INAUGURACIÓN DA NOVA ADEGA "LAGAR DE CERVERA", EN FORNELOS, VILA DO ROSAL (PONTEVEDRA)
13:37
Xoán Martínez Tamuxe
Aínda que pasaran varias semanas, quero deixar constancia
no meu blog de todo un acontecemento na nosa vila e con repercusión no Baixo
Miño e aínda en Galicia. Refírome á inauguración da nova adega Lagar de
Cervera.
Data singular e ata providencial en que se conmemora o
XXV aniversario da Rioja Alta S.A., nas Rías Baixas.
Magnífico edificio con fachada sobre columnas de granito,
fronte ao local da antiga adega, nun fermoso e coidado entorno con xardíns,
canizo galego, regato de auga, zona de arboreda...
Fixo a presentación e inauguración da obra nova, D.
Guillermo de Aranzábal, presidente do grupo “La Rioja Alta, S.A.”
Na súa lectura explicou as características técnicas,
funcionais e modernas, das novas instalacións, as novas hectáreas de viñedos
adquiridas e outras inversións.
Aínda que brevemente, realizou unha reseña histórica da
creación e a súa evolución ata o día de hoxe da nova adega Cervera.
Destacou a excepcional colaboración, “pieza clave en la
permanente evolución de nuestra bodega gallega ha sido su director técnico,
Ángel Suárez, que este año también cumple 25 años al frente de Lagar de
Cervera”.
As diferentes autoridades, representantes de diversas
bodegas, medios de comunicación e convidados, visitaron as novas instalacións,
así como o novo comedor na adega vella. A nova adega foi bendicida polo crego
D. Isaac Penela Carbajales.
Fago fincapé que, tanto nos folletos publicados con
diversa e interesante información, así como na presentación da adega, aludiuse
a un vello proxecto desta modélica empresa vitivinícola. Proxecto que xa se
recordaba na publicación que se realizou no ano 2010, sobre unhas ruínas que e
atopan no medio dos viñedos, en Sanoane (adega Lagar de Cervera). Este libro
consta de 103 páxinas, ilustrado en branco e negro e a toda cor.
Na publicación titulada, a propósito deste evento, “Nueva
bodega Lagar de Cervera”, da páxina 7, transcribimos: “Como circunstancia
curiosa destacar que, en mitad de este viñedo se ubican las ruinas de una
antigua ermita (Granja y Ermita de Sanoane). Nuestro objetivo a medio plazo,
es, en colaboración con la Comunidad de Montes de San Miguel de Tabagón,
rehabilitar estas ruinas del conjunto granja-capilla para su puesta en valor
cultural y patrimonial y recuperar la romería que hace ya muchos años se
desarrollaba en esta ermita”.
Rematada a interesante, curiosa e novidosa visita ás
novas e vellas adegas, os convidados foron agasallados cunha comida, unha
botella do seu exquisito viño e folletos informativos.
LUNS DA ROMARÍA DA FRANQUEIRA 2013 (A CAÑIZA)
07:28
Xoán Martínez Tamuxe
Somos
grandes devotos da Nosa Señora da Franqueira (ou Nosa Señora da Fonte),
concello da Cañiza.
Temos
asistido no santuario monacal do século XIII ás solemnes celebracións das
Pascuíllas (Luns de Pascua) coa peregrinación de preto de 70 imaxes que chegan
en procesión, dende as súas parroquias, e tamén á Festa do 8 de setembro (Nosa
Señora).
Pero nunca
estivemos na do luns, festa de setembro, o día 9. Día solemne este, pero de
menor afluencia de romeiros e de certa tranquilidade, recollemento e
manifestación relixiosa, quizais máis ordenada e íntima.
Na
celebración do 8, domingo, como na do luns, 9, é tradicional, despois da Misa
Solemne, contemplar a saída da Virxe (réplica da antiga imaxe do século VII)
sobre o carro de bois (agora, carro de vacas), así como asistir aos bailes
tradicionais (de arcos e cintas) e tamén á loita de espadas entre o mouro e o
cristián, que vencido o mouro, segue encadeado na procesión e se ofrece á
Virxe...
Rematada a
procesión, comida de campo. Desta xornada velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica.
VISITA Á HISTÓRICA PONTE DE CERNADELA (MONDARIZ)
06:45
Xoán Martínez Tamuxe
De volta da
Xestosa, camiño da casa, quixemos contemplar novamente ese monumento do
concello de Mondariz, pobo.
A estrutura
actual, reforma do século XV, tanto pola súa situación clave na zona, como
polos vestixios que se atoparon nas proximidades, cabe pensar ocupa o lugar
doutra ponte máis antiga, sen dúbida, romana.
Cren varios
historiadores, pola propia ponte e achádego de estelas anepígrafes e distinta
cerámica romana, que pode tratarse de restos histórico-arqueolóxicos da posible
vía romana, que cruzaba este concello, quizais fora a XVIII do itinerario de
Antonio Pío, de Brácara a Astúrica.
Como
patrimonio que é, atópase nunha fermosa paraxe fluvial, adecuada e
perfectamente coidada. Ponte que une Mondariz e a parroquia de Riofrío.
A nosa
sincera noraboa aos responsables do patrimonio histórico-monumental do concello
de Mondariz.
A ROMARÍA DA XESTOSA NO CONCELLO DE COVELO
06:39
Xoán Martínez Tamuxe
Hai poucas
semanas, un ano máis, asistimos á multitudinaria, devota e popular romaría na
súa antiga ermida, no límite dos Montes Faro de Avión.
Conta a
tradición que nese lugar existiu un ermitorio nos primeiros séculos do
Cristianismo. Un testemuño -cóntase- é o sepulcro antropomorfo que alí existe á
beira do dito santuario.
Dise que nel
foi sepultada a abadesa dese primitivo mosteiro. Hoxe en día, multitude de
romeiros devotos, collen auga nesa tumba e lávanse onde teñen as doenzas.
Rematada a
Santa Misa e a procesión, os asistentes espállanse polos arredores e disfrutan
de comida campestre.
Desta
celebración do 8 de setembro na honra de Nosa Señora ofrecemos esta pequena
reportaxe fotográfica.
REMATAN AS ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NOS MEDOS, NA VILA E NECRÓPOLE DE CURRÁS-TOMIÑO (PONTEVEDRA)
14:52
Xoán Martínez Tamuxe
Gómez Sobrino, González Santiso e Martínez Tamuxe en Currás (1972)
Despois de 40 anos volveuse a realizar unha curta campaña de escavacións (15-24 de xullo) na vila romana dos Medos, en San Martiño de Currás, no concello de Tomiño (Pontevedra).
Vila agrícola tardorromana e necrópole xermánica, xacemento arqueolóxico descuberto en 1972 polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño.
Para evitar erros e imprecisións, lembramos que este equipo foi creado en 1968 exclusivamente polo finado e caro amigo, Rvdo. D. Jesús Gómez Sobrino, ilustre guardés, párroco de Amorín e de Currás e polo que suscribe (Xoán Martínez Tamuxe), naquel intre crego, párroco de Baredo (Baiona) e por ninguén máis.
En 1971, pasou a formar parte do mesmo, como debuxante, o común amigo (Q.E.D.), D. Aquilino González Santiso (e non D. Avelino), como se recolle en certa páxina de Internet. Aquilino, excelente debuxante, era funcionario de Urbanismo no concello da Cidade de Tui.
Noutra ocasión volveremos a tratar no meu blog -e máis amplamente- das razóns que nos levaron á creación do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, tanto co placet do bispo monseñor Delicado Baeza, como do Museo de Pontevedra. Gómez Sobrino era correspondente do Museo no Baixo Miño e o que suscribe, no Val Miñor.
Aquelas escavacións de 1972 estiveron dirixidas polo profesor, historiador e arqueólogo, agora falecido e natural de Goián (Tomiño), D. Manuel Fernández Rodríguez, en colaboración do citado equipo.
Os resultados daquela campaña de 1972 descuberta da vila co seu hipocausto (sistema romano de calefacción) e a súa necrópole (cemiterio primitivo, xa cristiano) foron recollidos en parte na prensa e, singularmente, na memoria das mesmas publicada na revista Tuy - Museo y Archivo Histórico Diocesano. I (Tui, 1975).
A presente campaña, sen dúbida impulsada primordialmente polos veciños de Currás (Comunidade de Montes) con respaldo técnico da Universidade de Vigo, así como da colaboración do propio concello de Tomiño, que preside Sandra González.
Pero temos que lembrar que nesta aventura investigadora, foi peza clave en tal iniciativa, a historiadora e arqueóloga tudense, Silvia González Soutelo. Nun principio todo arrancou dun proxecto de recopilar cantos datos (bibliografía), fotografías e control de todo material recollido naquelas escavacións e logo preparar unha publicación. Coordinou este equipo técnico o profesor Fermín E. Pérez Losada, da Universidade de Vigo.
Sen dúbida logro, tan fenomenal e prometedor, como oportuno e esperanzador de novos éxitos, cara ao futuro. Só así se chegará a coñecer mellor a vila romana, necrópole, e aínda a posibilidade de localizar a primitiva ubicación da primeira igrexa de Currás.
E isto de seguir cada ano, non só a nova tarefa de redescubrir o xa coñecido, senón o volver a investigar en nova zona do lugar de Medos. Isto supón un halagüeño fito histórico-arqueolóxico, cultural e turístico para a bisbarra do Baixo Miño.
ROMARÍA DAS PASCUÍLLAS NA FRANQUEIRA, 2013
13:30
Xoán Martínez Tamuxe
Como cada ano, asistimos á tradicional Romaría das Pascuíllas, no monacal santuario da Franqueira, concello da Cañiza. Este 2013 acompañamos á imaxe do Carme, de San Andrés de Huma, do concello de Salvaterra.
Foi o segundo ano que o recibimento das imaxes se leva a cabo na acolledora carpa sita no Outeiro, alí próximo.
As procesións das imaxes, algunha en "engalanados chimpíns", acompañadas cada unha delas polos seus parroquianos e da correspondente charanga, foron chegando á Franqueira.
Ordinariamente, e nun principio, hai varios centos de anos, foron os fieis das comarcas da Paradanta e Condado. Hoxe, chegan ata de Vigo.
A imaxe titular da Franqueira, Nosa Señora da Fonte, foi recibindo as que ata alí chegaban, co cerimonial de costume, a base de xenuflexións, reverencias e saúdos, tanto coas imaxes, como coas cruces e pendóns.
A Santa Misa solemne oficiouna o bispo de Tui-Vigo, monseñor Quinteiro, cocelebrando con el os cregos das diferentes parroquias.
Rematada a Eucaristía, organizouse a solemne, devota, longa e vistosa procesión, viva expresión de relixiosidade, como tamén de riqueza artístico-etnográfica.
Despois, recollida a procesión, comida campestre. Alá para as catro da tarde, previa despedida co ritual das imaxes como na chegada, o reitor do Santuario, desexoulle a cada parroquia unha boa viaxe e ata o ano. O cerimonial das imaxes celebrouse como é tradicional no torreiro e por último na igrexa parroquial, como sempre.
Reportaxe fotográfica completa da Romaría das Pascuíllas 2013.
Reportaxe fotográfica completa da Romaría das Pascuíllas 2013.
XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO, NO RECORDO
15:03
Xoán Martínez Tamuxe
Con todo sentimento e sincera amizade, lembro que hoxe, 14 de maio, é o 5º aniversario do pasamento do caro amigo Xosé Carlos Gómez Alfaro.
No mellor da súa vida, deixounos incontables probas da súa valiosa calidade humana e capacidade literaria, presente nas súas publicacións.
Conxuntamente con el tiña unha exemplar recompilación de traballos histórico-literarios sobre as Festas do Monte. Publicación que se fixo para rememorar o LXXV Aniversario das Festas, en 1988, baixo o título: ANTOLOGÍA. A portada, ilustración da guardesa Alicia Alonso, foi editada pola Comisión de Festas dese ano.
Lembro tamén, que con el me atopaba preparando un amplo proxecto, xa bastante avanzado, singularmente sobre os escritores, a prensa guardesa e traballos históricos e literarios, sobre a Vila da Guarda.
Que o amigo Xosé Carlos, a súa alma, descanse en Paz na Casa de Deus Noso Pai.
O CENTRO CULTURAL DA GUARDA ACOLLE A PRESENTACIÓN DO ÚLTIMO LIBRO DE VILLA ÁLVAREZ
08:24
Xoán Martínez Tamuxe
Boas a todos/as de novo ao meu blog. Lémbrovos que este sábado 26 de xaneiro ás 20:00 horas no Centro Cultural da Guarda presentarase o último libro do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, que leva por título El Convento de las Benedictinas de A Guarda, 1558-1984.
A publicación conta co prólogo do catedrático de Historia Medieval da USC, Ermelindo Portela Silva e co epílogo da miña autoría.
Nesta presentación intervirán, o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, a abadesa sor Isabel Vicente Rey, Xoán Martínez Tamuxe e pechará o acto, o propio autor, o profesor Villa Álvarez.
FESTAS NA HONRA DO SANTO CRISTO DA SAÚDE DE UMA
17:44
Xoán Martínez Tamuxe
O pasado domingo 5 de agosto, a parroquia de San Andrés de Uma (Huma) celebrou solemnes festas relixiosas en loubanza do Santo Cristo da Saúde. Así mesmo, festas profanas por todo o alto.
Esta parroquia, a máis pequena e alonxada da súa capitalidade, Salvaterra de Miño, aparece xa citada na Historia no século XIII.
Huma foi filial da monacal parroquia de Nosa Señora da Fonte (ou da Franqueira). E aínda, no século XVIII, atende dos cultos Fr. Xerome do Castillo, pai provisor e predicador do Mosteiro do Císter, da Franqueira.
Tivo tamén especial relación tanto co Mosteiro de Melón, como cos Condes de Salvaterra.
En canto á devoción ao Santo Cristo da Saúde, que é avogado de doenzas de cabeza, atopamos xa referencias a esta artística imaxe en 1756 no libro da Confraría de Ánimas. De entre outras cousas fálase do carpinteiro que compuxo o altar e retablo, así como de pintar este (o altar) e máis “pintar (policromar) el Santo Cristo” que custou, naquel entón, 395 reais de vellón.
Os actos litúrxicos desta celebración, seguindo a tradición, son-foron- dobres. O domingo, na honra do Santo Cristo, e no luns, na da Virxe Nosa Señora do Carme.
En ambas celebracións oficiou a Eucaristía o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes e foi cantada pola Coral “Ars Cantorum” de Guillade. O luns cocelebrou co oficiante, o Rvdo. D. Javier Alonso Docampo, párroco da Franqueira e a misa solemne foi cantada polo “Coro Sentimento”, de Paraños (Covelo).
As procesións dos dous días, coas dúas imaxes, fixeron o itinerario de costume, isto é, ata o cruceiro do antigo torreiro de festas de Santrandrel. Artístico cruceiro, que data de 1877 e foi levantado polo párroco Rvdo. D. Rafael Durán y Mera.
Deixo con esta pequena crónica cumprida a promesa e palabra dada a un amigo de Uma. Que o noso Patrón e Apóstolo San Andrés nos bendiga.