PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

ACLARACIÓN SOBRE AS "POSIBLES MURALLAS MEDIEVAIS" DESCUBERTAS NO LUGAR DO CABEZO (O ROSAL)




1.- Escribo esta entrada no meu blog xa que estou altamente sorprendido pola noticia en distintos medios informativos dun recente descubrimento de "posibles restos de murallas medievais" no alto do monte Campo do Couto, lugar do Cabezo.




2.- Tendo tanta riqueza arqueolóxica e histórica no Concello do Rosal, estráñame que ata agora ninguén se haxa preocupado nin de estudar, nin de por en valor certos achádegos. 




3.- Dicir que este descubrimento é un de tantos que hai nos montes do Rosal, habendo quizais outros moito máis importantes para o seu estudo que este do Cabezo, como por exemplo, o do Castelo, que se atopa no monte do Torroso.




4.- Neste caso do Cabezo, como en todos, por rigor histórico así como por ética profesional, non se debe ocultar nin aos autores do achádego (Cándido Verde e José Álvarez “O Buraco”) nin quen foi o investigador que identificou eses vestixios históricos (Xoán Martínez Tamuxe).




5.- Por iso, non me parece correcto nesa noticia do Cabezo a expresión “que tiveron coñecemento”. Isto dá a impresión, por mala fe ou ignorancia, de que non se quere dar o nome nin recoñecer os méritos de quen estuda, traballa e investiga en pro da cultura. Outro tanto ocorre con quen, empregando textos ou fotografías, evita citar o autor das mesmas, plaxiando e usurpando esa propiedade intelectual. 




Antes de entrar en materia e falar dos achádegos arqueolóxicos e históricos medievais no Concello de O Rosal, dicir que –aínda que lle pareza mentira a alguén- levo descuberto más do 90% de tal riqueza prehistórica e histórica. 





Quero lembrar, aos de pouca idade, así como aos de flaca memoria, que xa veño dedicando á investigación de campo, non só no Baixo Miño, senón aínda na comarca do Condado (Ponteareas, As Neves, etc) máis de 50 anos.

Esta miña actividade se pode comprobar coas diferentes publicacións na prensa, en folletos, en libros... Así mesmo, son membro do Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela, colaborador do Museo de Pontevedra, do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (Sección de Arqueoloxía) e membro doutras entidades arqueolóxicas.





Sobre os descubrimentos arqueolóxicos e históricos pertencentes ao Concello do Rosal, pode consultarse a colección do Boletín Informativo e Cultural do Rosal, na que dende hai varios anos vimos traballando para que o Concello e os seus cidadáns poidan contar coa necesaria "Carta Arqueolóxica".
 Esta supón un resumo de toda a riqueza patrimonial do Rosal.




Así, pois é no BIM, onde se atopan inventariados os principais xacementos arqueolóxicos localizados. Onde en aras de nobreza e honradez, sempre se menciona quen os descubriu ou quen me facilitou a pista (información de situación), pero non a súa interpretación, significado ou estudo científico, que é cousa persoal miña, por razón dos meus estudos.






E de tales pistas e visitas a varios xacementos, teño que sinalar ao amigo Cándido Verde, singular afeccionado a estas lides culturais, a quen tamén lle ensinei boa parte dos achádegos arqueolóxicos; e con el visitei outros nos propios montes do Rosal, A Guarda, Oia e Tomiño.




Non se teñen publicado no BIM outros xacementos, tal como da época romana en todo o concello (vila romana de Marzán, con achádego da ara romana epigráfica, dedicada á deidade Mercurio, que descubrimos en 1971; a vila romana do Pombal en Tabagón, etc).





Tampouco teño escrito sobre a época medieval (Alta e Baixa Idade, por exemplo: os gravados cruciformes ou mesmo os sepulcros visigóticos de San Vicente) xa que na confección da Carta Arqueolóxica sigo a orde cronolóxica das épocas e culturas.




En canto ao novo descubrimento a que me refiro ao inicio deste circunstancial comentario, a fin de aclarar posibles malentendidos e falta de honradez, plaxios, etc, quero, neste caso concreto, facer algunhas puntualizacións en pro da necesaria e xusta verdade.
 




Nese lugar do Cabezo, punto estratéxico, dos moitos que se atopan no Concello, xa estivemos Cándido Verde e máis eu, visitando uns pequenos gravados alá polo ano 1990. Como todo se atopaba emboscado, nada especial se observou.





Voltamos outra vez, despois dos últimos incendios, ao lugar do citado e expresivo topónimo (Cabezo, que trae a súa orixe do latín Capitia, derivado de "caput": cabeza, punta, cume, o que está máis alto). Nesta ocasión, o pasado 8 de xullo, estiven convidado xunto co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa polo amigo José Álvarez "O Buraco", para mostrarnos pequenos gravados (que xa coñecíamos). 





Así mesmo, unha cantidade de fileiras de pedras caídas... que el se interesou en saber que podían ser, en que consistían eses cúmulos de pedras e outras por alí ciscadas. Fun comentándolle a "O Buraco" que se trataba de certos derrumbes, circunstanciais, polo paso do tempo, de antigas e rudimentarias murallas. En boa parte, terreñas dun posible recinto, así fortificado, moi típico na Idade Media, cando foron frecuentes algunhas invasións, provenientes da Costa Atlántica ou por terra (xa quizais dende a invasión dos sarracenos ao mando do caudillo Almanzor no 947).





Igualmente, comenteille as diferentes incursións de piratas, e aínda temos constancia que cando os portugueses nas Guerras con España no século XVIII ou na invasión francesa no século XIX, os veciños nenos e anciáns, se refuxiaban no alto dos montes, en puntos estratéxicos (descoñecidos para o invasor) de control visual.




Como xa dixen, ese punto do Cabezo é un de tantos, que ten O Rosal ao igual que no Monte Lousado (zona da Ribeira) ou Monte do Torroso, o que nos lembra os topónimos Facho, Castelo, Cresto, etc.




Comentar, que tamén o pasada semana, visitaron ese posible refuxio (en tempos e momento de perigo e de emerxencia para o pobo, dos barrios) a concelleira de Cultura, Charo Tabales, que tomaría boa nota, así como o crego Julio Ramos, abade párroco da vila, convidados tamén polo amigo “Buraco”.




Paréceme loable todo o que signifique defensa e difusión da nosa cultura histórica, arqueolóxica, etnográfica, etc, pero indicando toda a verdade. Debe citarse na investigación quen descubriu os vestixios, quen deu a interpretación de tales restos, que son, que significa, etc, etc. E todo, reitérome, sen ocultar, maliciosamente, “a verdade de cada caso”.




Coido que calquera posible dúbida, fica agora, aclarada.



XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

ESPECIAL FESTIVIDADE DO SANTO CRISTO DE UMA, 2014


Esta nova entrada no meu blog vai dedicada, como recordo, para os finados colaboradores Manuel González "O Brasileiro" e a súa dona, Esther.

O vindeiro domingo 3 de agosto, celebrarase a festividade do Santo Cristo de Uma (Salvaterra de Miño), con programación especial. 



Tal e como xa temos referido noutras ocasións, tamén a propósito das festas e antigas e piadosas romarías da querida parroquia de San Andrés de Uma (Huma), esta freguesía historicamente remóntase ao século XIII.



Esta vez, ao contemplar o programa festeiro-cívico-relixioso na honra do Cristo da Saúde que damos a coñecer, atopámolo cheo de novidades. E isto proba o bo facer da Comisión organizadora, que nos moveu a ofrecer unha pequena colaboración histórica.



Sobre a primeira referencia á devoción e festividade do Santo Cristo da Saúde, xa temos indicado se menciona no século XVIII. Concretamente esta cita se atopa no ano 1756, no "Libro da Cofradía de Ánimas". Faise a propósito dunhas reformas e melloras levadas a cabo tanto no altar, como na artística e piadosa imaxe do Santo Cristo.



Pero nesta ocasión de grande solemnidade, queremos ademais de que o pobo exprese a súa fonda devoción ao Santo Cristo, a fin de merecer o precioso don da "saúde", que descanse e se divirta con sana alegría e tamén aproveite esta anual celebración, para ilustrarse.



A parroquia, os fieis, os fregueses, teñen dereito a coñecer a Historia do seu pobo: os seus monumentos, os persoeiros máis distinguidos da parroquia (mestres, cregos, benefactores, profesionais, emigrantes, etc).



Así mesmo, como parte da propia Historia, está o coñecer os feitos e aconteceres históricos fundamentais. E cun destes acontecementos, queremos hoxe lembrar aos "umeños". Garda relación e filial dependencia de Huma co Mosteiro cisterciense de Nosa Señora da Franqueira.



Así, o 26 de maio de 1407, os irmáns D. Juan e D. Esteban da Lama, piadosos cristiáns, persoas de grande influencia, entre os privilexios e propiedades con que se contaba, era o ser padroeiros (protectores, donos) da igrexa de San Andrés de Huma (quizais por habela fundado eles). Ambos irmáns, pois, ceden ao abade e convento de Santa María da Franqueira o seu dereito de padroado que tiñan sobre a igrexa de Huma. Proba desta dependencia filial é o escudo de armas, idéntico ao do mosteiro.



A piadosa finalidade era para que os monxes, máis cumpridamente, puidesen atender ás reparacións do mosteiro e ao seu propio sustento (dos frades da comunidade). 



Isto supuña que os monxes da Franqueira se farían cargo das propiedades e rendas que lle correspondían á igrexa de Huma, así como tamén se encargarían de atender das tarefas pastorais da freguesía, dispondo dun frade do propio mosteiro. 

(Documentación do traballo inédito Parroquia de San Andrés de Huma e a súa Historia. X.M.T.)




EXPOSICIÓN O PRESEPIO NO NADAL CERVEIRENSE

Na compaña de Castro Guerreiro en Vila Nova de Cerveira 

A esta exposición en Portugal fomos convidados para a súa inauguración o 7 de Nadal, aberta ata o 5 de xaneiro.
Convite que nos foi ofrecido pola Agrupación UNISÉNIOR (Universidade S. de Cerveira), Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o autor, o amigo Castro Guerreiro.


Mostra de presebes de certa categoría en canto a súa calidade histórica, artística, de creatividade, simbolismo e aínda universalidade.
Evento organizado pola “UNISÉNIOR” coa colaboración da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira.
Esta mostra realizouse en dous centros locais apropiados, para poder contemplar tal riqueza histórico-etnográfica e relixiosa de fonda tradición en Vila Nova de Cerveira.


Sen dúbida o mellor grupo de beléns para nós, o que se exhibiu na Galería D. Dinís. Aquí, fixo un meritorio resumo do valor patrimonial e de tradición en Vilanova, D. Manuel Estévez Márquez, presidente de UNISÉNIOR.


De seguido pasamos ao Auditorio da Biblioteca Municipal. Asistimos aquí a unha finísima actuación da “Tuna da Unisénior”, que interpretou fermosas e tradicionais composicións, que foron moi aplaudidas.
A continuación fixo uso da palabra o presidente da Cámara Municipal, D. Joâo Fernando Nogueira, loando o traballo do escritor Castro Guerreiro, así como da exemplar cooperación, que sempre a Cámara prestará para canto sexa defensa do patrimonio cultural da localidade.


E, por último, asistimos á interesante conferencia, maxistralmente documentada e exposta por Castro Guerreiro ao selecto público alí reunido. Conferencia que acertadamente publicou seu autor, Sr. Castro Guerreiro; xa coñecido investigador da historia desta zona miñota e distinguido escritor, que conta cunha ducia de libros da súa autoría.
Rematada a conferencia se puido degustar un sinxelo aperitivo onde non faltou un “copo de vinho do Porto”.

Para maior ilustración ofrecemos a seguinte reportaxe fotográfica.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES (PARROQUIA DE SANTA MARIÑA DO ROSAL)



Se localizan nos montes do Campo do Couto, na parroquia de Santa Mariña do Rosal. Este grupo de gravados, de época histórica, se atopa, aproximadamente, a uns 150 metros norte da Fonte das Cortes ou Fonte do Home.


Dista sobre 30 metros da beira dereita da pista que segue a San Martiño e á Valga.

Os novos gravados, pois, se emprazan en ladeira, pero sobre unha pequena elevación. Dende este punto se pode contemplar unha fermosa panorámica cara o Val do Rosal, ao río Miño e a Portugal.

Ditos gravados esténdense por diferentes e pequenas rochas planas graníticas, que son o soporte das mencionadas insculturas cruciformes, finamente logradas.


A súa tipoloxía é bastante diversa, en boa parte coñecida: simples cruces, outras con diferentes bases e algunhas figuras, que ben se merecen un detido estudo.

O que si é certo, trátase de unha recreación da Cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

Temos noticia de que o amigo Cándido Verde Andrés, xa coñece este conxunto rupestre histórico, dende, cando menos, fai 10 anos.


Sen dúbida este grupo de cruciformes, dos 10 que temos localizados na parroquia de Santa Mariña, é un dos máis curiosos e ata interesante, tanto pola delicadeza da súa gravación, como por atoparse en pequenas rochas espalladas e algunha, aínda exenta.

Visitamos este xacemento arqueolóxico de carácter histórico na compaña do amigo e colaborador, José Álvarez, alias "Buraco", o pasado 13 do presente mes.

Proximamente, volverei a falar dunha maneira más ampla sobre o estudo e interpretación deste conxunto de gravados. 

O FALAR DAS CAMPÁS. ÚLTIMO LIBRO DO ESCRITOR ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ


O pasado día 25 de outubro tivo lugar na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas) a presentación dun novo libro do prolífero escritor Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez.
Esta publicación, amena no seu estilo e novidosa pola temática, leva por título O falar das campás.


Trátase dun orixinal estudo sobre as campás da vila de Ponteareas e as súas parroquias.


Entre unha sala repleta de público, interesada en coñecer este novo libro, atopábanse o alcalde Sr. González Solla e concelleiros, así como os escritores señores Pérez Labaca, Fernández Sendín e Gulías Lamas.


Fixo a presentación do autor, preclaro investigador, etnógrafo, naturalista e historiador, Sr. Fernández de la Cigoña, o concelleiro de Cultura do concello da vila de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, escritor e investigador.


Na súa intervención, o autor falou do novidoso do tema, para boa parte do público. Non é doado pensar, comprender, como cada campá equivale a un documento. Pois nela figuran e se recollen cantidade de noticias escritas. Nelas, atópanse a data de fundición, a dedicación da campá (por exemplo a un santo) quen foi o doador, onde se fundiu, etc.


Lembrou o autor como as campás, antes máis que agora, tiñan a función de anunciar en cada parroquia, os principais acontecementos.



O libro conta con máis dun cento de páxinas e atópase ben ilustrado. Está editado pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE) Remata cun apartado de agradecementos.


LEMBRANDO AO AMIGO ALEJANDRO MÍGUEZ ÁLVAREZ



Hoxe, 23 de outubro, fai un mes do pasamento do carísimo amigo Alejandro Manuel Míguez Álvarez.

Home culto, noble, de singular capacidade de traballo, exemplar marido e pai de familia e amigo do amigo.


Naceu na parroquia de Santa María de Taboexa (As Neves) hai 79 anos.

Alejandro estudou a carreira eclesiástica no Seminario de Tui, onde logo foi profesor. Ordenouse crego en xuño de 1957. Rexentou, entre outras parroquias, a de Figueiró, Estás e Forcadela, en Tomiño. Por último, as de Barcela, Sela e Cabeiras (Arbo).

Secularizouse despois, traballando en diferentes empresas da cidade de Vigo, nalgunha das cales foi tamén profesor.



Contraeu matrimonio con Rosa González Rodríguez, de cuxo enlace tiveron tres fillos, un home e dúas mulleres, contando agora xa con catro netos.

Dende que determinou, coa xubilación, fixar a residencia na súa parroquia de Taboexa, unha confortable vivenda familiar, disfrutou da paz rural da zona.



O amigo Álex (Míguez), dende facía poucos anos tiña creado unha interesante, novidosa e ata sorprendente páxina de carácter histórico-etnográfico e cultural sobre Taboexa e os seus anexos noutros tempos: “As pedras de Taboexa falan”. En pouco tempo encheuna de estudos sobre investigación arqueolóxica (gravados rupestres), etnográfica (lendas de mouros/as), histórica (sobre fundacións, como a Escola Baldeira), sobre biografías (como José Gil e outros persoeiros da parroquia, como o Fortes, etc).



Ultimamente coa súa enfermidade, pola que estivo curtos períodos internado, levouno a vivir con cristiá resignación. Así mesmo, en todo momento consciente da súa gravidade e con certo humor, foi deixando todo indicado para despois da súa ida, á vida eterna.

Non se cansaba de animar a cantos lle rodeaban, convidando á esperanza, á paciencia, á alegría. Pois el repetía con certa frecuencia que se ía a “durmir”, a descansar na casa de Deus Pai.



Entre algunhas das cousas que quería para o seu enterro era que asistise a Banda de Música de Rubiós, como así foi. Outra, que se lese na Eucaristía do seu funeral un escrito que deixou nun sobre pechado. Que “in corpore insepulto”, na Igrexa, con enorme emoción, deu lectura unha filla.

¡O noso amigo, Requescat in Pace! ¡Os teus non te esquecen! ¡Estás presente nas nosas oracións de cada día!



Carta de despedida de Alejandro Míguez, lida no seu funeral:


"No tuve la oportunidad de despedirme de muchos de vosotros, pues también sois muchos a los que hace tiempo que no veía. Pero esa ausencia no borra el afecto vuestro que llevo conmigo.
Estas son las últimas palabras que os puedo dedicar, palabras de cariño, llenas de emoción y agradecimiento por teneros hoy aquí, en mi última despedida.
Sois muchos los que habéis compartido conmigo, momentos importantes en mi vida, sois muchos los que habéis estado a mi lado, apoyándome en los momentos difíciles y aportándome momentos buenos e inolvidables. Esta despedida es para vosotros, los que me recordáis, los que me añoraréis, los que me habéis querido y a los que tanto quiero, a todos los que venís hoy aquí con el sentimiento sincero de darme el último adiós.
Con todo el amor del mundo, quiero agradecerle de forma muy especial, a mi fiel amiga y gran esposa, cada uno de sus cuidados, ella es la responsable de algunos de los mejores momentos de mi vida, es una mujer fuerte de gran corazón, fue ella la que me bendijo con tres maravillosos hijos a los que tanto quise, quiero y querré allí donde quiera que vaya.
Gracias a todos, por hacer que no me sintiera solo estos últimos meses, por demostrarme vuestro cariño y vuestro aprecio que en igual medida os reservo en mi corazón.
Mi último adiós, tiene hoy voz de mi hija, pero mi recuerdo quiero que sea el más bonito y hermoso que guardéis de mí en vuestros corazones. Me despido con el sonido rítmico y acompasado de la Banda de Música de Rubiós y os deseo de todo corazón que seáis al menos todo lo feliz que yo he sido teniéndoos a mi lado.
Un gran abrazo para todos y cada uno de vosotros. Siempre, Alejandro."