Lembrando a Xosé Carlos Gómez Alfaro

Este mércores 28, fai dúas semanas que falecía de forma inesperada na Guarda o profesor e poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro. Fíxoo cando participaba como xurado no Concurso de Redación e Debuxo que como cada ano organiza a Agrupación Cultural Guardesa. Dende 1978 ata o seu pasamento viña exercendo como profesor no Colexio dos PP Somascos de A Guarda. Aínda que naceu en As Chabolas (Ribadavia), como el dicía A Guarda era a súa segunda matria.
Causou fonda impresión no ámbito socio-cultural na bisbarra do Baixo Miño e por suposto tamén na súa terra natal.
Notable e inspirado poeta, deixou para a posteridade unha decena de libros, acadando importantes premios a nivel galego.
O venres 16 procedeuse en Sadurnín-Cenlle (Ourense) á celebración do funeral polo eterno descanso da súa alma. O Colexio dos PP Somascos de A Guarda fletou dous autobuses ata alí e multitude de coches particulares tamén quixeron darlle o último adeus ao amigo Xosé Carlos.
O acto fúnebre levouse a cabo na artística igrexa parroquial de San Xoán de Sadurnín, de fermoso estilo románico. Cocelebraron a Santa Misa o Pai Airas, o Pai Varela e o Pai Vidal (Somascos), así como o párroco e varios sacerdotes da localidade. A igrexa resultou pequena para dar acollida aos numerosos fieis e amigos que quixeron despedir a Xosé Carlos. A homilía foi pronunciada polo Pai Airas, quen resaltou as diferentes dotes humanas, docentes e intelectuais do profesor Alfaro. Cabe destacar tamén a sentida intervención dun escritor e poeta amigo do finado Xosé Carlos, quen recitou unha poesía rematada a ceremonia.
Entre os asistentes ao sepelio relacionados co mundo das letras e da cultura, lembramos entre outros, a Julia Sobrino, Presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, a Joaquín Miguel Villa Álvarez, historiador e profesor tamén dos Somascos, a Ricardo Rodríguez Vicente, corresponsal de prensa na Guarda, a Tino Baz, cantautor dalgunha das letras de Alfaro e a diferentes mestres, amigos, compañeiros e alumnos seus.
Dende aquí reiteramos o noso máis sentido pésame á súa viúva Rosa Berta, ao seu fillo Daniel, así como aos seus pais Xosé e Alicia e demais familia.