Cando facemos esta reseña descoñecemos sobre estes gravados en San Xoán de Tabagón (O Rosal), calquera bibliografía escrita.
Dito conxunto rupestre, de reducidas dimensións, atópase insculturado nunha pedra xistosa, propia da zona. Emprázase no barrio da Portela, nos montes coñecidos por Ladaíñas*, ladeira SO, próximo e por riba dos chalets máis altos. Dende alí divísase unha espectacular panorámica dos propios Tabagóns co Miño, Portugal e Santa Trega ao fondo.
Na nova estación rupestre, distínguense, aínda que con certa dificultade pola súa erosión, entre outros motivos, liñas paralelas de puntos, pequenas figuras circulares, así como outras con puntos interiores. A localización dos mesmos, débese ás labouras de rastrexo arqueolóxico dos amigos Cándido Verde e José Álvarez (Buraco).
Con estes achádegos nos montes de Tabagón, cóntanse e móstranse no Monte da Macarena, Castro da Portela, e ladeira Sur, dous conxuntos de fermosos gravados cruciformes, históricos, dos que xa temos escrito.
Por outra banda, agora, no Monte das Ladaíñas, tamén se poden contemplar dous grupos de gravados-petróglifos prehistóricos. O primeiro descuberto (restos dun conxunto desaparecido debido á extracción de pedra polos canteiros) e igualmente sobre soporte de xisto. Trátase de media figura de varios círculos concéntricos. Del fálase e recóllese fotografía no BIM, nº 41 (xaneiro-nadal, 2001).
E o segundo é o localizado ultimamente e do que hoxe facemos referencia escrita, sen dúbida, interesante, que vén a enriquecer o noso xa rico e variado patrimonio arqueolóxico rosaleiro.
Curiosa e oficialmente, que saibamos, estes dous conxuntos prehistóricos foron visitados, a propósito da andaina pola ruta dos petróglifos (montes de Eiras e Tabagón) o pasado sábado 12 de nadal do 2015.
*Ladaíñas. Monte así chamado -anota Pedro Díaz, arqueólogo e mestre que foi de Eiras- "por las letanías que allí se rezaban en un vía crucis cercano a la Magdalena". (Noticias de arqueología gallega. Vigo, 1958).