Jaime Garrido, arquitecto vigués. In memoriam



Fai poucos días -e de parte do presidente do noso Instituto de Estudios Tudenses, Xavier Añoveros Trías de Bes- recibimos a inesperada e triste noticia do pasamento do compañeiro e membro de número do refundado Instituto, Jaime Garrido Rodríguez.

Garrido era respectuoso co patrimonio e vivía a súa profesión. Pouco imos lembrar de Jaime, xa que era notable persoeiro vigués (Bembrive, 1935) no campo das letras. Veterano arquitecto, exemplar e serio investigador ademais de prolífero historiador.

A el teñen moito que agradecer, entre outras, a cidade de Vigo, a vila de Baiona no Val Miñor ou a cidade de Tui no Baixo Miño.

Reunión do Instituto de Estudios Tudenses. (Tui, 2013)

Esta lembranza, humilde recoñecemento e gratitude a Jaime, ten moito que ver na súa sempre novidosa colaboración na nosa revista Castellum Tyde. Singular valoración esta da miña etapa na que fun presidente do Instituto, de 2007 a 2017.

Outro motivo de gratitude ao amigo Garrido é pola súa noble amizade, reflectida, por exemplo, cando lle solicitamos o prólogo para a nosa publicación de 2007. Trátase do libro que titulamos naquela data Memoria histórica da Capela da Madanela no Monte da Pedrada e vestixios dunha fortaleza. Obra que asinei co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa. Editaron e patrocinaron a mesma as Comunidades de Montes de Barrantes (Tomiño) e de Burgueira (Oia).


Por canto antecede e polo seu amable prólogo que enriquece sen dúbida dita publicación, agradecemos e tamén agardamos que Deus Noso Pai acolla a súa alma na eterna gloria.

Á súa estimada familia a nosa sincera condolencia.

Bibliografía: na revista de Estudos Miñoranos (da que tamén era membro fundador, 2001); Gran Enciclopedia Gallega; Enciclopedia Galega Universal.