NOSA SEÑORA DA FONTE, NA FRANQUEIRA (A CAÑIZA)



O pasado luns, 28 de maio, celebrouse unha das máis devotas e populares romarías de Galicia: “As Pascuillas”.

A esta romaría, a maioría das imaxes xa chegan en carrozas: “O Rocío” galego. A outra celebración ten lugar o 8 de setembro. Ambas festas na parroquia da Franqueira (A Cañiza), na antiga igrexa monacal da Orde do Císter, románica, do século XIII.


Este ano e ante o aumento de fieis devotos de Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, celebráronse os principais cultos nun novo lugar, próximo, baixo unha grande carpa.

E, polo tanto, o tradicional recibimento das imaxes e dos romeiros de cada parroquia con gaiteiros incluídos, fíxose por parte da imaxe de Santa María da Franqueira, non á beira da igrexa, senón baixo a citada carpa.

Aquí, despois do tradicional e folclórico recibimento pola imaxe anfitriona, coas cerimonias e xenuflexións das cruces, estandartes, pendóns e outro tanto coas imaxes e a fraternal e simbólica aperta, deu comezo a santa misa solemne.


A eucaristía foi cocelebrada nesta ocasión por dous bispos e o clero de diferentes parroquias máis inmediatas.

Oficiou o bispo de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro Fiúza, asistido por monseñor Gilberto Gómez Álvarez, bispo de Abancay-Perú, natural de Albeos (Crecente), que se atopa por estas terras. Aquí, na súa parroquia, naceu San Pelaio, que fixo o pasado ano 1100 anos do seu nacemento.


Fixo este ano a ofrenda á Virxe, a parroquia de Santa Cristina de Bugarín (Ponteareas), representada polo seu párroco, Ramiro Lamas Vázquez. Ao ofertorio, foron ofrecidos diferentes presentes, típicos da parroquia.

Rematada a eucaristía, saíron as imaxes en procesión ata a igrexa parroquial para facer –no adro- a ritual cerimonia da despedida, similar á da chegada.


Alá para as 4 da tarde, despois da comida de campo, o abade, Xavier Alonso Docampo, na igrexa e diante da fermosa e devota imaxe de pedra, saúda e despide a cada imaxe e aos fieis que a acompañan, desexándolles bo camiño e ata o ano que ven.

Fai clic aquí para ver a reportaxe completa desta romaría das Pascuillas na Franqueira.