PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Eitor Martins publica "Un novo amanhecer"


Fai pouco e con certa demora recibín mediante o noso común parente Benito, esta por agora, última publicación realizada o pasado 2015 polo noso estimado e culto amigo brasileiro Eitor Martins.

E este é o presente e seu máis recente libro: Um novo amanhecer. Aínda que tamén se trata do seu libro máis pequeno (en tamaño, pois ten 140 páxinas) non é tal en interese nin en importancia no seu contido.

Publicación, para nós, a número cinco, na que o amigo Eitor, xurista, empresario e escritor, é o seu autor e tamén editor. El fai unha breve e sincera presentación. Aquí nos conta que o texto do libro Um novo amanhecer, "pode ser leído e interpretado conforme a visión do lector". 


Leva igualmente, unha amistosa dedicatoria a un amigo, que reza: "Fernando García Camacho, dedico a vocé este pequeno libro: obrigado polo seu apoio, incentivo e consideraçao. Súa amizade significa muito para min".

Así mesmo, o prefacio ou prólogo é da súa autoría. É curto e tamén expresivo: "¿Medo? ¡Para que te-lo! O importante é vivir a vida".

Cada un dos seus capítulos son doses de optimismo, de ilusión, de alegría, de esperanza que nos anima a atoparnos coa felicidade, coa paz, con Deus, como Pai e Amigo...

O escritor e autor, remata o seu libro, con impresionantes e metafóricos versos libres, como si se tratase dunha desexada e ideal conclusión agardada: Um novo amanhecer.



Un petróglifo do Rosal de máis de 4000 anos


Espiral de Chan do Picouto. Foto realizada en 1999

Esta é a segunda parte do noso artigo sobre a espiral de "Chan do Picouto" nos Montes do Campo do Couto. (Podes ler a primeira parte aquí).

Dito petróglifo rosaleiro pertence á coñecida Arte Rupestre. A súa datación, atópase entre as Épocas do Cobre e do Bronce. Isto quere dicir que se trata dun documento, un testemuño prehistórico, contando na actualidade con máis de 4000 anos.

Trátase, pois, reiterámolo, dun prezado documento arqueolóxico, remoto testemuño histórico, que acredita que, xa naquel entón, a presenza de primitivos poboadores (moito antes que os celtas), aqueles nosos antepasados, ocupaban o noso territorio de O Rosal. Territorio é certo que, ademais de contar con puntos estratéxicos como hábitat (lugar onde se vive) para a súa protección e defensa, tamén privilexiado polo seu tan fértil val, como fermoso na súa paisaxe, limitado pola Costa Atlántica (Sanxián e Portecelo) e polo río Miño, parroquias da ribeira rosaleira (Eiras, Tabagón e San Miguel).

Aqueles primitivos rosaleiros foron quenes gravaron naquela rocha o espiral do Picouto e non por casualidade (por pasar por alí... pois eran nómadas) senón que esa zona do Picouto, nos Montes do Campo do Couto, era onde vivían. Aquela xente, agora sedentaria, xa coñecía o lume (a metalurxia, a cerámica); xa cultivan a terra, xa domestican animais... e contan con grandes rebaños.


Eses nosos antepasados, de certa cultura, gravaron (e non pintaron, que o podían facer), en duro soporte como é o granito. Esta determinación daquela xente, a súa intención, supoñen os arqueólogos, nesta ocasión no citado estudo de Costas Goberna e Peña Santos, que "implica unha certa vontade de perdurabilidade".

A confección desta gravación, reflicte sorprendente simetría, técnica, arte e precisión no manexo do "pico de cuarzo" (seu cincel) que non de bronce*. Parece executada para as xeracións vindeiras, pero a súa interpretación, a súa mensaxe, é unha incógnita, un misterio, hoxe por hoxe.

Os arqueólogos en xeral limítanse a dicir que se trata "dunha linguaxe mística moi complicada producida por unha sociedade complexa e certamente evolucionada".

Tamén e verdade que non faltan hipóteses deste místico símbolo, de temática xeométrica, que van dende o sol á natureza, ao firmamento, a luz, o infinito, a eternidade, a divinidade: deuses... Significados, din os expertos, que "dependendo en cada caso do contexto cultural no que se integra".

En definitiva, nos comentan Costas Goberna e De la Peña Santos, un tanto ironicamente, que se trata "dun universo simbólico que hoxe se nos antolla inabarcable ó faltarnos o imprescindible libro de claves".

*O bronce naquel entón descuberto, era como o ouro para nós; só o empregaban para facer xoias ou como moedad de intercambio por especies: animais, alimentos, etc.

Noraboa á Comunidade de Montes de Santa Mariña



Noraboa á nosa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal, pola orixinal idea de ilustrar o seu pequeno almanaque de mesa do presente 2016, con desexo de feliz ano, coas figuras do citado e simbólico espiral de Chan do Picouto en Campo do Couto e coa Cruz da Portela (Sanxián).

Sen dúbida é unha forma loable de dar a coñecer o noso rico patrimonio arqueolóxico, prehistórico. Patrimonio este do concello que é tamén o máis descoñecido dos veciños.

Pois, desa figura, universal símbolo, que ilustra o almanaque na súa primeira parte -metade do ano (xullo-decembro)- os arqueólogos Costas Goberna e De la Peña Santos referíndose nunha recente publicación* e aludindo á variada arte rupestre do Rosal, lembran, que conta "no alto do Picouto cunha extraordinaria espiral" (páx. 11).


Trátase, certamente, do gravado "espiral" de maior diámetro (37 cm) de todo este tipo de figura da arte rupestre do noso municipio.

E tamén é entre os grupos de gravados prehistóricos, o que se atopa emprazado en lugar máis elevado; como o situado máis baixo é o conxunto da Laxe do Lapón, en Portecelo.

Esta figura, petróglifo de "Chan do Picouto" (espiral) cos de "forma circular", son os máis típicos e representativos dos petróglifos galaicos.

Este gravado tan singular polo seu perfecto acabado, como polo seu misterioso significado, foi atopado en 1973, grazas á información oral de varios cazadores, que pisando nesa laxe, observaron "ese curioso debuxo". Démolo a coñecer en 1975, a propósito da publicación do libro de Festas: Villa de El Rosal-Romería de San Vicente. Marzán, xaneiro de 1975, páx. 23.


Fai pouco e con desagradable sorpresa constatamos na nosa información (Inventario Oficial do Patrimonio Arqueolóxico, hai varios anos publicado pola Xunta de Galicia) que este xacemento do "Chan do Picouto", non está alí recollido, rexistrado. Intentaremos en diante que figure en dito inventario.

Do presente e presunto gravado "espiral do Picouto", demos conta na sección do BIM (Boletín Informativo Municipal): Aportación á carta arqueolóxica do Concello do Rosal, nº 43, xaneiro-nadal, 2003.

(Continuará)

*F.J. Costas Goberna e A. De la Peña Santos. A Fauna e o ser humano na Prehistoria do Baixo Miño a través dos gravados rupestres. (Monografías da Asociación Nat. Baixo Miño-Anabam, nº 13), 2002.

Gravados de "Chan do Rei" e "Presa de Novellos"

Detalle dos cervos de Chan do Rei (Marzán-O Rosal)

A recuperación do petróglifo de Ghorghalado, en Eiras, sen lugar a dúbidas, é un detalle de loable sensibilidade cultural, tanto por parte da Comisión de Cultura, como de toda a Corporación que preside o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela.



É este o primeiro conxunto arqueolóxico do concello do Rosal ao que se lle recoñece o seu importante valor histórico-documental, agardando non sexa o último ou único. 


Na compaña de Fernando Javier Costas Goberna. (Foto: Galovart)

Nesta amistosa xuntanza de Eiras, tivemos a oportunidade de saudar aos amigos nas lides arqueolóxicas de tempos atrás, como Pepe Galovart, Costas Goberna ou Lois Vilar, entre outros.


Arriba, Pepe Galovart e abaixo Vilar Pedreira e Costas Goberna tomando notas

Tal e como se prometeu, agardamos, igualmente, se poñan en valor os outros non menos importantes conxuntos, das máis de 25 estacións rupestres catalogadas, como poden ser os singulares conxuntos de Chan do Rei, en Marzán (prehistóricos). 



Aquí se atopa nin máis nin menos que un "labirinto", un grupo de cervos, espirais e un reticulado (sen rematar...).


Vista xeral do petróglifo dos cervos de Chan do Rei

O outro conxunto, tamén digno de por en valor e ser recoñecido, é a ampla estación de "cruciformes da Presa de Novellos", preciosos gravados históricos con recreación da cruz. 


Este conxunto é o maior en extensión de gravados en pedra de todo o concello do Rosal. Atópase entre un grupo de espirais e sucos e o castro galaico-romano de Parada, en Novás.



A nosa máis sincera noraboa á Corporación do concello do Rosal por tan acertada iniciativa. Os rosaleiros ben se merecen o recoñecemento do seu tan rico como múltiple Patrimonio.


Novo libro do escritor rosaleiro José M. de Sousa


O distinguido escritor rosaleiro, noso caro amigo José Martínez de Sousa*, acaba de presentar esta coñecida publicación, na súa 5ª edición, agora revisada.

Saíu de Ediciones TREA, S.L., de Gijón (Asturias) recentemente e acaba de chegarnos, polo que acusamos recibo.

Lembramos que a súa 1ª edición viu a luz en marzo de 2000. Leva dedicatoria: PARA PILI, mujer con estilo.

A obra consta de 773 páxinas, leva os correspondentes índices, lista de cadros, etc.

Asina a presentación Emilio Delgado López-Cózar. O prólogo é do propio autor.


Con toda intención, nada ou pouco imos dicir. Basta observar que dita publicación xa se atopa na súa 5ª edición. E isto xa quere dicir moito. De calquera xeito só lembramos o que a Editorial anota na solapa: "Las dos partes de que consta este Manual de estilo de la lengua española tienen el mismo fin: ayudar a redactar bien y con propiedad a quienes diariamente han de enfrentarse con una cuartilla en blanco o una pantalla de ordenador vacía".

Ao escritor rosaleiro Martínez de Sousa, unha vez máis, a nosa noraboa, así como da propia cidadanía rosaleira.

*O rosaleiro José Martínez de Sousa é autor de máis dunha vintena de libros e foi, entre outros cargos, presidente da Asociación Internacional de Bibliología (AIB) ou da Asociación Española de bibliología (AEB), da que actualmente é presidente honorario.

Descubrimento dun novo conxunto prehistórico


Cando facemos esta reseña descoñecemos sobre estes gravados en San Xoán de Tabagón (O Rosal), calquera bibliografía escrita.

Dito conxunto rupestre, de reducidas dimensións, atópase insculturado nunha pedra xistosa, propia da zona. Emprázase no barrio da Portela, nos montes coñecidos por Ladaíñas*, ladeira SO, próximo e por riba dos chalets máis altos. Dende alí divísase unha espectacular panorámica dos propios Tabagóns co Miño, Portugal e Santa Trega ao fondo.


Na nova estación rupestre, distínguense, aínda que con certa dificultade pola súa erosión, entre outros motivos,  liñas paralelas de puntos, pequenas figuras circulares, así como outras con puntos interiores. A localización dos mesmos, débese ás labouras de rastrexo arqueolóxico dos amigos Cándido Verde e José Álvarez (Buraco).

Con estes achádegos nos montes de Tabagón, cóntanse e móstranse no Monte da Macarena, Castro da Portela, e ladeira Sur, dous conxuntos de fermosos gravados cruciformes, históricos, dos que xa temos escrito. 


Por outra banda, agora, no Monte das Ladaíñas, tamén se poden contemplar dous grupos de gravados-petróglifos prehistóricos. O primeiro descuberto (restos dun conxunto desaparecido debido á extracción de pedra polos canteiros) e igualmente sobre soporte de xisto. Trátase de media figura de varios círculos concéntricos. Del fálase e recóllese fotografía no BIM, nº 41 (xaneiro-nadal, 2001).

E o segundo é o localizado ultimamente e do que hoxe facemos referencia escrita, sen dúbida, interesante, que vén a enriquecer o noso xa rico e variado patrimonio arqueolóxico rosaleiro.


Curiosa e oficialmente, que saibamos, estes dous conxuntos prehistóricos foron visitados, a propósito da andaina pola ruta dos petróglifos (montes de Eiras e Tabagón) o pasado sábado 12 de nadal do 2015.

*Ladaíñas. Monte así chamado -anota Pedro Díaz, arqueólogo e mestre que foi de Eiras- "por las letanías que allí se rezaban en un vía crucis cercano a la Magdalena". (Noticias de arqueología gallega. Vigo, 1958).

Achádegos cruciformes en Chan do Picón (O Rosal)


Tal e como tiña prometido, achegámonos novamente, ao lugar da "Chan do Picón". Pero, nesta ocasión, na compaña dos amigos Manolo do Picón e Suso Diego de Fornelos, meus vellos e fieis colaboradores.


Accedemos pola parte norte, próximo ao Castro do Picón, visitando algunha casa vella, agora está en vías de restauración, que nos mostrou Manolo, seu propietario.


Tomamos logo o camiño antigo polo monte e dirección sur, ollando, entre outros vestixios, evidentes pegadas de carro, para chegar ao lugar da "Chan do Picón".


Xa nesta estratéxica cume, propicia para emprazarse, defenderse (ocultarse) e controlar calquera movemento de posible invasor, aproveitamos para voltar a disfrutar daquelas singulares panorámicas. 

Tamén a eles lles mostrei o sinxelo petróglifo prehistórico (Época do Bronce), símbolo e probable altar de cultos primitivos.


A seguir e guiado polos meus acompañantes, emprendemos camiño, agora cara ao norte da Chan, descendendo pola vagoada ata situarnos, próximo e ao oeste da popular quinta "A Valle", no Xestal. Finca de lembranzas medievais, totalmente cercada, con restos de vivenda, tipo casona de xente acomodada e da que falaremos noutra ocasión.


Aínda que só sexa por curiosidade, reseño, que, case no fondo da vagoada (lugar pouco propicio para achádegos arqueolóxicos), atopamos unha grande presa de auga, de formigón e protexida, envolta por rede. Aquela auga, segundo os nosos amigos, proviña dunha mina inmediata á presa. A súa auga se empregaba para regar a referida quinta da Valle. Tan extensa finca, actualmente, pertence aos herdeiros do renomeado "Bigotes", de Fornelos.


Rematamos esta breve exploración, deixando a fondonada, emprendendo camiño monte arriba cara a zona da "Casa da Pintora". O obxectivo dos meus acompañantes era o ensinarme a "Pedra da Cruciña". Pero antes de chegar a ela, controlando algunhas laxes, localizamos nelas algúns gravados cruciformes, xa históricos (tipo "petróglifos de término", límites...) bastante recentes, que, así mesmo, damos a coñecer.


Por fin chegamos á "Pedra da Cruciña", tipo poste, un tanto irregular, tamaño grande (nos fixo lembrar a un "menhir": pedra longa), pero só na similitude. Pois mide de alto sobre 1'60 m., e formaba parte dunha parede que pecha un mato, coidamos, de propiedade particular. 


Tanto a pedra, certamente, monolítica, como a cruciña que mostra, son curiosidades, que tanto abondan na nosa rica Galicia. Neste caso, interesante, non en canto ao mérito arqueolóxico, pero si, polo seu valor etnográfico.

Panorámicas e restos arqueolóxicos no Picón


Coñecemos as fermosas panorámicas e paisaxes da nosa Moi Leal Vila do Rosal, dende os puntos estratéxicos dos montes da xeografía, que conforman o Val do Rosal, que non ten igual.



Pero, o que aínda non coñecíamos era, precisamente, as vistas dende o pequeno miradoiro do "pico", alto do Picón de Arriba, na xuradía de Fornelos.


Alá fomos, pois, a miña dona e máis eu. Só sabíamos del a distancia, por exemplo, dende as Mondañedas ou dende a Pedra Furada. Monte alto, que non hai moito foi pasto do lume, que se atopa ao sur do "Castro do Picón", distante uns 300 metros.



Pasada a "Fonte de San Martiño", collemos o primeiro camiño á dereita e monte arriba, ata chegar ao lugar da "Chan", interesante esplanada.



Subimos aos puntos máis elevados para contemplar aquela paisaxe especial: As Cruces, Fornelos, Caselas, Martín, a vila, o val do Rosal, o Miño, Portugal, o Trega, o Torroso...



Rematamos a nosa visita, aquí nos montes do Picón, non sen antes facer unha breve e obrigada prospección arqueolóxica, aproveitando a circunstancial visita.



Atopamos naquelas afloracións graníticas pequenos grupos de coviñas, case todos froito da erosión, debido en parte ao tipo de granito de grao groso. Pero, o máis especial foi a localización fóra da "Bouza da Chan", enriba dun coto, dun grupo de laxes. 



Estas formaban certo abrigo e nunha desas rochas sobresaían varias coviñas, concretamente tres. Delas non ofrecían dúbida, tanto a máis pequena, seu diámetro medía 7 cm; e a maior e máis interesante, seu diámetro é de 16 cm e outro tanto mide o suco que sae desta coviña.



Pola súa elevación, forma e orientación do conxunto podería tratarse dun lugar adicado á realización de ritos pagáns.




Supomos isto pola analoxía con outros casos, gravados similares, máxime, pola típica orientación ao levante por onde nace o Sol, a Luz, a Vida. Outro tanto fixeron os primeiros cristiáns, por exemplo, tomándoos como símbolos de Cristo, Salvación. 



Non esquezamos, que, por idéntica razón, a Igrexa, dende antigo, orienta os seus santuarios (seu altar maior) cara ao nacente.



A este outeiro do Picón voltaremos a referirnos en breve.

Reiterando a miña gratitude á nosa vila, O Rosal


A pesares de que xa din o meu agradecemento in situ, e o propio día en que se tributou a homenaxe, quero tamén deixar aquí na miña páxina, as verbas que pronunciei publicamente naquel sinxelo pero cordial acto do 12 de outubro na XXVIII Festa do Cabaqueiro.



Foime imposta polo alcalde, a insignia do Concello do Rosal e, entregada pola edil de Cultura, unha figura de Castelao, cuxa praca rezaba: CONCELLO DO ROSAL. A D. XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE EN RECOÑECEMENTO POLA SÚA LABOR HISTÓRICA E DE INVESTIGACIÓN DA CULTURA ROSALEIRA. 12 DE OUTUBRO DE 2015.



"A todos, moi boas tardes.

Sen lugar a dúbidas que teño e quero dar as miñas máis expresivas grazas, tanto á Corporación Municipal, que como alcalde preside Jesús María Fernández Portela, como á concelleira de Cultura, Charo Tabales, por este recoñecemento e homenaxe, que hoxe se me ofrece.

Só quero lembrar que os maiores logros destas 28 celebracións na memoria dos nosos cabaqueiros de todos os tempos, son todo un honra para os rosaleiros así como para os de Salcidos (A Guarda). Son, pois, logros histórico-culturais:

-O levantar na praza maior do noso concello, en xusta homenaxe, o Monumento ao "Daorde de Lurio", isto é, o "Cabaqueiro de Pedra" que nos lembra aquel seu vello oficio: A Telleira.

-A celebración anual da festa dos cabaqueiros na Pilarica, ocasión para velos lasquear en directo, facendo a tradicional demostración cabaqueira, compartir recordos e vivencias en amizade. 



-A memoria ou publicación monográfica de cada ano cos pregóns, biografías dos cabaqueiros, traballos de investigación, etc. Xa colección de 28 revistas.

-E, por último, o Museo, Centro Etnográfico, coa rica "sección da Cabaqueira" é a testemuña viva da súa vida, da súa obra e da súa cultura.

Tales logros se deben á exemplar colaboración entre o Concello, os cabaqueiros, así como a de todos os rosaleiros amantes da súa cultura, a cultura do noso pobo, O Rosal.

Unha vez máis amigos todos, moitísimas grazas".

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE