ACHÁDEGO DUN NOVO GRAVADO RUPESTRE EN EIRAS (O ROSAL). A SÚA DESCUBRIDORA, PALMIRA (CRIS) VAQUERO



Coñecín a Palmira (Cris) fai un mes, aproximadamente, cando contactou comigo para falar sobre os petróglifos do Rosal, especialmente dos que se coñecían en Eiras e Tabagón.


Contoume que xa tiña pistas da existencia de varias estacións de gravados. Convidounos a coñecer a zona de montes de Eiras, próximos e xa límite cos de Tabagón, zona da Portela. Non puidemos compracela, xa que nos atopamos ultimando un novo tomo do libro Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño, II Concello de Oia.



Sabemos que o mércores 15 de agosto, despois dun grande traballo de limpeza, confirmaba a localización deste interesante xacemento arqueolóxico, conxunto inédito de gravados rupestres, que en breve imos comentar. Este mesmo día Cris “colgou” emocionada tal novidade no seu perfil persoal da rede social Facebook, así como no público da web cultural Noticias O Rosal.


Fai pouco, convidados pola concelleira de Cultura do Rosal, Charo Tabales Perozo e pola propia Cris Vaquero, visitamos o conxunto rupestre en Eiras, na compaña tamén do admirador desta cultura prehistórica, Carlos Martínez Arzúa.


Trátase dunha afloración de pedra, sendo unha singularidade no noso concello do Rosal, que o soporte dos gravados non é o granito, senón xisto, xa que estes montes son prolongación do Monte Lousado.



Dito soporte xistoso, de forma un tanto alongada e non totalmente descuberto, mide sobre 7 m x 5 m e o alto máximo, sobre 1 m. A súa pequena inclinación oriéntase ao Norte. Entre outros motivos observamos cantidade de figuras de círculos concéntricos, algúns con coviña central e aínda conectados con sucos que entran ou saen; cuadrangulares inscritos, algúns con puntos, así como ovalados. Coviñas de tamaños diferentes, sucos longos con coviña na punta e no medio; claros serpentiformes a partir dunha coviña (cabeza).



Óllanse algunhas figuras circulares, que poderían ser espirais, pero necesítase unha observación e estudo máis detido. Aparecen neste interesante conxunto outras figuras curiosas, non frecuentes nos petróglifos do Baixo Miño, merecentes de estudo. A pedra mostra sinais de que os canteiros teñen arrincado lousas.



Este novo conxunto arqueolóxico, ademais da singularidade anotada, ten outra, que é o único destas características -con esa variedade de motivos simbólicos- que se atopa nas parroquias da Ribeira (Eiras, Tabagón e San Miguel).


Sobra dicir que se trata dunha manifestación rupestre de época prehistórica, cando menos da Idade do Bronce Final (1200-1100 a 700-600 antes de Cristo).



Nos consta que a Comisión de Cultura ven de dar parte deste achádego a entre outros departamentos, ao Museo de Pontevedra.


Palmira (Cris) Vaquero, noraboa por esta descuberta que ven a enriquecer o noso xa rico patrimonio arqueolóxico do Concello do Rosal.