PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ÁNGELES VEREA CASTELO



O pasado 15 de xuño presentouse no Centro Cultural da vila da Guarda o libro Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño (1750-1899), da autoría da profesora Mª de los Ángeles Verea Castelo.

Libro –perfecta síntese da súa tese doutoral- que foi merecedor do XV Premio de Investigación Jesús Ferro Couselo (2010), convocado polo Concello de Valga. Nós contamos cun exemplar, que amablemente nos foi dedicado pola autora.

Trátase da primeira e, ata agora, única publicación de investigación sobre os “cabaqueiros” do Baixo Miño, como empresarios. Estuda, singularmente os desprazamentos que se estableceron nesa época en Galicia, sobre todo na Coruña, de modo moi especial no Ferrol, a propósito das obras do seu astaleiro e arsenal.

Demostra a categoría xa naquel entón dos telleiros, máxime da Guarda (unha potencia) e do Rosal, en moito menor grado. Así coñecemos a técnica, produción e talento, moi especialmente dos buxas, na instalación de novas telleiras, compras, permutas de terreos, etc.

Eran tamén excepcionais comerciantes e prestamistas. Contaban con verdadeiros equipos (cuadrillas) de alta capacidade produtiva. Dá conta de cantidade de preitos, tanto cos donos dos barros, como cos operarios noutras ocasións.

Demostra que foron empresarios de prestixio na sociedade, tanto onde traballaban. como na comarca e parroquia de onde son naturais.


Verea Castelo dá a coñecer no seu libro de máis de 300 páxinas con imaxes, debuxos, esquemas, mapas, etc, interesantes noticias dos cabaqueiros, das súas telleiras, tanto en propiedade, como en aluguer, así como os pagos dos dezmos á Igrexa e á nobreza.

Na súa presentación a autora comezou dicindo que elixira o tema das telleiras xa que lle era familiar, tanto porque na súa familia houbera cabaqueiros, como tamén porque no seu pobo Boimorto (A Coruña) aínda quedaban claros vestixios das mesmas, que intentan agora restaurar.

Este libro non pode faltar nas bibliotecas dos investigadores ou estudosos do tema da “Cultura Cabaqueira” do Baixo Miño. Publicación que equivale a contar cun arquivo de datos, con aporte dos principais arquivos históricos, que a escritora consultou, onde se atopa diferente documentación, entre ela, os celebrados protocolos notariais.