Achádego dun novo gravado nos Muíños do Folón



Recentemente temos atopado un curioso debuxo nunha pedra (1 m x 80 cm x 35 cm) que forma parte dunha parede, no camiño de subida aos Muíños do Folón (O Rosal), lugar das Penas, en fronte mesmo do muíño nº 5, coñecido polo “Muíño do Galego”.

Trátase dun curioso gravado tipo petróglifo. Incriblemente, mil veces que pasamos por ese lugar e xamais nos apercibimos das figuras alí insculturadas, ata hai poucos días.


Como se pode observar nas fotos que presentamos, diferéncianse ata tres clases de motivos: coviñas, 20 en total e ben aliñadas; dous pequenos círculos con coviña no centro, o máis pequeño (11 cm) aislado; e o outro círculo (13 cm) áchase unido (terceiro elemento) por un suco un tanto ondulante que marcha pola pedra-soporte abaixo.

Nun principio pensamos se podía tratar dun gravado ocasional e recente. Incluso que podía ser obra dos propietarios de calquera dos muíños; e aínda contemporáneo ao dos cruciformes (históricos) alí próximos (s. XVII-XVIII) gravados nun penedo á beira do mesmo camiño e tamén enfronte do muíño nº 3.



Logo que limpamos un pouco a pedra-soporte das figuras (un tanto abombada), comezamos a valorar aqueles singulares motivos propios da arte rupestre, a delicadeza, finura e simetría do pequeno conxunto, así como o pulido daquel suco e círculos. 

Máis tarde, facendo uso de hipóteses, lembramos que a zona se denomina “As Penas”, topónimo que alude a unha notable abundancia de rochas graníticas.


Apreciamos tamén a posibilidade de que esa pedra, e pola súa forma, puidera tratarse dun anaco desprendido, arrincado dalgunha laxe con gravados, situada nas proximidades.

Damos palabra de convidar a algún dos nosos amigos arqueólogos, a fin de que nos axuden a despexar as nosas dúbidas. E de ser parte dun grupo de gravados prehistóricos da Idade de Bronce (coñecemos repetidos casos), quizais soporte maior, xa desaparecido (1800 A.C.) salvemos este prezado documento, depositándoo no Museo Municipal-Centro Etnográfico da Vila.

NOTA: Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.