O ROSAL. FACENDO HISTORIA. O LIBRO MÁIS ANTIGO


Antes que remate o ano en curso 2014, creamos esta sección para dar a coñecer datas, acontecementos, persoas, efemérides… a fin de facer historia e que os rosaleiros conten con máis coñecemento dos valores, xa culturais, arqueolóxicos, históricos, etnográficos, biográficos, tradicións, etc.
Nesta ocasión lembramos o libro máis antigo escrito e publicado por un veciño do Rosal, D. Juan Santos Villa Alonso, natural de San Bartolomeu das Eiras. Seu título: Gramática Latina. (Ano 1854). Fai 160 anos este 2014.

O LIBRO
Foi a primeira gramática que o Seminario Conciliar de Tui recentemente creado (1850), tivo como texto desa asignatura. Foi impresa na popular imprenta da cidade, de D. Manuel Martínez de la Cruz (1ª edición). Áchase dedicada ao Excmo e Ilmo Sr. D. Fray Francisco Casarrubios y Melgar, bispo de Tui. Consta de 291 páxinas. Encadernación de pastas duras, tamaño pequeno. Exemplar que figura na nosa Biblioteca.

O AUTOR DA GRAMÁTICA
D. Juan Santos Villa Alonso. Sacerdote e escritor. Naceu no barrio da Igrexa (Eiras) en novembro de 1793. Estudou no Seminario Conciliar de Tui. Ordeouse sacerdote a título de Patrimonio, o 19 de decembro de 1817.
O bispo Fr. D. Francisco Casarrubios y Melgar nomeouno Catedrático de Latín e Humanidades do Seminario. En 1854, este rosaleiro publica a primeira Gramática Latina, que servirá de texto nese centro eclesiástico.
Pola súa humildade (segundo nos contou un profesor do Seminario), non quixo aparecer só como autor, por iso con el asina outro profesor, D. Juan José Domínguez.
Tamén no “Boletín do Bispado”, números 187 e 188, se recolle o discurso en latín da apertura do Curso Académico 1866-1867.

D. Juan Santos finou en Eiras o 26 de decembro de 1880. A el se lle atribuiu igualmente a obra inédita Crónicas Tudenses (de paradeiro descoñecido). O concello do Rosal, a propósito do I Centenario da súa morte (1880-1980), en lembranza e homenaxe levantou nas inmediacións do adro das Eiras un rústico monumento pétreo con lápida epigráfica. (Biografía completa no BIM, nº 4, outubro-decembro, 1988).