Alí estivemos na misa solemne celebrada ás 11:30 horas na
súa ermida. Oficiou a Eucaristía o párroco de Santa Isabel de Camposancos,
Ángel Soliño, asistido polo abade de Santa María da Guarda, Jesús Villadóniga,
o somasco pai Vidal e o capelán das Doroteas de Tui, José Luis Blanco.
A homilía, longa e interesante, correu a cargo do preste
Sr. Soliño, que analizou o momento histórico e actual da Sociedade en crise,
non só económica, senón tamén de traballo, na familia, e aínda de fe.
Por tal razón, pediulle á protomártir Santa Trega que
acollera as oracións dos fieis, a fin de lograr a solución de tan graves e
variados problemas que acosan á Humanidade, sen esquecer a intercesión de Santa
María, nosa amantísima Nai.
Ao final da celebración saíu a solemne procesión coa
imaxe de Santa Trega e a súa reliquia, esta levada polo oferente. Reliquia que
logo foi dada a bicar na capela aos innumerables devotos da Virxe e Mártir de
Iconio.
Remataron estas piadosas e centenarias celebracións coa
tradicional puxa das numerosas ofrendas de froitos do mar e do campo, así como
co sorteo da típica e monumental “tarta da Santa”.
Por último, os asistentes a
esta entrañable e familiar romaría, disfrutaron de comida campestre.