Gravados rupestres prehistóricos en Taboexa
06:21
Xoán Martínez Tamuxe
Lembrando ao amigo Alejandro no 4º aniversario do seu pasamento
Voltamos outra vez aos montes de Taboexa (As Neves), para abordar temas arqueolóxicos. Dicimos "voltamos", xa que fai algún tempo, na compaña de familiares percorremos boa parte de Taboexa e montes máis inmediatos.
Concretamente de Taboexa, sen dúbida, unha das parroquias máis antigas, como tamén ricas arqueoloxicamente do Condado-Paradanta, publicamos no periódico de Ponteareas, A Peneira, ata 21 colaboracións.
E chegamos a Taboexa, por contactar, circunstancialmente, cos nosos carísimos amigos Alejandro Míguez Álvarez (xa finado) e a súa dona Rosi, grandes estudosos da Prehistoria, da Historia e da Cultura do seu querido pobo. Todo isto é verificable, se entramos en Internet, na súa expresiva páxina que el, metaforicamente, denominou, bitácora: As Pedras de Taboexa Falan.
Eles foron, precisamente, quenes nos falaron desas ricas estacións de interesantes gravados rupestres, e nos levaron ao lugar onde se atopaban. Trátase, para nós, de dous novos conxuntos nesa zona: un de época prehistórica e o outro de carácter histórico.
Nesta ocasión só trataremos do conxunto de gravados de época prehistórica. Gravados que se atopan, segundo nos dixeron, no barrio das Barreiras, lugar da Coutada. Xacemento que foi descuberto, segundo Alejandro, fai anos, polo seu veciño e amigo, Miguel Rodríguez Alonso.
Deste grupo de gravados, xa o amigo Alejandro, aínda que con brevidade e ata con sabor poético, falou destes achádegos.
Desta, para nós, nova estación rupestre (petróglifos) que visitamos con esta familia, sen dúbida, que se trata de valiosos testemuños da época prehistórica-do Bronce Final, de 1200 a 700 anos antes de Cristo.
Emprázanse ditos gravados nun pequeno coto no lugar, segundo referenza, denominado Coutada, ladeira suroeste do Sannomedio. Trátase dun grupo de catro laxes, que se atopan a 12 metros do ramal que sube a Sannomedio e á pista forestal-terreña, que marcha cara ao sureste, mesmo nese ángulo.
Neste primeiro conxunto, laxe de 2x2 metros, máis ao leste, case plana, obsérvanse diversos e típicos motivos, ata cinco figuras circulares: dúas, circulos radiados; outras dúas, simples círculos; e unha de círculos concéntricos.
Medidas só anotamos as dos círculos concéntricos, 40 cm en diámetro; a maior das figuras radiadas, mide 34 cm.
O segundo conxunto, laxe tamén de 2x2 metros, de forma irregular, presenta forma un tanto abombada, distante da primeira, sobre un metro. Mostra cantidade de sucos (ata oito), algúns serpentiformes con cobiña na punta, así como varias coviñas e pequenos círculos. Un deles, con cruz inscrita.
Deste conxunto, o máis curioso é a concentración de liñas (sucos) que se entrelazan, dando a impresión dunha figura un tanto laberíntica.
O terceiro conxunto, case pegado ao anterior, de similar medida, mostrando cantidade de sucos por toda a rocha, un tanto alongada, volta cara ao leste.
O cuarto conxunto é o máis simple. Na correspondente laxe, case plana, un tanto inclinada e volta ao ponente, mostra un só suco serpentiforme, con coviña simulando a cabeza e tamén un círculo simulando quizais que é ovípara. O longo deles é de dous metros.
Atópase á esquerda e a escasos metros da pista forestal xa referida.
A insculturación de todos os gravados é amplia e de técnica en u.
Santa Marta de Ribarteme. Entre a vida e a morte
03:06
Xoán Martínez Tamuxe
A parroquia de San Xosé de Ribarteme (As Neves), celebrou fai pouco unha das festas-romarías de máis sona e famosas de Galicia. Queremos referirnos ás de Santa Marta, irmá de Lázaro e de María Madanela.
Toda a contorna da igrexa atopábase, como cada ano, engalanada e con abondosa presenza de vendedores de todo…
O principal acto relixioso en loubanza da milagreira Santa Marta, foi a misa solemne cantada das 12 horas.
Por ser tanta a xente devota que concorre a esta popular romaría, habilítase, cada ano, unha grande carpa no adro, paralela ao lateral esquerdo da igrexa parroquial, xa que esta resulta pequena.
Rematada a Eucaristía organízase a singular e impresionante procesión, caracterizada pola presenza de cadaleitos, xa portando neles os devotos oferentes, xa baleiros e portados por quenes así fixeron a súa promesa. Outros devotos e de xeonllos, tamén acompañaron á Santa durante a longa procesión (unha hora) polo itinerario de costume.
Na procesión a cruz parroquial abría paso marcando o percorrido, seguíndolle o pendón, logo o estandarte e a devota imaxe da Santa.
Detrás, acompañando e presidindo a relixiosa comitiva, novidosa e ata emocionante procesión, lle seguía o clero oficiante.
E, baixo un implacable sol, desfilaron os cadaleitos ofrecidos, este ano nun total de nove, como podemos verificar polas fotos.
E por último, pechaba a solemne procesión, tan orixinal como piadosa, o acompañamento da Lira de Ribadavia e a Banda de Música Unión de Gulanes.
Fisterra. Unha fermosa viaxe pola costa de Galicia
15:35
Xoán Martínez Tamuxe
Deixamos Carnota e seguimos disfrutando da Costa polas poboacións do Pindo, Ézaro, Cee e Corcubión… para chegar a Fisterra.
Aquí, en tan corto espazo, como impresionante enclave xeográfico, onde acaba a terra (Finisterrae) se impón a inmensidade do mar e o horizonte no infinito.
Visitamos este cabo (con interesante faro-edificio) e outras estancias, monumentos, puntos históricos, de tradicións, etc; lamentando, por falla de tempo, non poder visitar algún santuario e xacemento arqueolóxico.
Esta é pois, a fin de etapa proposta nesta ocasión pola familia (de Salvaterra e de O Rosal).
Mercados algún “recordos” do lugar, posamos para sacar a obrigada foto familiar.
Visitando o monumental "Hórreo de Carnota"
13:07
Xoán Martínez Tamuxe
De Baroña seguimos camiñando en familia, sen deixar de contemplar rías, praias, dunas e mar. Logo tamén, Noia, Muros, Lariño, Lira…
Xa chegamos ao concello de Carnota (de impresionante praia, máis de 5 km) e concretamente á parroquia de San Mamede.
Aquí visitamos o templo parroquial de alta torre, rematada en 1755. Seu altar, isto é, o retablo, de estilo neoclásico, é obra do escultor Ferreiro.
A imaxe, que se mostra na ornacina da entrada principal, por suposto, é a do seu patrono, San Mamede.
Pero a razón desta intencionada e terceira parada é visitar e coñecer de preto o celebrado “Hórreo de Carnota”. Desta monumental construción, só lembraremos que se trata como de algo necesario e complementario, máxime noutros tempos, da casa labrega, tanto de pobres como de ricos (grandes ou pequenos).
Segundo a comarca, así se denominaba no Dicionario Xerais da Lingua 2006: “Celeiro, cabazo, cabaceiro, canastro, espigueiro, jalleira e piorno”. E a estes nomes, temos que engadir o que empregamos, cando menos na nosa bisbarra do Baixo Miño: o “canizo”. Nome, sen dúbida, sinónimo real, xa que lembran idéntica composición, o texido de canas (tiras de madeira, en forma de láminas…) que pechan o canizo, deixando rendixas para entrar o aire e sequen as espigas.
Concretamente do excepcional “canizo de Carnota” anotamos o que se recolle sobre el na Gran Enciclopedia Gallega e nesa entrada: “El hórreo de Carnota construido en dos etapas (1768 y 1783) tiene una longitud de 34’76 metros y está sostenido por 22 pares de columnas. Perfectamente labrado en buena cantería, su autoría corresponde a Gregorio Quintela. Está declarado actualmente como Monumento Nacional”.
Hórreo semellante, aínda que menos popular, se atopa aquí en Lira. O hórreo sitúase próximo á igrexa parroquial e tamén moi preto da reitoral, con pombal (tipo pazo) a quen pertencía dito canizo.
Aproveitamos esta singular ocasión para posar diante desta, tamén singular xoia arquitectónica, das máis monumentais de Galicia.
O Castro de Baroña. Viaxe pola Costa ata Fisterra
14:23
Xoán Martínez Tamuxe
Da nosa viaxe familiar pola Costa de Galicia esta foi a segunda parada. Unha visita obrigada a este singular xacemento arqueolóxico: “O Castro de Baroña”.
Sitúase na parroquia de San Pedro de Baroña, municipio de O Porto do Son (A Coruña).
Trátase dun asentamento galaico-marítimo, emprazado sobre unha península ocupada na súa totalidade entre varias elevacións e acantilados.
Poboado, pois, metido no mar, que estivo ocupado entre o século I antes de Cristo ao fin do século I despois de Cristo.
Lembramos que estivo protexido por doble muralla. O acceso a este recinto habitacional se realizaba a través dunha única porta.
Tense efectuado neste poboado diferentes escavacións. Entre os descubrimentos cabe sinalar máis dunha vintena de construcións, tanto de forma circular, como outras de ángulos redondeados, sen faltar algunhas de rarísima pranta.
Difícil o poder determinar a súa altura, así como a súa dedicación (vivendas, almacéns, algunha corte, etc).
Procedente das vivendas escavadas, son os diversos obxectos de pedra, tal como muíños, pesos de rede (para a pesca) machadas pulimentadas, moldes de fundición (quizais dun pequeno cunco), varios cravos de bronce, así como unha asa decorada, anelos, fíbulas, etc.
E, por suposto, fragmentos de cerámica (de rara composición) e difícil a súa reconstrución. Toda ela, cerámica (vasillas) de carácter indíxena e varias, incluso, ornamentadas.
Con tal panorámica, aproveitamos para posar só e en familia, como lembranza de ter estado aquí.
As Festas do Cristo de Uma dende o século XVIII
06:45
Xoán Martínez Tamuxe
Outro ano máis, San Andrés de Uma celebra o vindeiro domingo día 6 de agosto e con toda solemnidade, a súa “festa maior”: O Cristo da Saúde.
Pero antes de abordar o programa da festa, faremos unha breve sembranza da parroquia a fin de enriquecer o coñecemento histórico sobre o noso pobo.
A primeira mención escrita, histórica, da que temos constancia da nosa freguesía do apóstolo San Andrés, remóntase ao século XIII, concretamente ao ano 1289. Alusión que se fai á parroquia de “Huma”, a propósito da relación dos milagres de San Pedro G. Telmo, patrono da diócese de Tui.
Anos despois, pero tamén en pleno século XIII, cando a fundación do Mosteiro da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, Payo Sorrodea i Sotomaior, Señor de Salvaterra, donou aos monxes cistercienses, entre outros lugares, Uma con toda a súa xurisdición civil e criminal. Doazón que foi confirmada por Juan I, rei de Aragón i Enrique III, rei de Castela.
E porque o Mosteiro da Franqueira estivo durante algún tempo vinculado ao de Melón, a nosa parroquia de Uma, tamén o estivo. Pero desta circunstancia histórica xa falaremos en mellor ocasión.
San Andrés foi sempre rexentada na orde pastoral, polos monxes da Franqueira; e máis tarde por cregos seculares, delegados por aquel mosteiro.
E por último, máxime, despois da nefasta Desamortización de 1835, por cregos designados polo bispo da Diócese.
A nosa parroquia, como filial da de Santa María da Franqueira, e cando menos dende o século XVIII, vén peregrinando á Franqueira nas dúas grandes romarías.
Queremos agora lembrar que Uma celebra o vindeiro domingo 6 de agosto as súas “festas maiores” na honra do Santo Cristo da Saúde, avogado, en especial das doenzas da cabeza. Festa que xa se vén conmemorando anualmente dende o século XVIII, concretamente, segundo documentación histórica, ano 1756.
Nesta data fálase da composición do altar-retablo, de pintar-policromar a imaxe do Santo Cristo, etc. D. Caietano Fernández Barreiro, nomeado polo abade da Franqueira.
Así, pois, como cada ano, ás 12 horas, o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, oficiará a Santa Misa solemne-cantada ao Santo Cristo polo “Grupo Insieme”.
Rematada a Eucaristía, o Santo Cristo sairá en solemne e devota procesión, facendo o itinerario de costume dando a volta ao artístico cruceiro do torreiro, obra costeada polo párroco naquel entón, 1877, o Rvdo. D. Rafael Durán i Mera.
Rematada a procesión, toda ela con repique de campá, no “Torreiro” Banda de Música Xuvenil de Xinzo, interpretará algunha composición a fin de que o público escoite, baile e aplauda.
O luns, é de ritual a misa solemne, que está dedicada á Nosa Señora. A imaxe que sae na procesión é a talla da Nosa Señora do Carme, de singular devoción na parroquia.
O falso petróglifo dos Muíños do Folón (O Rosal)
06:16
Xoán Martínez Tamuxe
Por fin a nosa hipótese, suposición e dúbidas en col do “curioso gravado” do que tratamos na nosa última entrada, quedaron despexadas.
Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.
Non se nos quixo dicir o nome do “artista” émulo da Idade do Bronce. Tamén así evitamos a visita ao hipotético e falso conxunto repestre dos nosos amigos arqueólogos, que tiñamos convidados a admirar ese “curioso gravado”.
O noso amigo informador, soubo antes que nós, que os mentados gravados son falsos e recentes, porque llo dixo o propio “artista”.
Descoñecemos onde e como se realizou o encontro clave –aclaratorio- que nos resolveu a nosa dúbida, por falla de evidencia.
Por todo o que antecede, temos agora certeza (sempre que o “dito” sexa veraz):
1º.- Que o repetido gravado en cuestión non é prehistórico.
2º.- Que o autor do gravado é todo un formidable debuxante.
3º.- Que se trata dun “artista” para realizar réplicas ou reproducións, claro está, impresionantes, pero falsas… que poden conducir a erro…
4º.- Que certas réplicas, para evidenciar que son iso, “réplicas”, copias e non orixinais, aínda que se atopen insculturadas nunha laxe, no monte, e ao aire libre, deben acompañarse de algunha data, inicial, marca, etc.
5º.- Non dubidamos que o autor das aludidas insculturas do Folón conta con certos coñecementos da arte rupestre. Coñecemento que por iso non xustifica, senón todo o contrario.
6º E que, certamente, non se trata, por suposto, de ningún arqueólogo. Tal brinquedo, equivale a “xogar coa pólvora”… e iso é perigoso.
Segundo as circunstancias, posiblemente, volvamos a facilitar novas aclaracións.
Achádego dun novo gravado nos Muíños do Folón
14:24
Xoán Martínez Tamuxe
Recentemente temos atopado un curioso debuxo nunha pedra (1 m x 80 cm x 35 cm) que forma parte dunha parede, no camiño de subida aos Muíños do Folón (O Rosal), lugar das Penas, en fronte mesmo do muíño nº 5, coñecido polo “Muíño do Galego”.
Trátase dun curioso gravado tipo petróglifo. Incriblemente, mil veces que pasamos por ese lugar e xamais nos apercibimos das figuras alí insculturadas, ata hai poucos días.
Como se pode observar nas fotos que presentamos, diferéncianse ata tres clases de motivos: coviñas, 20 en total e ben aliñadas; dous pequenos círculos con coviña no centro, o máis pequeño (11 cm) aislado; e o outro círculo (13 cm) áchase unido (terceiro elemento) por un suco un tanto ondulante que marcha pola pedra-soporte abaixo.
Nun principio pensamos se podía tratar dun gravado ocasional e recente. Incluso que podía ser obra dos propietarios de calquera dos muíños; e aínda contemporáneo ao dos cruciformes (históricos) alí próximos (s. XVII-XVIII) gravados nun penedo á beira do mesmo camiño e tamén enfronte do muíño nº 3.
Logo que limpamos un pouco a pedra-soporte das figuras (un tanto abombada), comezamos a valorar aqueles singulares motivos propios da arte rupestre, a delicadeza, finura e simetría do pequeno conxunto, así como o pulido daquel suco e círculos.
Máis tarde, facendo uso de hipóteses, lembramos que a zona se denomina “As Penas”, topónimo que alude a unha notable abundancia de rochas graníticas.
Apreciamos tamén a posibilidade de que esa pedra, e pola súa forma, puidera tratarse dun anaco desprendido, arrincado dalgunha laxe con gravados, situada nas proximidades.
Damos palabra de convidar a algún dos nosos amigos arqueólogos, a fin de que nos axuden a despexar as nosas dúbidas. E de ser parte dun grupo de gravados prehistóricos da Idade de Bronce (coñecemos repetidos casos), quizais soporte maior, xa desaparecido (1800 A.C.) salvemos este prezado documento, depositándoo no Museo Municipal-Centro Etnográfico da Vila.
NOTA: Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.
NOTA: Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.
O Cruceiro de Hío. Viaxe pola costa ata Fisterra (I)
07:05
Xoán Martínez Tamuxe
Hai poucos días e por acordo familiar (de Salvaterra e O Rosal), fixemos esta formidable e fermosa viaxe, todo pola costa (Pontevedra-A Coruña), nesta ocasión, con final de etapa en Fisterra.
Que dicir sobra as impresionantes paisaxes e puntos turísticos polos que foi obrigado parar: Vilaboa, Domaio, Moaña...
Deixamos, pois, a autovía en Arcade, onde comprobamos que a ampliación da ponte está moi avanzada. Entón collemos o ramal cara a Cangas, primeira parada.
Xa aquí, visitamos a parroquia de San Andrés de Hío, onde admiramos o seu coñecidísimo e artístico Cruceiro de Hío. Sen dúbida, este é monumento único neste tipo, tanto en Galicia, como na Bretaña e coido que en todo o mundo.
Atópase no adro da igrexa parroquial, que aínda mostra restos románicos e, así mesmo, preto da casa reitoral, tipo pazo galego.
O cruceiro é como un libro aberto, onde se pode ler e lembrar todo o misterio e mensaxe bíblica dende Adán i Eva no Paraíso, ata a crucifixión e desencravo de Xesucristo, noso redentor.
Ata fai pouco se creía obra do mestre canteiro José Cerviño García, cando menos, dende 1950, en que aparece mencionado na “obra magna” do gran Castelao: As cruces de pedra na Galiza.
Pero, dende hai poucos anos e por activa investigación de Eugenio Eiroa Hermo, natural de Cangas, onde finou no 2009 á idade de 90 anos, probou que o verdadeiro autor do “Cruceiro de Hío” é Ignacio Cerviño Quinteiro.
Eiroa Hermo, prestixioso “investigador porfiado” como o define noso amigo Estanislao Fernández de la Cigoña, foi funcionario do concello de Cangas, “membro colaborador” do Museo de Pontevedra, Cronista Oficial da súa vila, etc.
Froito do seu longo estudo e investigación, probou –reiterámolo- que o celebrado “Cruceiro de Hío” é da autoría en 1872, do escultor Ignacio Cerviño Quinteiro. Este artista era natural de Aguasantas (Cotobade) e veciño de Cangas.
Foi, si, coetáneo e conveciño do citado mestre canteiro, José Cerviño García, pero non o verdadeiro autor do singular e artístico “Cruceiro de Hío”.
Seguen e dan crédito aos resultados da investigación do Sr. Eiroa Hermo, entre outros, o tamén investigador, arqueólogo, historiador, ex-capelán castrense e párroco de San Andrés de Hío, Emilio Alfonso Fernández Sotelo, noso antigo compañeiro de estudos en Tui.
Así mesmo, é fiel seguidor da teoría do Sr. Eiroa Hermo, Estanislao F. de la Cigoña, mestre especialista na actualidade nesta clase de monumentos.
E con el tamén estamos nós en crer que esa colosal obra é do taller de Ignacio Cerviño Quinteiro.
E antes de proseguir a nosa ruta pola Costa camiño de Fisterra, aproveitamos para posar como lembranza desta visita (para nós xa segunda) ao tan simbólico monumento relixioso de Hío.
BIBLIOGRAFÍA: “Recordando a Eugenio Eiroa Hermo”. Actas do I Congreso Galego sobre “Cruceiros e cruces de pedra”, páxs. 245-51. Editor: Estanislao F. De la Cigoña, 2009”.













