Gravados de "Chan do Rei" e "Presa de Novellos"

Detalle dos cervos de Chan do Rei (Marzán-O Rosal)

A recuperación do petróglifo de Ghorghalado, en Eiras, sen lugar a dúbidas, é un detalle de loable sensibilidade cultural, tanto por parte da Comisión de Cultura, como de toda a Corporación que preside o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela.



É este o primeiro conxunto arqueolóxico do concello do Rosal ao que se lle recoñece o seu importante valor histórico-documental, agardando non sexa o último ou único. 


Na compaña de Fernando Javier Costas Goberna. (Foto: Galovart)

Nesta amistosa xuntanza de Eiras, tivemos a oportunidade de saudar aos amigos nas lides arqueolóxicas de tempos atrás, como Pepe Galovart, Costas Goberna ou Lois Vilar, entre outros.


Arriba, Pepe Galovart e abaixo Vilar Pedreira e Costas Goberna tomando notas

Tal e como se prometeu, agardamos, igualmente, se poñan en valor os outros non menos importantes conxuntos, das máis de 25 estacións rupestres catalogadas, como poden ser os singulares conxuntos de Chan do Rei, en Marzán (prehistóricos). 



Aquí se atopa nin máis nin menos que un "labirinto", un grupo de cervos, espirais e un reticulado (sen rematar...).


Vista xeral do petróglifo dos cervos de Chan do Rei

O outro conxunto, tamén digno de por en valor e ser recoñecido, é a ampla estación de "cruciformes da Presa de Novellos", preciosos gravados históricos con recreación da cruz. 


Este conxunto é o maior en extensión de gravados en pedra de todo o concello do Rosal. Atópase entre un grupo de espirais e sucos e o castro galaico-romano de Parada, en Novás.



A nosa máis sincera noraboa á Corporación do concello do Rosal por tan acertada iniciativa. Os rosaleiros ben se merecen o recoñecemento do seu tan rico como múltiple Patrimonio.