PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Celebráronse as Pascuillas na honra da Nosa Señora da Franqueira (A Cañiza)

O pasado luns de Pascua do Espírito Santo, día 1 de xuño, celebrouse no románico santuario da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira (concello da Cañiza) a tradicional “Festa das Pascuillas”. Moi de mañanciña, dende as parroquias da bisbarra do Condado-Paradanta e aínda doutras freguesías, saen os fieis en procesión coas imaxes máis devotas da parroquia camiño da Franqueira. Segundo os nosos datos este tipo de romaría vense celebrando xa dende o século XVIII. As devotos das parroquias máis próximas a este santuario, levantado no século XIII polos monxes do Císter, van chegando en procesión, uns a pé e outros en tractor, fermosamente adornados, facendo lembrar á célebre romaría andaluza da Nosa Señora do Rocío. As procesións coas cruces parroquiais, as imaxes e pendóns, fan unhas paradas de ritual, realizando curiosas e ancestrais cerimonias (brincos, saúdos, apertas…) entre elas. Ao chegar á Franqueira, a imaxe de Nosa Señora, anfitrioa, sae a recibir e ao final vai despedindo –dende o interior da monacal igrexa- ante a pétrea imaxe, a cada procesión, sempre con ese tradicional saúdo, mentres o párroco, mediante a megafonía comenta no vistoso desfile de que imaxe se trata e a que parroquia pertence. Este ano, coa visita de máis de 60 imaxes, a ofrenda na misa solemne correspondeu a Santa Mariña de Covelo, sendo o abade párroco de Santa María a Maior de Pontevedra o oficiante da Eucaristía. Miles de romeiros devotos da Virxe, descansaron e comeron de campo, baixo as abundantes e acolledoras sombras daqueles agrestes montes de altura (A Paradanta) ao tempo que tamén cumpriron as súas promesas. Un ano máis fomos testemuña desta tradicional e mariana romaría cuxos orixes se atopan entre a lenda e a historia.

Xoán Martínez Tamuxe, pregoeiro da XVI Festa Luso-Galaica dedicada a O Rosal

O sábado 20 de setembro celebrouse na Casa da Anta (Lanhelas-Caminha) a XVI Festa Luso-Galaica. Se o pasado ano este evento foi dedicado a Tomiño, a dirección de Casa da Anta, na persoa de Germano Ramalhosa, decidiu que este 2008 o concello convidado fora O Rosal. O pregón da Festa foi pronunciado por Xoán Martínez Tamuxe e versou sobre as relacións galego-portuguesas dende antigo ata os nosos días. Fixo fincapé por exemplo na multitude de apelidos de orixe luso no territorio galaico así como tamén na cantidade de obras artísticas realizadas por mestres canteiros portugueses en todo o Baixo Miño. Este foi o pregón:

Roteiro de Vila Nova de Cerveira

Saíu á luz, dentro da colección "Contributos para a História de Vila Nova de Cerveira" o seu V traballo, Roteiro de Vila Nova de Cerveira. Trátase dunha reedición do Roteiro de José Leal Diogo, actualizada e ampliada polo escritor luso Castro Guerreiro. No libro distínguense varios apartados, entre eles: Primeiro... A História / Do Património e das Instituiçôes / Río... Fonte de Vida / Percorrer o Concelho / Vamos às Freguesias / Informaçao Geral.
Esta publicación consta de 160 páxinas, con fotos en branco e negro. Ten a colaboración especial de Astrolindo M. Antunes - Desenhos e Aguarelas e está editado pola revista "Pórtico Cerveirense".

Presentouse o libro Orgulho Galego na Diáspora. Conversa con Higino Martins Estêvez

O martes 29 de xullo levouse a cabo no Concello de Oia a presentación do libro Orgulho Galego na Diáspora. Conversa com Higino Martins Estêvez, dos autores Ângelo Gonçalves Vicente, Licenciado en Ciencias Políticas e Administración e Bernardo Penabade Rei, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Abriu o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que é á súa vez Vicepresidenta da Fundación Comarcal O Baixo Miño, entidade que editou esta publicación. Alí nos atopamos co alcalde de O Rosal, Jesús María Fernández Portela, co de A Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, o concelleiro de Oia e deputado provincial José Antonio Olmedo, a Presidenta da Fundación Comarcal, Carmen Somoza, así como co noso amigo Néstor Estévez Pérez, director da coral polifónica Vagalume de Oia.
Este libro Orgulho Galego na Diáspora. Conversa com Higino Martins Estêvez, leva o limiar de Edelmiro López Iglesias, Director Xeral de Desenvolvemento Rural, consta de 73 páxinas, con ilustracións a cor e en branco e negro. Esta obra é unha extraordinaria aportación á futura biografía do ilustre oiense, o escritor, investigador e profesor Higino Martins Estêvez, residente en Buenos Aires.

Novo libro de Joaquín Miguel Villa Álvarez

Con motivo do L Aniversario da fundación do Colexio dos PP. Somascos de A Guarda, a organización do dito evento, en colaboración co propio colexio, programou multitude de actividades deportivas e culturais. De todas elas cabe destacar a publicación do libro Colegio PP. Somascos de A Guarda (1957-2007) . 50 años de presencia somasca en España, da autoría de Joaquín Miguel Villa Álvarez, doutor en Historia e profesor dese colexio.
Asistimos como antigo profesor e convidado ao acto da presentación desta obra que se levou a cabo no Salón dos Espellos o pasado día 12 de xullo. Presidiron o acto o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, o representante da Comisión do L Aniversario do colexio dos PP. Somascos, Juan Carlos Flores Álvarez, o Pai Vidal, e o propio autor, Joaquín Miguel Villa Álvarez. Esta obra consta de 500 páxinas, ilustradas con fotografías dende a propia creación do centro ata a actualidade. Está dedicada ao P. Orestes Caimotto por ser un dos máis activos directores do colexio.

IV Romaría da Madanela na Pedrada

O domingo 20 de xullo tivo lugar unha nova romaría no monte da Pedrada na honra de Santa María Madanela. A organización correu a cargo das comunidades de montes de Barrantes e Burgueira, coa colaboración dos correspondentes concellos (Tomiño e Oia). Multitude de fies asistiron á Santa Misa oficiada polo Rvdo. D. Jesús García Villadóniga, párroco da Guarda, axudado por D. Antonio Estévez, parroco de Burgueira. Rematada a misa, ademais dos cregos citados interviron o alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Seguidamente a procesión saíu percorrendo o itinerario de costume, dando a volta ao redor da nova e monumental cruz que alí se erixiu. Durante toda a xornada e baixo unhas carpas alí instaladas, os asistentes disfrutaron dos máis típicos e variados pratos galegos. Nesta ocasión e por vez primeira estivo exposto e á venda o libro Memoria histórica da capela da Madanela no monte da Pedrada e vestixios dunha fortaleza.

Jean-Pierre e Marie-Claude Auffret no Rosal

Por terceiro ano consecutivo e dende o 2006, acompañamos polo Rosal a Jean-Pierre Auffret e Marie-Claude Auffret, especialistas franceses na arte rupestre para ensinarlles a ubicación dos diferentes gravados existentes na vila para un estudo que están a realizar sobre este tipo de manifestacións en Galicia. Nesta última visita estiveron presentes tamén o arqueólogo Pablo Novoa e o profesor José Luis Galovart. Un paseo polos montes rosaleses que nos levou por exemplo a observar os cruciformes de Parada, o labirinto de Chan do Rei ou os gravados de Laxe do Lapón.

Castro Guerreiro e a revista Pórtico Cerveirense

Despois de moitos anos, atopámonos no Rosal cun vello amigo, o escritor e historiador portugués, Castro Guerreiro. De aquí en diante acordamos reanudar os contactos de investigación histórica luso-galaica que xa tíñamos iniciado.
Entre as diferentes publicacións que Castro Guerreiro nos deixou ollamos a última revista de Pórtico Cerveirense, do mes de xuño de 2008. Trátase dunha revista de información e cultura para Vila Nova de Cerveira, Vale do Minho e Galicia. Aquí ven unha reportaxe que baixo o título "Fomos ao Rosal á inauguraçâo do Auditório Municipal", o director da revista, Castro Guerreiro, comeza así: "Foi ao cair de uma tarde relativamente amena, numa semana em que o tempo nem ajudou muito já que S. Pedro resolveu presentear esta Primavera com abundantes chuvas, que a vila de O Rosal, se engalanou, para um importantíssimo momento na vida cultural e musical da localidade".

Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal


No ano 1999 Xoán Martínez Tamuxe publicou Cruceiros, Cruces e Almiñas do Baixo Miño. I Concello do Rosal. Este libro consta de 288 páxinas e máis de 150 fotografías a cor e en branco e negro. O prólogo é de D. José Luís Portela Trigo e foi editado polo Servicio de Publicacións do Concello do Rosal. A obra é unha catalogación-inventario deste patrimonio relixioso-cultural no municipio rosalés. Trátase do primeiro volume da colección Cruceiros, Cruces e Almiñas de todo o Baixo Miño. O libro vai dedicado "A cantos santeiros fixeron estes monumentos con devoción, esforzo, traballo e inspiración; a cantos devotos os erixiron pola súa promesa; ós veciños que tiveron a honra de telos no lugar; ós cristiáns que algunha vez lles botaron unha doce ollada; a cantos diante deles tiveron un bo pensamento ou lles rezaron unha oración; a cantos rosaleiros emigrantes na distancia se lembraron deles...; a quen, por ignorancia ou mala fe, ó velos blasfemou... ou algunha vez fixo de "tumba cruceiros"; a cantos, aínda que indiferentes, contemplaron e admiraron neles a súa arte... así como a tódolos que aínda hoxe loitan pola defensa ou conservación deste patrimonio".