PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Novo Boletín Informativo do Rosal (2021)

 


O Concello e Vila do Rosal edita un Boletín Informativo: BOLETÍN RSL. Publicación municipal que chega aos veciños este mes de marzo do presente ano 2021.

Como non mostra data algunha de saída, coidamos se trate do nº 0, e polo tanto que seguirá publicándose.

Consta de 16 páxinas e máis dunha vintena de ilustracións a toda cor. O texto do Boletín iníciase coa presentación do mesmo pola propia alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen desexa e agradece a colaboración prestada polos rosaleiros dende o primeiro momento.

A imaxe da páxina editorial, primeira plana da ampla e nova “Explanada do Horizonte”. Sen dúbida que se trata dun verdadeiro parque e miradoiro, o máis cómodo da Costa Atlántica. Atópase “xa dispoñible para desfrute da veciñanza” e tamén de cantos turistas visiten esta singular paraxe, tan fermosa como tranquila de Portecelo (Sanxián) no concello do Rosal.

Recóllese na revista-boletín entrevistas, comentarios e ilustracións sobre as distintas melloras e proxectos en todo o municipio. Se anotan restauracións de fontes, obras de melloras nas estradas, recuperacións de hábitats naturais, etc. Así mesmo, fomento da xestión de residuos sostibles, plan de prevencións de incendios, medidas contra o cambio climático, defensa da sanidade pública, mellora dos servizos de atención primaria, traballando en pro da igualdade e loita contra a desigualdade de xénero, achegando a cultura aos barrios do concello, ideario para o desenvolvemento local, etc.

Grazas pola información. Que os rosaleiros e rosaleiras colaboremos co concello polo progreso e benestar de todos.

Xesús Gómez Sobrino na "Gran Enciclopedia Gallega"

Sobrino, asistindo en 1969 ao Congreso da Inmaculada en Bom Xesús de Braga

LEMBRANZA DO XXXIV ANIVERSARIO DO PASAMENTO DO CÓENGO XESÚS GÓMEZ SOBRINO

Nesta ocasión faremos unha breve reseña histórico-biográfica de Jesús Gómez Sobrino, empregando como referencia bibliográfica, entre outras, a completa biografía que fixo o amigo Ernesto Iglesias Almeida e que se recolle no nº3 da revista Castellum Tyde do Instituto de Estudios Tudenses (2010-11), páxina 7; e tamén do texto que figura na “Gran Enciclopedia Gallega”, de X.M.T.

Xesús Gómez Sobrino, naceu na vila da Guarda o 8 de Nadal de 1935, festividade da Inmaculada. Fixo estudos no Seminario Diocesano de Tui, 1947-1952, doutorándose en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, cuxa tese mereceu un “sobresaínte cum laude”.

Simultaneando con ditos estudos, participou en diferentes cursos de arqueoloxía no “Pontificio Instituto de Arqueoloxía”. Ao regresar de Roma, foi nomeado párroco de Amorín e Currás (Tomiño), así como profesor de Latín e Humanidades no Seminario Menor de Tui.

No ano 1970 atopámolo como profesor do Instituto de Ensino Medio de Tui e no 1973, foi nomeado cóengo da S.I. Catedral de Tui, así como encargado adxunto do Arquivo Catedralicio, Director do Museo Catedralicio e do Arquivo Histórico Diocesano.

Foi cofundador do “Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño” en 1968. Participou en diferentes congresos sobre Arte e Historia e foi colaborador e membro de varias institucións, tanto en España como en Portugal.

O amigo Gómez Sobrino foi clave, entre outras melloras culturais da Diocese, tal como dos citados Museo Catedralicio, Arquivo Histórico Diocesano e coa colaboración do EABM, da creación do Museo Diocesano, dos que foi primeiro Director. En 1987 a Agrupación Cultural Guardesa dedicoulle o “Día das Letras Galegas”.

Xesús Gómez Sobrino foi autor de preto dun centenar de traballos monográficos de carácter histórico, xeográfico, arqueolóxico, periodístico, biográfico e relixioso, sendo pregoeiro en repetidas celebracións.


En unión do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño fixéronse interesantes descubertas, como multitude de xacementos arqueolóxicos, estacións rupestres, castros, ou mesmo a vila romana de Currás.

En fin, Gómez Sobrino foi un incansable estudoso e defensor do Patrimonio Histórico, Arqueolóxico e Etnográfico, máxime do Baixo Miño.

O crego, cóengo, M.I. Xesús Gómez Sobrino finou o 8 de decembro de 1986 (curiosamente esta data, a mesma na que naceu no 1935) cando cumpría 51 anos.

Amigo Gómez Sobrino, ¡que vivas na Paz de Cristo!

O noso obxectivo prioritario nesta ocasión é para lembrar, dar a coñecer e definir o contido das súas colaboracións na “Gran Enciclopedia Gallega”.

LOUREDO, San Salvador de (municipio de Mos), en colaboración de Ernesto Iglesias Almeida.

MARTÍNEZ POSE, Manuel. (Mestre da capela e organista da catedral de Tui).

MARTÍNEZ TAMUXE, Xoán (seudónimo de Xoán B. Martínez González. Sacerdote secularizado en 1976, historiador).

MORGADÁNS, Santiago de (municipio de Gondomar).

MOSCOXO, San Paio de. Concello de pazos de Borbén.

MOSENDE, San Xurxo de. (Concello de Porriño).

NOGUEIRA, José Ignacio. (Mestre de arquitectura e canteiro, veciño de Goián-Tomiño).

NOVÁS GAYOSO, Juan Francisco de (mestre de cantería, Pazos de Reis-Tui).

NOVÁS I LEMOS, Domingo Antonio (mestre de cantería, arquitecto de Pazos de Reis-Tui).

NOVÁS I LEMOS, Manuel Francisco de. Mestre de cantería de Pazos de Reis-Tui.

NÚÑEZ GESTOSO, Manuel. Sacerdote de Viseiro (A Estrada), profesor do seminario de Tui, escritor.

PARAMOS, San Xoán de. Concello de Tui. En colaboración de E.I. Almeida.

PAZOS DE REIS, Nosa Señora do Sagrario, Tui. En colaboración de Ernesto I. Almeida.

PÉREZ DE LA ROCHA, Simón Antonio, de Tui. Prateiro especialista da catedral tudense.

PEXEGUEIRO, San Miguel de. Concello de Tui.

PONTELLAS, Santiago de. Concello de Porriño.

RANDUFE, Santa María da Guía de. Concello de Tui.

RIBADELOURO, Santa Comba de. Concello de Tui.

ROLÁN DE SANTA CRUZ, Francisco. Pintor e dourador do Concello da Guarda.

SALVADO Y ROTEA, Rosendo. Bispo de Puerto Victoria (Australia). Natural da cidade de Tui. En colaboración de E.I. Almeida.

TUI. Municipio da provincia de Pontevedra e diocese de Tui-Vigo, en colaboración de Aquilino González Santiso.

VILLA ALONSO, Juan Santos. Sacerdote de Eiras (O Rosal), autor da primeira “Gramática Latina” (1854), profesor do Seminario de Tui.

Achádego dunha asa de ánfora romana en O Rosal


Cruceiro de Lamas e poste onde apareceu a asa

Fai poucos días -antes do confinamento- saín como de costume a pasear pola vila, partindo do Calvario, en dirección ao barrio das Medas, xuradía de Novás.

Cando pasaba polo lugar de Lamas, acordei observar a cantidade de auga que da Fonte de Tiarxo, levaba agora o novo regato de cemento... Ía, en verdade, cheo.

Dito rego pasa pola cabeceira das fincas á esquerda da estrada que leva á ermida de San Sebastián, nas inmediacións e a poucos metros do cruceiro de Lamas.

O que en primeiro lugar me sorprendeu foi observar -nun chanzo dos novos postes de formigón da luz, que se levanta entre o citado rego e a leira- un trozo de cerámica.

Cando me acheguei a dito poste da luz, puiden recoñecer con grande sorpresa e admiración, que se trataba dunha "asa de ánfora romana, parte moi definida da mesma".


Nada raro, pois, o atopar este fragmento arqueolóxico nesta zona, xa que, a menos de 300 metros cara ao Norte, se emprazan os populares "Castros de Francia".

Estes xacementos foron estudados en 1939 polo historiador e cóengo guardés, D. Juan Domínguez Fontela; e a menos de 200 metros cara ao Leste, atópase tamén a Praza do Calvario (casa do Concello e igrexa), considerada igualmente xacemento arqueolóxico.


O que máis si me chamou a atención, foi tanto o lugar onde foi colocado, intencionadamente, ese cacho de ánfora, como o que fora recollido e retirado do lugar en que se atopaba.

Coidamos sería localizada nas inmediacións ou na propia finca, que os donos traballan. Ben seguro que dita peza puido chegar ata aquí por "arrastre". Por aquel ocorrente rosaleiro situalo nese curioso lugar, puido salvarse do seguro esquecemento. 

Pola contra, grazas a esa novidosa exposición no poste, salvouse dita peza, todo un auténtico documento arqueolóxico, que axuda a un maior coñecemento da romanización no noso concello do Rosal.

Longo máximo, 12 cm; longo mínimo, 9 cm; ancho, 5 cm; grosor: 3 cm

Para unha maior información sobre esa peza da "ánfora romana", diremos que é moi simbólica e típica da alfarería da época e se considera herdanza e modelo dos envases gregos. Vasilla de formas e partes ben definidas: con boca, pescozo con asa a cada lado, panza e pé, remate non plano, senón de forma de pivote.

A ordinaria altura da ánfora era sobre 1 metro; a súa capacidade, de 45 a 56 litros. Ditas vasillas, eran por suposto, de barro cocido con certo barnizado interior de resina. Se pechaban con tapas, xa de cortiza, xa de madeira, suxeita con pez.

As ánforas eran apropiadas para o trasporte naval, tanto de viño (vinarias) como de aceite (oleáreas). En menos cantidades, mel, aceitunas, salazón de peixe, salsas aromáticas, cereais...

Ánfora no Museo de Santa Trega (A Guarda)

Soían levar a correspondente garantía e signo externo de significación comercial. Dita mercancía, cando se transportaba en naves, era protexida con palla, esparto ou material semellante. A súa carga e descarga, ordinariamente, se facía mediante esclavos ou tamén con persoal profesional.

Se o transporte era a lugar próximo, se realizaba en carros. Aínda, tamén neste caso, o transporte consistía en pasar unha corda entre as ás, ou unha tira de coiro de modo que se puidera introducir por ela un pau de forza suficiente para resistir o peso e que colocaban ao ombreiro dos porteadores.


Por exemplo, unha nave de máis de 2000 ánforas, era considerada, sen dúbida, como unha das maiores.

A maioría das cerámicas (industrias) atopábanse no posible en lugares máis cercanos aos embarques. Moitos dos desembarques, posiblemente, se realizarían en praias, facendo de portos.

Esta asa, singular peza arqueolóxica, é todo un verdadeiro documento que nos informa como tan significativo material romano chegaba embarcado aos nosos poboados galaico-romanos.

Este noso documento arqueolóxico, será depositado no Museo Municipal-Centro Etnográfico da Vila do Rosal.

BIBLIOGRAFÍA

-Domínguez Fontela, Juan. "El castro de El Rosal (La Guardia)". Faro de Vigo, 1939.
-Beltrán Lloris, Miguel. Las ánforas romanas en España. (Zaragoza, 1970).


A capela de San Martiño, protagonista do almanaque da CMVMC de Santa Mariña do Rosal



Un ano máis, a nosa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal edita o almanaque correspondente ao actual, 2020.

A ilustración do mesmo, recolle a ermida de San Martiño, no monte da Valga, xuradía de Fornelos. Móstrase dita ermida pola parte posterior, isto é, a ábsida.

Detalle positivo da nosa Comunidade, xa que esta anual costume contribúe a un maior coñecemento e valoración do Patrimonio histórico, nesta ocasión, relixioso, da parroquia e concello do Rosal.

A este propósito lembramos que, segundo o historiador e cóengo guardés D. Juan Domínguez Fontela, dita ermida é verídica testemuña e sinal do desaparecido ermitorio (mosteiro) visigótico de San Martiño de Tours (Francia), fundado no Baixo Miño no século VII.

Foi o seu fundador o monxe natural do Bierzo (León), abade e bispo de Dumio (Braga-Portugal), San Fructuoso.

Tamén polo mentado historiador guardés, sabemos que no cume do monte de Santa Trega, entre o clero alí reunido no século XII, a fin de aprobar a constitución da Irmandade do Clamor, atopábanse os abades de Santa María de Oia, o do mosteiro de Barrantes e o do ermitorio-mosteiro do Rosal, Frai Don Pedro Martínez.

A construción da actual ermida, que hoxe podemos contemplar, data do século XVIII. Probablemente se atopase emprazada noutro lugar próximo e coa súa propia e orixinal orientación do seu altar e ábsida cara ao Nacente.

Romaría de San Martiño (1972). Foto: (X.M.T.)

Hai que lembrar que a norma primitiva e tradicional da Igrexa cristiana era que toda catedral, mosteiro, igrexa, santuario, ermida... reiterámolo, o seu altar principal (maior) debía construírse cara ao Oriente, por onde nace o sol, o día, Cristo, luz do mundo...

Sobre o ano 1779 o crego Rvdo. D. José Álvarez de Soto (Souto, lugar de Martín) acordou edificar no propio lugar da casa no Souto, unha capela dedicada á Virxe do Pilar.

Para esta edificación, acorda baixar, sen autorización do bispo, a pedra de San Martiño, que se atopaba totalmente en ruínas, para levantar a súa nova capela. Enterados os veciños de Fornelos denunciaron canto estaba ocorrendo. O bispo ordena ao crego D. José Álvarez de Soto, que rematase a construción da súa capela e que pola súa conta ten que levantar a ermida de San Martiño, como así foi. Por suposto que despois sufriu diferentes melloras.

X.M.T.



BIBLIOGRAFÍA
Apuntes sobre la Hermita de la Capilla del Pilar. (Arquivo Parroquial).
Domínguez Fontela, Juan. Apuntes soltos.
Domínguez Fontela, Juan. El Voto a Santa Tecla. Ed. Hermandad del Clamor de Santa Tecla, 1998,. páx. 54.
Martínez Tamuxe, Xoán. As ermidas, capelas e capelanías do concello do Rosal (traballo inédito).

Cameselle Bastos, gran estudoso de Tui e Baiona


Facemos esta particular e ben merecida lembranza do noso vello amigo Cameselle, singularmente, por dúas razóns.

A primeira, pola relación de amizade a propósito do seu nomeamento como ecónomo da parroquia de Santa María de Baredo, relevándome no cargo, en 1975.


A segunda razón da miña sincera gratitude é por ser coautor da guía turística que os dous acordamos facer en 1976 sobre Baiona.

Por todo iso lembramos brevemente a súa ampla biografía. Nace Domingo Cameselle Bastos na cidade de Vigo o 13 de xuño de 1931. Ordénase sacerdote na tamén cidade de Tui o 21 de setembro de 1957.


En 1972, segundo o Nomenclátor Diocesano desa data, foi nomeado capelán do Apostolado do Mar. Pois, certamente, Cameselle, foi un namorado de Baiona, excepcionalmente, da xente do mar. Xa no 1975-76, tal como dixemos, atopámolo como ecónomo de Baredo e capelán das RR. Carmelitas de Sabarís (Ramallosa-Baiona).

No Nomenclátor ou Guía da Iglesia Diocesana de Tui-Vigo, o Sr. Cameselle figura como párroco de Morgadáns e de Peitieiros; subdirector do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, así como membro da Comisión Diocesana de Patrimonio Cultural.


En 1990, o bispo monseñor José Cerviño nomeou a Cameselle capelán do convento da Milagrosa de Tui e responsable do culto na Catedral en coordinación coa parroquia e cabildo. Neste mesmo ano, Domingo Cameselle creou o boletín "Pórtico"; así mesmo, foi clave na fundación da Asociación Amigos da Catedral, dándolle así un notable impulso á vida litúrxica do templo.

En 1995 o noso finado amigo, foi nomeado polo bispo monseñor Cerviño, director do Museo e Arquivo Histórico Diocesano en substitución do M.I. Cóengo D. Antonio Hernández Matías.


En 1996, Cameselle Bastos, por razón da súa próxima xubilación, e na Asemblea Xeral da Asociación, deixa as súas funcións na xunta directiva, así como a responsabilidade do culto da catedral de Tui. E aínda, provisionalmente, de 2001-2002, estivo de ecónomo de Baíña e Baredo.

Domingo Cameselle deixa interesantes colaboracións na revista do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, en Soberosum de Ponteareas, así como en folletos, tanto sobre a Catedral como en programas de música sacra, exposicións, etc.


Da súa obra de investigación histórico-literaria, cabe destacar: 
-Bayona La Real. Historia, Arte, Turismo (en colaboración, 1976).
-Parroquia de Santa María de Baredo (1997).
-A capela de Santa Liberata-Bayona La Real. (Separata da revista do Museo e Arquivo  Histórico Diocesano de Tui, 1980).
-La Catedral de Tui. Historia y Arte (1993, nº 14). Autores: Cameselle Bastos-Iglesias Almeida. Fotos: Pío García.

Segundo información recollida no blog da Amigos da Catedral de Tui "o 1 de novembro de 2008, Domingo Cameselle Bastos e, logo de varios anos de preparación, profesaba como monxe no mosteiro de Santa María de Sobrado da Orde do Císter, recuperando unha primixenia vocación e onde desempeñou diversas responsabilidades monásticas".

Na visita que lle fixemos o primeiro de xullo de 2012, tal como lle prometera, o noso amigo Domingo, desviviuse no recibimento que nos ofreceu, ensinándonos o histórico e artístico monumento como é o mosteiro de Santa María de Sobrado, dos máis antigos de Galicia, pois a súa fundación data do ano 952.

O reverendo Pai Domingo Cameselle Bastos, finou o pasado día 22 de maio, no mosteiro de Sobrado da orde císter (A Coruña). Se celebraron honores fúnebres polo seu eterno descanso, cando menos, no citado mosteiro e na Santa Igrexa Catedral de Santa María de Tui.

¡Que o noso amigo Domingo viva na paz de Cristo!

Bibliografía consultada:
Diferentes Nomenclátor da Diócese e boletíns soltos.
Faro de Vigo (23-V-2019). 



Romaría de Doce Nome de Xesús (Mavia-Loureza)




O sábado 27 do pasado mes de maio o pintoresco barrio de Mavia (Loureza-Oia) honrou ao seu titular da capela, o Doce Nome.

Xa de mañanciña, unha salva de 12 bombas anunciaba as festas. Tampouco faltaron os pasarrúas do grupo de gaitas de danza Virxen do Alivio.


O torreiro da capela e tamén recinto das festas, onde non faltaban nin a cantina nin o posto de venda de rosquillas, atopábanse iluminados, o mesmo que a ermida. Esta, no seu interior, achábase fermosamente adornada con flores e repetidas ofrendas de velóns, simbolizando acción de grazas e tamén quizais novas peticións ao Bon Xesús.


No interior da capela presidía a artística imaxe do titular, o Neno Xesús (coido, imaxe barroca) e tamén a nova imaxe da Nosa Señora de Fátima.

Ás 12:30 horas daría comezo a Santa Misa cantada e oficiada polo cóengo e párroco de Figueiró, Estás e Forcadela, José Luis Portela Trigo. O celebrante da Eucaristía estivo auxiliado polo párroco de Loureza e de Burgueira, Antonio Estévez Fernández. Antes do inicio da misa, este dirixiuse aos fieis presentes manifestándolles que tiña unha mensaxe da señora alcaldesa, Cristina. Non era outro que se lle disculpase por non poder estar presente nesta solemne romaría dos veciños de Mavia, debido a un inesperado compromiso.


Ao final do acto litúrxico, na procesión desfilou en primeiro lugar a imaxe de Nosa Señora de Fátima, levada por mozas do pobo; en segundo, presidindo a mesma, a imaxe do Neno Xesús, o Doce Nome de Mavia, levado tamén por mozos do lugar.


Seguíanlle ás imaxes, o clero, o grupo de gaitas Virxen do Alivio e, por último, os fieis. O itinerario seguido foi o de costume: arredor da capela, ata a chegada ao Cruceiro (unha cruz), voltando para o recinto do santuario.


Chegada aquí a procesión, o sacerdote celebrante, José Luis, sube ao púlpito de de pedra, situado á beira da capela, e pronuncia a correspondente homilía referente ao titular da ermida. Na súa intervención falou do poder espiritual, da súa intercesión divina, como Deus, máxime neste momento tan crítico da Humanidade, máxime cara ao futuro, para a xuventude.A seguir recolleuse na capela a procesión.


De tarde e para amenizar o ambiente cívico-festeiro da verbena, a Comisión de Festas ofreceu os seguintes grupos: Trío Azar e Trío la Clave, que resultaron do agrado de todos.


Jaime Garrido, arquitecto vigués. In memoriam



Fai poucos días -e de parte do presidente do noso Instituto de Estudios Tudenses, Xavier Añoveros Trías de Bes- recibimos a inesperada e triste noticia do pasamento do compañeiro e membro de número do refundado Instituto, Jaime Garrido Rodríguez.

Garrido era respectuoso co patrimonio e vivía a súa profesión. Pouco imos lembrar de Jaime, xa que era notable persoeiro vigués (Bembrive, 1935) no campo das letras. Veterano arquitecto, exemplar e serio investigador ademais de prolífero historiador.

A el teñen moito que agradecer, entre outras, a cidade de Vigo, a vila de Baiona no Val Miñor ou a cidade de Tui no Baixo Miño.

Reunión do Instituto de Estudios Tudenses. (Tui, 2013)

Esta lembranza, humilde recoñecemento e gratitude a Jaime, ten moito que ver na súa sempre novidosa colaboración na nosa revista Castellum Tyde. Singular valoración esta da miña etapa na que fun presidente do Instituto, de 2007 a 2017.

Outro motivo de gratitude ao amigo Garrido é pola súa noble amizade, reflectida, por exemplo, cando lle solicitamos o prólogo para a nosa publicación de 2007. Trátase do libro que titulamos naquela data Memoria histórica da Capela da Madanela no Monte da Pedrada e vestixios dunha fortaleza. Obra que asinei co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa. Editaron e patrocinaron a mesma as Comunidades de Montes de Barrantes (Tomiño) e de Burgueira (Oia).


Por canto antecede e polo seu amable prólogo que enriquece sen dúbida dita publicación, agradecemos e tamén agardamos que Deus Noso Pai acolla a súa alma na eterna gloria.

Á súa estimada familia a nosa sincera condolencia.

Bibliografía: na revista de Estudos Miñoranos (da que tamén era membro fundador, 2001); Gran Enciclopedia Gallega; Enciclopedia Galega Universal.

Festas do Santo Cristo de Uma (Salvaterra, 2018)



Outro ano máis, a parroquia de San Andrés de Uma (Salvaterra) honrará o vindeiro domingo 5 de agosto ao Santísimo Cristo da Saúde. Devoción que data, cando menos, do ano 1756, segundo documentación do arquivo parroquial. Os fieis o teñen como avogado, entre outras doenzas, da cabeza.

Como cada ano, na súa igrexa terase a Santa Misa solemne, predicación e devota procesión de ritual ao torreiro das festas: O Cruceiro. Aquí, precisamente, este espazo, está presidido por un artístico cruceiro que data do século XIX, concretamente do ano 1877.




Este monumento, o máis valioso da parroquia, foi erixido e costeado polo párroco naquela data, o Rvdo. D. Rafael Durán y Mera (1869-1905).

Tanto a Santa Misa do propio domingo –festa maior- como a do luns, en loubanza e acción de grazas á Nosa Señora do Carme, son oficiadas polo párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, coas correspondentes homilías, presidindo ambas e devotas procesións ao torreiro, con repique de campás.

Aínda que sen coñecer o programa deste ano, pero sabendo da efectividade das comisións de festas, convidarán algún afinado grupo musical para solemnizar a Eucaristía destas celebracións.




Tamén, por suposto, como é tradicioal, celebraranse por todo o alto as correspondentes festas profanas.

Como seguimos investigando sobre a entrañable parroquia Huma, agardando nalgunha ocasión publicar a súa Historia, damos a coñecer algunas e interesantes noticias. 

Nesta ocasión, presentamos en síntese, a importante e significante doazón e outorgamento das propiedades e dereitos que dous nobres –irmáns- teñen sobre San Andrés de Huma. Doazón que aqueles cristiáns, devotos da Virxe e de San Andrés, fan o 26 de maio de 1407 a favor do Mosteiro do Císter de Nosa Señora da Fonte (A Franqueira).




A finalidade é para que poidan mellorar pastoralmente a vida espiritual dos fieis e veciños de Huma, así como para que a parroquia poida levar a cabo a mellora da igrexa de San Andrés, que se atopa en obras. Esta é, en resumo, a noticia:

Juan e Esteban da Lama ceden al Abad y convento del monasterio de Santa María de la Franqueira el Patronato de la iglesia parroquial de San Andrés de Uma, para que más cumplidamente puedan atender a la reparación del edificio y a su propio sustento”. (A.H.N. Clero, Franqueira, carp. 1785, nº 9). Transcrición do documento –completo- en Revista Museo e Arquivo H.D. de Tui, 1980. Ermelindo Portela Silva, páxs. 381-382).




Desta relación de San Andrés de Uma e a Franqueira, aí está o brasón heráldico da Franqueira, que proba que Uma é filial con todos os dereitos.

Lembrando ao amigo Jesús Gómez Sobrino


O pasado 8 de decembro de 2017, fixo 31 anos que o carísimo amigo Jesús Gómez Sobrino nos deixou para irse á Casa Celestial de Deus, noso Pai.


A súa familia guardesa, os seus exfregueses das parroquias de San Xoán de Amorín e tamén de San Martín de Currás (Tomiño), así como os seus amigos de verdade, non esquecemos.


Así, pois, lembramos que ao ano seguinte do seu inesperado falecemento, na súa parroquia de Amorín, e en plena misión pastoral, o propio pobo fíxolle xa unha singular e sincera homenaxe.

Consistiu esta nunha publicación dedicada a el, resaltando a súa nobre e humilde personalidade, así como a súa intelixencia e a súa capacidade de traballo. Reflectida esta como exemplar sacerdote, tanto no seu labor nas parroquias como nas obrigas do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, así como nas aulas onde foi profesor voluntario. 


Todo isto sen esquecer as tarefas de investigación na Historia e na Arqueoloxía, máxime de Tui e da comarca do Baixo Miño.


O nome daquela publicación, un libro, que editou a Comisión Organizadora para esta súa homenaxe, se denominou: IN MEMORIAM. JESÚS GÓMEZ SOBRINO, Tui, 1987. Trátase dunha tirada de 400 exemplares numerados. Disto fai agora 30 anos.


Outro recoñecemento aos seus méritos e gratitude ao seu múltiple labor, pero máxime pastoral como crego, débese neste caso aos fregueses de Amorín.


Cúmprense pois 8 anos que esta parroquia de San Xoán de Amorín lle rendeu tamén un 8 de novembro de Nadal do ano 2009, unha calurosa homenaxe a Don Jesús.


A organización correu a cargo da Asociación de Veciños de Amorín, coa colaboración da Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal de Tomiño.

Este foi o programa desa popular e cordial homenaxe.

Ás 11: Misa cantada pola Coral Polifónica de Tomiño. Oficiou a Santa Misa o Rvdo. M.I.D. Ricardo García Fernández, cóengo da Catedral e párroco de Tui.

Ás 12: presentación da vida e obra de D. Jesús Gómez Sobrino.

Ás 12:30: Descubrimento dunha praca conmemorativa (obra do escultor Antúnez Pousa) a cargo da alcaldesa de Tomiño, Dª Sandra González. Inauguración da Praza Jesús Gómez Sobrino. A este solemne acto-homenaxe, asistiron veciños, familiares, amigos e prensa.

A vontade do Altísimo é inescrutable. Tamén sabemos que a casualidade non existe. Pero a Providencia Divina, si. Gómez Sobrino, o 8 de Nadal de 1935 (día da Inmaculada Concepción, da que noso amigo era gran devoto) chegou a esta vida terrenal. E tamén o 28 de Nadal de 1986, ben seguro na compaña da nosa Nai do Ceo alcanzou a Vida Celestial. ¡Carísimo amigo, intercede por nós!