In memoriam. Finou o crego D. Feliciano Trigo Díaz


IN MEMORIAM

FELICIANO TRIGO DÍAZ

O pasado 25 de setembro do presente ano, entregou a súa alma ao Creador, o Rvdo. D. FELICIANO TRIGO DÍAZ. 

Finou o noso caro amigo na Residencia Sacerdotal de Vigo á idade de 93 anos ben aproveitados.

Naceu Feliciano o 29 de marzo de 1923 na parroquia de Santa María de Caleiro (Vilanova de Arousa)

Feliciano, xa con estudos e despois da mili, ingresou no Seminario Conciliar de Tui, como alumno de "vocacións tardías".


Ordenouse de presbítero o 12 de xuño de 1954. Entre os diversos cargos eclesiásticos, lembramos, entre outros, o de coadjutor da parroquia de San Lourenzo de Salcidos; ecónomo de Frades; encargado de Gargamala e de Toutón; e ultimamente, párroco de San Mateo de Oliveira, así como encargado de San Simón de Lira, ata a súa xubilación.

Feliciano foi home activo, amigo do amigo e tamén de excepcional capacidade de traballo. Lembramos, entre outras dedicacións, a súa preparación para profesor de autoescola; viaxante de ornamentos sagrados, pateando toda Galicia; laboratorio propio de fotografía; colaborador de diferentes periódicos e revistas.


Dos primeiros en periódicos, queremos destacar as súas interesantes colaboracións dedicadas ao estudo dos "cabaqueiros (telleiros) seu oficio e súa fala" (xerga, verbo ou latín dos daordes).

Colaboracións en A Peneira, que iniciou xa dende o mesmo nº 0, no 1984, un total de 10 entregas. Neste primeiro número e baixo o título de Los tejeros de Pontevedra, traza o programa de estudo dos cabaqueiros no Baixo Miño, sección titulada "Salvemos nuestra cultura. Los tejeros (I-X)", que firma co seu nome e apelidos. 

Levou tamén, en A Peneira, outra sección: "Polos camiños de Galicia", asinando eses artigos co seudónimo "Un de Caleiro".

Todos os traballos de Feliciano son de carácter histórico-antropolóxico, etnográfico, con reflexos poéticos e de estima e admiración por esta xente sacrificada.

Estes traballos do amigo, historiador, poeta e investigador, ben se merece se recollan nunha monografía, xa que son únicos e sen parangón.



Feliciano, ademais da súa asistencia a diversos congresos, presentando a correspondente ponencia, tamén colaborou na prestixiosa Revista de Estudios Provinciais de Pontevedra, da Deputación, en Soberosum e Pregón, ambas de Ponteareas. 

Feliciano deixa inéditos varios traballos monográficos nos que traballaba (lembramos un sobre "Novenas dos Santos", poesías, etc).

En canto a libros, ten publicado O verbo dos Arginas de Avedra, 1998, editado pola Excma. Deputación de Pontevedra-Escola de canteiros de Pontevedra.

Outro libro leva por título Zanqueando cos Cabaqueiros, 2001, editado polo Servicio de Publicacións da Excma. Deputación de Pontevedra.



Concretamente nesta obra magna sobre a Cultura do Cabaqueiro, o autor aborda maxistralmente todas aquelas claves en síntese das telleiras, os telleiros e o verbo.

Esta fala típica dos gremios medievais, estudada como ninguén, pois, ten como base as repetidas entrevistas con rulos cabaqueiros de Salcidos, o interesante libro de Domingo A. Álvarez, Jergas de Galicia (1965) e as celebradas "Follacas da Jalleira", para algúns imaxinarias, publicadas no semanario Heraldo Guardés (1904-1935).

Agora, para o noso caro amigo, desexámoslle que descanse en paz.