O ROSAL. FACENDO HISTORIA. O LIBRO MÁIS ANTIGO
08:01
Xoán Martínez Tamuxe
Antes que remate o ano en curso 2014, creamos esta sección para dar a
coñecer datas, acontecementos, persoas, efemérides… a fin de facer historia e
que os rosaleiros conten con máis coñecemento dos valores, xa culturais,
arqueolóxicos, históricos, etnográficos, biográficos, tradicións, etc.
Nesta ocasión lembramos o libro máis antigo escrito e publicado por un
veciño do Rosal, D. Juan Santos Villa Alonso, natural de San Bartolomeu das Eiras. Seu
título: Gramática Latina. (Ano 1854).
Fai 160 anos este 2014.
O LIBRO
Foi a primeira gramática que o Seminario Conciliar de Tui recentemente
creado (1850), tivo como texto desa asignatura. Foi impresa na popular imprenta
da cidade, de D. Manuel Martínez de la Cruz (1ª edición). Áchase dedicada ao
Excmo e Ilmo Sr. D. Fray Francisco Casarrubios y Melgar, bispo de Tui. Consta
de 291 páxinas. Encadernación de pastas duras, tamaño pequeno. Exemplar que
figura na nosa Biblioteca.
O AUTOR DA GRAMÁTICA
D. Juan Santos Villa Alonso. Sacerdote e escritor. Naceu no barrio da
Igrexa (Eiras) en novembro de 1793. Estudou no Seminario Conciliar de Tui.
Ordeouse sacerdote a título de Patrimonio, o 19 de decembro de 1817.
O bispo Fr. D. Francisco Casarrubios y Melgar nomeouno Catedrático de Latín
e Humanidades do Seminario. En 1854, este rosaleiro publica a primeira Gramática Latina, que servirá de texto nese
centro eclesiástico.
Pola súa humildade (segundo nos contou un profesor do Seminario), non quixo
aparecer só como autor, por iso con el asina outro profesor, D. Juan José
Domínguez.
Tamén no “Boletín do Bispado”, números 187 e 188, se recolle o discurso en
latín da apertura do Curso Académico 1866-1867.
D. Juan Santos finou en Eiras o 26 de decembro de 1880. A el se lle
atribuiu igualmente a obra inédita Crónicas
Tudenses (de paradeiro descoñecido). O concello do Rosal, a propósito do I Centenario
da súa morte (1880-1980), en lembranza e homenaxe levantou nas inmediacións do
adro das Eiras un rústico monumento pétreo con lápida epigráfica. (Biografía
completa no BIM, nº 4, outubro-decembro, 1988).
Magosto 2014 no Centro Cultural de Guillade
12:03
Xoán Martínez Tamuxe
O pasado sábado, 22 de novembro, celebrouse no Centro Cultural, ás 18:30 horas do serán, o tradicional Magosto: castañas e chourizos gratuítos. Evento que estivo organizado pola Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade (Ponteareas).
Alegraron a xuntanza diversos grupos musicais, que foron presentados polo membro da directiva, Paco Barbosa López:
A Flor do Toxo de Vilacoba.
"Os Cucos" de Celeiros.
Airiños de Guillade.
Pandereteiras "As Fiuncheiras".
Encontro que resultou en ambiente de festa popular, amizoso, familiar, co correspondente sorteo ao final.
¡Noraboa aos seus organizadores!