Visita a Braga (Portugal) con Jesús Gómez Sobrino


O 8 de decembro, día da Inmaculada, e no pasado ano 2016, fixo 30 anos do pasamento do cóengo guardés, M.I. Doutor D. Jesús Gómez Sobrino.

Por tal conmemoración dedicareille ao lembrado amigo varios e diversos comentarios. 

Para quen non coñeza a Gómez Sobrino, destacar que fomos os fundadores do "Equipo Arqueóloxico do Baixo Miño" así como do Arquivo Histórico e Museo Diocesano de Tui.


Hoxe só publicarei un breve recordo dunha viaxe que ambos fixemos a Braga (Portugal)

Practicamente nesta ocasión, o noso propósito é dar a coñecer unhas fotos que coidamos son inéditas e que lle poden interesar, singularmente, á súa familia e aos seus amigos de Tui, de Amorín e Currás.


Incrible, pero certo. Eu non gardaba xa memoria delas. Dende hai poucos días, acordei organizar o meu ficheiro fotográfico, tanto por orde cronolóxica, como temática e aínda complementar algunha foto coa necesaria información. 

Foi, pois, ao revisar as centos de fotografías, máxime, en branco e negro, algunha xa en color (sen incluír as dixitais) cando, por sorpresa, me atopo coas referidas fotos do caro amigo Sobrino e miñas, en Portugal.



Estas imaxes recollen a nosa estancia en Braga. O obxectivo naquel entón, quero lembrar, foi a nosa asistencia, no 1959, a un congreso rexional sobre a Inmaculada Concepción. Evento mariano que se celebrou no coñecido santuario de Sameiro, o que está, precisamente, consagrado á Purísima Concepción de María.

Foron outros motivos pola nosa parte o aproveitar a ocasión para facer outras visitas claves. Así puidemos coñecer máis de preto o popular santuario do Bon Xesús de Braga.


Cumprimos tamén un vello desexo ou propósito que tiñamos dende hai tempo, que era o visitar a celebrada Citania de Briteiros, singular referente arqueolóxico e prehistórico.

De aquí tomou o nome de "Citania" (de civitas) o noso poboado galaico-romano de Santa Trega.


Tamén cando no xacemento arqueolóxico se pensou na restauración dunha vivenda (a primeira) do noso castro do Trega, xa en 1965, tívose que visitar a Citania de Briteiros e inspirarse nela para levantar a popular "casiña celta" do monte de Santa Trega.