Festas do Santo Cristo de Uma (Salvaterra, 2018)



Outro ano máis, a parroquia de San Andrés de Uma (Salvaterra) honrará o vindeiro domingo 5 de agosto ao Santísimo Cristo da Saúde. Devoción que data, cando menos, do ano 1756, segundo documentación do arquivo parroquial. Os fieis o teñen como avogado, entre outras doenzas, da cabeza.

Como cada ano, na súa igrexa terase a Santa Misa solemne, predicación e devota procesión de ritual ao torreiro das festas: O Cruceiro. Aquí, precisamente, este espazo, está presidido por un artístico cruceiro que data do século XIX, concretamente do ano 1877.




Este monumento, o máis valioso da parroquia, foi erixido e costeado polo párroco naquela data, o Rvdo. D. Rafael Durán y Mera (1869-1905).

Tanto a Santa Misa do propio domingo –festa maior- como a do luns, en loubanza e acción de grazas á Nosa Señora do Carme, son oficiadas polo párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, coas correspondentes homilías, presidindo ambas e devotas procesións ao torreiro, con repique de campás.

Aínda que sen coñecer o programa deste ano, pero sabendo da efectividade das comisións de festas, convidarán algún afinado grupo musical para solemnizar a Eucaristía destas celebracións.




Tamén, por suposto, como é tradicioal, celebraranse por todo o alto as correspondentes festas profanas.

Como seguimos investigando sobre a entrañable parroquia Huma, agardando nalgunha ocasión publicar a súa Historia, damos a coñecer algunas e interesantes noticias. 

Nesta ocasión, presentamos en síntese, a importante e significante doazón e outorgamento das propiedades e dereitos que dous nobres –irmáns- teñen sobre San Andrés de Huma. Doazón que aqueles cristiáns, devotos da Virxe e de San Andrés, fan o 26 de maio de 1407 a favor do Mosteiro do Císter de Nosa Señora da Fonte (A Franqueira).




A finalidade é para que poidan mellorar pastoralmente a vida espiritual dos fieis e veciños de Huma, así como para que a parroquia poida levar a cabo a mellora da igrexa de San Andrés, que se atopa en obras. Esta é, en resumo, a noticia:

Juan e Esteban da Lama ceden al Abad y convento del monasterio de Santa María de la Franqueira el Patronato de la iglesia parroquial de San Andrés de Uma, para que más cumplidamente puedan atender a la reparación del edificio y a su propio sustento”. (A.H.N. Clero, Franqueira, carp. 1785, nº 9). Transcrición do documento –completo- en Revista Museo e Arquivo H.D. de Tui, 1980. Ermelindo Portela Silva, páxs. 381-382).




Desta relación de San Andrés de Uma e a Franqueira, aí está o brasón heráldico da Franqueira, que proba que Uma é filial con todos os dereitos.