriundo do concello do Rosal, por seu pai, Pedro Bernardo Salvado, ser natural de San Bartolomeu das Eiras.

Polo tanto, Frei Rosendo, era fillo do referido Pedro Bernardo, que sendo salmista na catedral de Tui (cantor en cultos relixiosos) e aínda sochantre provisional (director do coro nos oficios divinos), casouse en Tui con María Francisca Rotea Núñez.

Frei Rosendo, o penúltimo de sete irmáns, estudou tanto no Seminario de Tui, como no mosteiro de San Martín Pinario de Santiago.

Debido á Desamortización, tivo que marchar a Nápoles, onde foi ordenado sacerdote en 1839. No 1846 atópase xa de misioneiro en Australia. Aquí fundou a coñecida abadía de Nova Nursia. Foi bispo de Vitoria e grande defensor dos aborixes australianos. Rexeitou os bispados de Porto Rico e de Lugo.

Tamén trouxo sementes de eucalipto e de acacia (1860) a Galicia, cuestión que tivo moitos detractores.

Monumento obra de Alfonso Quinteiro, en Tui

*Frei Rosendo finou santamente en Roma (Italia) o 29 de decembro de 1900. Foi un home polifacético, como alguén lembrou: “Misioneiro, bispo, músico, aventureiro, escritor, indixenista, abade, fundador…”

O día 7 de abril de 2002 a vila tudense descubriu unha praca de mármore colocada na fachada da casa onde nacera o bispo de Puerto Victoria, de Aduani e e abade de Nova Nursia.

¡Sirva esta pequena lembranza como humilde homenaxe do pobo do Rosal!

O ROSAL. FACENDO HISTORIA. O LIBRO MÁIS ANTIGO


Antes que remate o ano en curso 2014, creamos esta sección para dar a coñecer datas, acontecementos, persoas, efemérides… a fin de facer historia e que os rosaleiros conten con máis coñecemento dos valores, xa culturais, arqueolóxicos, históricos, etnográficos, biográficos, tradicións, etc.
Nesta ocasión lembramos o libro máis antigo escrito e publicado por un veciño do Rosal, D. Juan Santos Villa Alonso, natural de San Bartolomeu das Eiras. Seu título: Gramática Latina. (Ano 1854). Fai 160 anos este 2014.

O LIBRO
Foi a primeira gramática que o Seminario Conciliar de Tui recentemente creado (1850), tivo como texto desa asignatura. Foi impresa na popular imprenta da cidade, de D. Manuel Martínez de la Cruz (1ª edición). Áchase dedicada ao Excmo e Ilmo Sr. D. Fray Francisco Casarrubios y Melgar, bispo de Tui. Consta de 291 páxinas. Encadernación de pastas duras, tamaño pequeno. Exemplar que figura na nosa Biblioteca.

O AUTOR DA GRAMÁTICA
D. Juan Santos Villa Alonso. Sacerdote e escritor. Naceu no barrio da Igrexa (Eiras) en novembro de 1793. Estudou no Seminario Conciliar de Tui. Ordeouse sacerdote a título de Patrimonio, o 19 de decembro de 1817.
O bispo Fr. D. Francisco Casarrubios y Melgar nomeouno Catedrático de Latín e Humanidades do Seminario. En 1854, este rosaleiro publica a primeira Gramática Latina, que servirá de texto nese centro eclesiástico.
Pola súa humildade (segundo nos contou un profesor do Seminario), non quixo aparecer só como autor, por iso con el asina outro profesor, D. Juan José Domínguez.
Tamén no “Boletín do Bispado”, números 187 e 188, se recolle o discurso en latín da apertura do Curso Académico 1866-1867.

D. Juan Santos finou en Eiras o 26 de decembro de 1880. A el se lle atribuiu igualmente a obra inédita Crónicas Tudenses (de paradeiro descoñecido). O concello do Rosal, a propósito do I Centenario da súa morte (1880-1980), en lembranza e homenaxe levantou nas inmediacións do adro das Eiras un rústico monumento pétreo con lápida epigráfica. (Biografía completa no BIM, nº 4, outubro-decembro, 1988). 

Magosto 2014 no Centro Cultural de Guillade


O pasado sábado, 22 de novembro, celebrouse no Centro Cultural, ás 18:30 horas do serán, o tradicional Magosto: castañas e chourizos gratuítos. Evento que estivo organizado pola Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade (Ponteareas).


Alegraron a xuntanza diversos grupos musicais, que foron presentados polo membro da directiva, Paco Barbosa López:

A Flor do Toxo de Vilacoba.
"Os Cucos" de Celeiros.
Airiños de Guillade.
Pandereteiras "As Fiuncheiras".
Amigos Afortunados.


Encontro que resultou en ambiente de festa popular, amizoso, familiar, co correspondente sorteo ao final.

¡Noraboa aos seus organizadores!

Entrevista no programa "Polo camiño da fe" (TVG)



Entrevista no programa "Polo camiño da fe" da Televisión de Galicia (TVG), emitida o domingo 21 de setembro de 2014 con motivo da romaría e festa de Santa Trega en A Guarda (Pontevedra).

Desta vez, fun convidado pola canle autonómica xunto co párroco da vila, D. Jesús García Villadóniga, para falar da historia desta celebración, e en concreto, para facer unha reseña do Voto (antiga promesa que as sete parroquias da Guarda e O Rosal fixeron a Santa Trega).

Entrevista completa.


Reportaxe fotográfica das Festas de Uma 2014




O domingo 3 de agosto, a freguesía de San Andrés de Huma (Salvaterra) celebrou coa maior solemnidade os cultos litúrxicos e as festas profanas por todo o alto.



A santa misa foi oficiada polo párroco D. José Carlos Pérez Montes, que tamén predicou. Armonizou a celebración da Eucaristía o coro "Sentimento" de Paraños.



A procesión seguiu o itinerario de costume, arredor do artístico cruceiro do antigo torreiro de festas.



Este ano, a devota e artística imaxe do Santo Cristo da Saúde saíu na procesión baixo un fermoso dosel que realzaba, sen dúbida, dita imaxe. Novidade que este ano, en unión dun bonito estandarte do Cristo, se debe ao interés desta Comisión de Festas, máxime do membro da mesma, Jesús Domínguez Espiñeira.



Acompañou este ano á procesión, a Banda da Agrupación Musical do Rosal, que ao final da mesma, ofreceu ao público o concerto de ritual cun selecto repertorio. O público bailou e aplaudiu.



Pola noite, no torreiro de Finzáns, actuación da orquestra Kamelot e do popular dúo humorístico formado por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro Sánchez, "As Cantareiras de Ardebullo" (Mucha e Nucha).



Seguindo a tradición, o luns se honrou á Nosa Señora do Carme, con misa e procesión. Amenizou o grupo "Airiños do Miño".



ACLARACIÓN SOBRE AS "POSIBLES MURALLAS MEDIEVAIS" DESCUBERTAS NO LUGAR DO CABEZO (O ROSAL)




1.- Escribo esta entrada no meu blog xa que estou altamente sorprendido pola noticia en distintos medios informativos dun recente descubrimento de "posibles restos de murallas medievais" no alto do monte Campo do Couto, lugar do Cabezo.




2.- Tendo tanta riqueza arqueolóxica e histórica no Concello do Rosal, estráñame que ata agora ninguén se haxa preocupado nin de estudar, nin de por en valor certos achádegos. 




3.- Dicir que este descubrimento é un de tantos que hai nos montes do Rosal, habendo quizais outros moito máis importantes para o seu estudo que este do Cabezo, como por exemplo, o do Castelo, que se atopa no monte do Torroso.




4.- Neste caso do Cabezo, como en todos, por rigor histórico así como por ética profesional, non se debe ocultar nin aos autores do achádego (Cándido Verde e José Álvarez “O Buraco”) nin quen foi o investigador que identificou eses vestixios históricos (Xoán Martínez Tamuxe).




5.- Por iso, non me parece correcto nesa noticia do Cabezo a expresión “que tiveron coñecemento”. Isto dá a impresión, por mala fe ou ignorancia, de que non se quere dar o nome nin recoñecer os méritos de quen estuda, traballa e investiga en pro da cultura. Outro tanto ocorre con quen, empregando textos ou fotografías, evita citar o autor das mesmas, plaxiando e usurpando esa propiedade intelectual. 




Antes de entrar en materia e falar dos achádegos arqueolóxicos e históricos medievais no Concello de O Rosal, dicir que –aínda que lle pareza mentira a alguén- levo descuberto más do 90% de tal riqueza prehistórica e histórica. 





Quero lembrar, aos de pouca idade, así como aos de flaca memoria, que xa veño dedicando á investigación de campo, non só no Baixo Miño, senón aínda na comarca do Condado (Ponteareas, As Neves, etc) máis de 50 anos.

Esta miña actividade se pode comprobar coas diferentes publicacións na prensa, en folletos, en libros... Así mesmo, son membro do Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela, colaborador do Museo de Pontevedra, do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (Sección de Arqueoloxía) e membro doutras entidades arqueolóxicas.





Sobre os descubrimentos arqueolóxicos e históricos pertencentes ao Concello do Rosal, pode consultarse a colección do Boletín Informativo e Cultural do Rosal, na que dende hai varios anos vimos traballando para que o Concello e os seus cidadáns poidan contar coa necesaria "Carta Arqueolóxica".
 Esta supón un resumo de toda a riqueza patrimonial do Rosal.




Así, pois é no BIM, onde se atopan inventariados os principais xacementos arqueolóxicos localizados. Onde en aras de nobreza e honradez, sempre se menciona quen os descubriu ou quen me facilitou a pista (información de situación), pero non a súa interpretación, significado ou estudo científico, que é cousa persoal miña, por razón dos meus estudos.






E de tales pistas e visitas a varios xacementos, teño que sinalar ao amigo Cándido Verde, singular afeccionado a estas lides culturais, a quen tamén lle ensinei boa parte dos achádegos arqueolóxicos; e con el visitei outros nos propios montes do Rosal, A Guarda, Oia e Tomiño.




Non se teñen publicado no BIM outros xacementos, tal como da época romana en todo o concello (vila romana de Marzán, con achádego da ara romana epigráfica, dedicada á deidade Mercurio, que descubrimos en 1971; a vila romana do Pombal en Tabagón, etc).





Tampouco teño escrito sobre a época medieval (Alta e Baixa Idade, por exemplo: os gravados cruciformes ou mesmo os sepulcros visigóticos de San Vicente) xa que na confección da Carta Arqueolóxica sigo a orde cronolóxica das épocas e culturas.




En canto ao novo descubrimento a que me refiro ao inicio deste circunstancial comentario, a fin de aclarar posibles malentendidos e falta de honradez, plaxios, etc, quero, neste caso concreto, facer algunhas puntualizacións en pro da necesaria e xusta verdade.
 




Nese lugar do Cabezo, punto estratéxico, dos moitos que se atopan no Concello, xa estivemos Cándido Verde e máis eu, visitando uns pequenos gravados alá polo ano 1990. Como todo se atopaba emboscado, nada especial se observou.





Voltamos outra vez, despois dos últimos incendios, ao lugar do citado e expresivo topónimo (Cabezo, que trae a súa orixe do latín Capitia, derivado de "caput": cabeza, punta, cume, o que está máis alto). Nesta ocasión, o pasado 8 de xullo, estiven convidado xunto co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa polo amigo José Álvarez "O Buraco", para mostrarnos pequenos gravados (que xa coñecíamos). 





Así mesmo, unha cantidade de fileiras de pedras caídas... que el se interesou en saber que podían ser, en que consistían eses cúmulos de pedras e outras por alí ciscadas. Fun comentándolle a "O Buraco" que se trataba de certos derrumbes, circunstanciais, polo paso do tempo, de antigas e rudimentarias murallas. En boa parte, terreñas dun posible recinto, así fortificado, moi típico na Idade Media, cando foron frecuentes algunhas invasións, provenientes da Costa Atlántica ou por terra (xa quizais dende a invasión dos sarracenos ao mando do caudillo Almanzor no 947).





Igualmente, comenteille as diferentes incursións de piratas, e aínda temos constancia que cando os portugueses nas Guerras con España no século XVIII ou na invasión francesa no século XIX, os veciños nenos e anciáns, se refuxiaban no alto dos montes, en puntos estratéxicos (descoñecidos para o invasor) de control visual.




Como xa dixen, ese punto do Cabezo é un de tantos, que ten O Rosal ao igual que no Monte Lousado (zona da Ribeira) ou Monte do Torroso, o que nos lembra os topónimos Facho, Castelo, Cresto, etc.




Comentar, que tamén o pasada semana, visitaron ese posible refuxio (en tempos e momento de perigo e de emerxencia para o pobo, dos barrios) a concelleira de Cultura, Charo Tabales, que tomaría boa nota, así como o crego Julio Ramos, abade párroco da vila, convidados tamén polo amigo “Buraco”.




Paréceme loable todo o que signifique defensa e difusión da nosa cultura histórica, arqueolóxica, etnográfica, etc, pero indicando toda a verdade. Debe citarse na investigación quen descubriu os vestixios, quen deu a interpretación de tales restos, que son, que significa, etc, etc. E todo, reitérome, sen ocultar, maliciosamente, “a verdade de cada caso”.




Coido que calquera posible dúbida, fica agora, aclarada.



XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE