Panorámicas e restos arqueolóxicos no Picón


Coñecemos as fermosas panorámicas e paisaxes da nosa Moi Leal Vila do Rosal, dende os puntos estratéxicos dos montes da xeografía, que conforman o Val do Rosal, que non ten igual.



Pero, o que aínda non coñecíamos era, precisamente, as vistas dende o pequeno miradoiro do "pico", alto do Picón de Arriba, na xuradía de Fornelos.


Alá fomos, pois, a miña dona e máis eu. Só sabíamos del a distancia, por exemplo, dende as Mondañedas ou dende a Pedra Furada. Monte alto, que non hai moito foi pasto do lume, que se atopa ao sur do "Castro do Picón", distante uns 300 metros.



Pasada a "Fonte de San Martiño", collemos o primeiro camiño á dereita e monte arriba, ata chegar ao lugar da "Chan", interesante esplanada.



Subimos aos puntos máis elevados para contemplar aquela paisaxe especial: As Cruces, Fornelos, Caselas, Martín, a vila, o val do Rosal, o Miño, Portugal, o Trega, o Torroso...



Rematamos a nosa visita, aquí nos montes do Picón, non sen antes facer unha breve e obrigada prospección arqueolóxica, aproveitando a circunstancial visita.



Atopamos naquelas afloracións graníticas pequenos grupos de coviñas, case todos froito da erosión, debido en parte ao tipo de granito de grao groso. Pero, o máis especial foi a localización fóra da "Bouza da Chan", enriba dun coto, dun grupo de laxes. 



Estas formaban certo abrigo e nunha desas rochas sobresaían varias coviñas, concretamente tres. Delas non ofrecían dúbida, tanto a máis pequena, seu diámetro medía 7 cm; e a maior e máis interesante, seu diámetro é de 16 cm e outro tanto mide o suco que sae desta coviña.



Pola súa elevación, forma e orientación do conxunto podería tratarse dun lugar adicado á realización de ritos pagáns.




Supomos isto pola analoxía con outros casos, gravados similares, máxime, pola típica orientación ao levante por onde nace o Sol, a Luz, a Vida. Outro tanto fixeron os primeiros cristiáns, por exemplo, tomándoos como símbolos de Cristo, Salvación. 



Non esquezamos, que, por idéntica razón, a Igrexa, dende antigo, orienta os seus santuarios (seu altar maior) cara ao nacente.



A este outeiro do Picón voltaremos a referirnos en breve.