PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Amosando publicacións coa etiqueta Santa Trega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Santa Trega. Amosar todas as publicacións

A capela de San Martiño, protagonista do almanaque da CMVMC de Santa Mariña do Rosal



Un ano máis, a nosa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal edita o almanaque correspondente ao actual, 2020.

A ilustración do mesmo, recolle a ermida de San Martiño, no monte da Valga, xuradía de Fornelos. Móstrase dita ermida pola parte posterior, isto é, a ábsida.

Detalle positivo da nosa Comunidade, xa que esta anual costume contribúe a un maior coñecemento e valoración do Patrimonio histórico, nesta ocasión, relixioso, da parroquia e concello do Rosal.

A este propósito lembramos que, segundo o historiador e cóengo guardés D. Juan Domínguez Fontela, dita ermida é verídica testemuña e sinal do desaparecido ermitorio (mosteiro) visigótico de San Martiño de Tours (Francia), fundado no Baixo Miño no século VII.

Foi o seu fundador o monxe natural do Bierzo (León), abade e bispo de Dumio (Braga-Portugal), San Fructuoso.

Tamén polo mentado historiador guardés, sabemos que no cume do monte de Santa Trega, entre o clero alí reunido no século XII, a fin de aprobar a constitución da Irmandade do Clamor, atopábanse os abades de Santa María de Oia, o do mosteiro de Barrantes e o do ermitorio-mosteiro do Rosal, Frai Don Pedro Martínez.

A construción da actual ermida, que hoxe podemos contemplar, data do século XVIII. Probablemente se atopase emprazada noutro lugar próximo e coa súa propia e orixinal orientación do seu altar e ábsida cara ao Nacente.

Romaría de San Martiño (1972). Foto: (X.M.T.)

Hai que lembrar que a norma primitiva e tradicional da Igrexa cristiana era que toda catedral, mosteiro, igrexa, santuario, ermida... reiterámolo, o seu altar principal (maior) debía construírse cara ao Oriente, por onde nace o sol, o día, Cristo, luz do mundo...

Sobre o ano 1779 o crego Rvdo. D. José Álvarez de Soto (Souto, lugar de Martín) acordou edificar no propio lugar da casa no Souto, unha capela dedicada á Virxe do Pilar.

Para esta edificación, acorda baixar, sen autorización do bispo, a pedra de San Martiño, que se atopaba totalmente en ruínas, para levantar a súa nova capela. Enterados os veciños de Fornelos denunciaron canto estaba ocorrendo. O bispo ordena ao crego D. José Álvarez de Soto, que rematase a construción da súa capela e que pola súa conta ten que levantar a ermida de San Martiño, como así foi. Por suposto que despois sufriu diferentes melloras.

X.M.T.



BIBLIOGRAFÍA
Apuntes sobre la Hermita de la Capilla del Pilar. (Arquivo Parroquial).
Domínguez Fontela, Juan. Apuntes soltos.
Domínguez Fontela, Juan. El Voto a Santa Tecla. Ed. Hermandad del Clamor de Santa Tecla, 1998,. páx. 54.
Martínez Tamuxe, Xoán. As ermidas, capelas e capelanías do concello do Rosal (traballo inédito).

Visita a Braga (Portugal) con Jesús Gómez Sobrino


O 8 de decembro, día da Inmaculada, e no pasado ano 2016, fixo 30 anos do pasamento do cóengo guardés, M.I. Doutor D. Jesús Gómez Sobrino.

Por tal conmemoración dedicareille ao lembrado amigo varios e diversos comentarios. 

Para quen non coñeza a Gómez Sobrino, destacar que fomos os fundadores do "Equipo Arqueóloxico do Baixo Miño" así como do Arquivo Histórico e Museo Diocesano de Tui.


Hoxe só publicarei un breve recordo dunha viaxe que ambos fixemos a Braga (Portugal)

Practicamente nesta ocasión, o noso propósito é dar a coñecer unhas fotos que coidamos son inéditas e que lle poden interesar, singularmente, á súa familia e aos seus amigos de Tui, de Amorín e Currás.


Incrible, pero certo. Eu non gardaba xa memoria delas. Dende hai poucos días, acordei organizar o meu ficheiro fotográfico, tanto por orde cronolóxica, como temática e aínda complementar algunha foto coa necesaria información. 

Foi, pois, ao revisar as centos de fotografías, máxime, en branco e negro, algunha xa en color (sen incluír as dixitais) cando, por sorpresa, me atopo coas referidas fotos do caro amigo Sobrino e miñas, en Portugal.



Estas imaxes recollen a nosa estancia en Braga. O obxectivo naquel entón, quero lembrar, foi a nosa asistencia, no 1959, a un congreso rexional sobre a Inmaculada Concepción. Evento mariano que se celebrou no coñecido santuario de Sameiro, o que está, precisamente, consagrado á Purísima Concepción de María.

Foron outros motivos pola nosa parte o aproveitar a ocasión para facer outras visitas claves. Así puidemos coñecer máis de preto o popular santuario do Bon Xesús de Braga.


Cumprimos tamén un vello desexo ou propósito que tiñamos dende hai tempo, que era o visitar a celebrada Citania de Briteiros, singular referente arqueolóxico e prehistórico.

De aquí tomou o nome de "Citania" (de civitas) o noso poboado galaico-romano de Santa Trega.


Tamén cando no xacemento arqueolóxico se pensou na restauración dunha vivenda (a primeira) do noso castro do Trega, xa en 1965, tívose que visitar a Citania de Briteiros e inspirarse nela para levantar a popular "casiña celta" do monte de Santa Trega.
      

Segunda parte da biografía de Manuel Seijo


Esta é a segunda parte da biografía de Manuel Seijo Rodríguez, que iniciamos na anterior entrada do blog.

Debido a unha grave enfermidade no 2012, Manuel Seijo foi relevado polo bispo de todos os seus cargos pastorais.

E na Guía Diocesana do 2015, o noso amigo Seijo, figura por suposto, xa como subilado, e por razón de gratitude da freguesía, tamén como Párroco Honorario.

O noso biografiado vivía ultimamente cun familiar ata o intre do seu pasamento.


Ao caro amigo Seijo fantoulle tempo e circunstancias que non foron propicias, para abordar, como el quería, algúns temas históricos da súa cidade, Vigo. Para elo, con todo interés foi enriquecendo a súa formidable biblioteca cunha notable bibliografía sobre Vigo.

Descoñecemos, dende hai varios anos, se el chegou a escribir, publicar algún traballo ou se deixou algo inédito.

Só temos noticia de dous traballos (colaboracións de prensa). O primeiro, foi a presentación do libro: Bayona La Real ya tiene su Guía Turística, da autoría de Domingo Cameselle Bastos e de Juan Martínez do Tamuxe. (El Pueblo Gallego, enero 1976). Foi asinado así: S.



O segundo artigo foi sobre outro libro: La Vía romana "per loca marítima" por el Bajo Miño y Costa Atlántica. (El Pueblo Gallego, 4 de enero de 1976), que el titulou: "J.M. Tamuje, para los amantes de la Arqueología", que asina: Lic. M. Seixo.

En canto ao xénero literario, periodístico ou poético, coñecemos pequenas mostras, pero que nos ilustran suficientemente para pensar na capacidade do caro amigo Seijo, neste caso para a poesía.


Deste xénero, como exemplo, damos a coñecer unha peza, que despois dunha visita ao monte de Santa Trega, entre o Oceáno e o Miño, que dende Comillas nos remitiu nunha carta.

Nesta foto que amosamos por detrás, o noso amigo, co seu puño e letra, con certa melancoía e fermosa caligrafía, baixo o título Evocación, escribiu: 


O Rvdo. D. Manuel Seijo Rodríguez, segundo información da Diócese de Tui-Vigo, finou á idade de 82 anos, o 22 do pasado outubro do pasado ano 2016.

O bispo monseñor Luis Quinteiro Fiúza, cunha asistenza dunha trintena de cregos e varios centos de fieis, presidiu en Santiago de Vigo a solemne misa polo eterno descanso de D. Manuel Seijo R., Párroco Honorario, celebrada o 24 do citado mes de outubro.

Que o carísimo amigo ¡Vivat cum Christo in aeternum!

Rematamos esta amizosa crónica biográfica con frases de Alberto Cuevas, sacerdote e periodista (na súa mencionada reseña), que di: "Se nos fue así, qué pena, rotas las defensas del vivir y anémico de afectos y cariño, pero ahora el Señor es su Pastor, nada le falta".

Descubrimento dun novo conxunto prehistórico


Cando facemos esta reseña descoñecemos sobre estes gravados en San Xoán de Tabagón (O Rosal), calquera bibliografía escrita.

Dito conxunto rupestre, de reducidas dimensións, atópase insculturado nunha pedra xistosa, propia da zona. Emprázase no barrio da Portela, nos montes coñecidos por Ladaíñas*, ladeira SO, próximo e por riba dos chalets máis altos. Dende alí divísase unha espectacular panorámica dos propios Tabagóns co Miño, Portugal e Santa Trega ao fondo.


Na nova estación rupestre, distínguense, aínda que con certa dificultade pola súa erosión, entre outros motivos,  liñas paralelas de puntos, pequenas figuras circulares, así como outras con puntos interiores. A localización dos mesmos, débese ás labouras de rastrexo arqueolóxico dos amigos Cándido Verde e José Álvarez (Buraco).

Con estes achádegos nos montes de Tabagón, cóntanse e móstranse no Monte da Macarena, Castro da Portela, e ladeira Sur, dous conxuntos de fermosos gravados cruciformes, históricos, dos que xa temos escrito. 


Por outra banda, agora, no Monte das Ladaíñas, tamén se poden contemplar dous grupos de gravados-petróglifos prehistóricos. O primeiro descuberto (restos dun conxunto desaparecido debido á extracción de pedra polos canteiros) e igualmente sobre soporte de xisto. Trátase de media figura de varios círculos concéntricos. Del fálase e recóllese fotografía no BIM, nº 41 (xaneiro-nadal, 2001).

E o segundo é o localizado ultimamente e do que hoxe facemos referencia escrita, sen dúbida, interesante, que vén a enriquecer o noso xa rico e variado patrimonio arqueolóxico rosaleiro.


Curiosa e oficialmente, que saibamos, estes dous conxuntos prehistóricos foron visitados, a propósito da andaina pola ruta dos petróglifos (montes de Eiras e Tabagón) o pasado sábado 12 de nadal do 2015.

*Ladaíñas. Monte así chamado -anota Pedro Díaz, arqueólogo e mestre que foi de Eiras- "por las letanías que allí se rezaban en un vía crucis cercano a la Magdalena". (Noticias de arqueología gallega. Vigo, 1958).

Entrevista no programa "Polo camiño da fe" (TVG)



Entrevista no programa "Polo camiño da fe" da Televisión de Galicia (TVG), emitida o domingo 21 de setembro de 2014 con motivo da romaría e festa de Santa Trega en A Guarda (Pontevedra).

Desta vez, fun convidado pola canle autonómica xunto co párroco da vila, D. Jesús García Villadóniga, para falar da historia desta celebración, e en concreto, para facer unha reseña do Voto (antiga promesa que as sete parroquias da Guarda e O Rosal fixeron a Santa Trega).

Entrevista completa.


ROMARÍA DE SANTA TREGA (A GUARDA). SETEMBRO, 2013



Alí estivemos na misa solemne celebrada ás 11:30 horas na súa ermida. Oficiou a Eucaristía o párroco de Santa Isabel de Camposancos, Ángel Soliño, asistido polo abade de Santa María da Guarda, Jesús Villadóniga, o somasco pai Vidal e o capelán das Doroteas de Tui, José Luis Blanco.


A homilía, longa e interesante, correu a cargo do preste Sr. Soliño, que analizou o momento histórico e actual da Sociedade en crise, non só económica, senón tamén de traballo, na familia, e aínda de fe.


Por tal razón, pediulle á protomártir Santa Trega que acollera as oracións dos fieis, a fin de lograr a solución de tan graves e variados problemas que acosan á Humanidade, sen esquecer a intercesión de Santa María, nosa amantísima Nai.


Ao final da celebración saíu a solemne procesión coa imaxe de Santa Trega e a súa reliquia, esta levada polo oferente. Reliquia que logo foi dada a bicar na capela aos innumerables devotos da Virxe e Mártir de Iconio.          

  

Remataron estas piadosas e centenarias celebracións coa tradicional puxa das numerosas ofrendas de froitos do mar e do campo, así como co sorteo da típica e monumental “tarta da Santa”. 


Por último, os asistentes a esta entrañable e familiar romaría, disfrutaron de comida campestre.