Tal e como tiña prometido, achegámonos novamente, ao lugar da "Chan do Picón". Pero, nesta ocasión, na compaña dos amigos Manolo do Picón e Suso Diego de Fornelos, meus vellos e fieis colaboradores.
Accedemos pola parte norte, próximo ao Castro do Picón, visitando algunha casa vella, agora está en vías de restauración, que nos mostrou Manolo, seu propietario.
Tomamos logo o camiño antigo polo monte e dirección sur, ollando, entre outros vestixios, evidentes pegadas de carro, para chegar ao lugar da "Chan do Picón".
Xa nesta estratéxica cume, propicia para emprazarse, defenderse (ocultarse) e controlar calquera movemento de posible invasor, aproveitamos para voltar a disfrutar daquelas singulares panorámicas.
Tamén a eles lles mostrei o sinxelo petróglifo prehistórico (Época do Bronce), símbolo e probable altar de cultos primitivos.
A seguir e guiado polos meus acompañantes, emprendemos camiño, agora cara ao norte da Chan, descendendo pola vagoada ata situarnos, próximo e ao oeste da popular quinta "A Valle", no Xestal. Finca de lembranzas medievais, totalmente cercada, con restos de vivenda, tipo casona de xente acomodada e da que falaremos noutra ocasión.
Aínda que só sexa por curiosidade, reseño, que, case no fondo da vagoada (lugar pouco propicio para achádegos arqueolóxicos), atopamos unha grande presa de auga, de formigón e protexida, envolta por rede. Aquela auga, segundo os nosos amigos, proviña dunha mina inmediata á presa. A súa auga se empregaba para regar a referida quinta da Valle. Tan extensa finca, actualmente, pertence aos herdeiros do renomeado "Bigotes", de Fornelos.
Rematamos esta breve exploración, deixando a fondonada, emprendendo camiño monte arriba cara a zona da "Casa da Pintora". O obxectivo dos meus acompañantes era o ensinarme a "Pedra da Cruciña". Pero antes de chegar a ela, controlando algunhas laxes, localizamos nelas algúns gravados cruciformes, xa históricos (tipo "petróglifos de término", límites...) bastante recentes, que, así mesmo, damos a coñecer.
Por fin chegamos á "Pedra da Cruciña", tipo poste, un tanto irregular, tamaño grande (nos fixo lembrar a un "menhir": pedra longa), pero só na similitude. Pois mide de alto sobre 1'60 m., e formaba parte dunha parede que pecha un mato, coidamos, de propiedade particular.
Tanto a pedra, certamente, monolítica, como a cruciña que mostra, son curiosidades, que tanto abondan na nosa rica Galicia. Neste caso, interesante, non en canto ao mérito arqueolóxico, pero si, polo seu valor etnográfico.